Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Máis Iniciativas/Campañas
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Eleccións sindicais
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Educación Exterior
  Reseñas DOG
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2011-2012
O STEG celebra a resposta masiva nas mobilizacións europeas do 29F

29 de febreiro

Defendemos os Dereitos

Levamos máis de catro anos de crise, provocada por un modelo económico baseado na especulación e o enriquecemento rápido dunha minoría. Os bancos animaron á poboación a endebedarse con empréstitos supostamente baratos e a moi longo prazo; os gobernos, a todos os niveis, e os organismos responsábeis apoiaron este modelo como se fose sostibel infinitamente, sen controlar ademais os movementos de diñeiro, a nivel internacional e a nivel local, en inversións de risco.

Quen debían controlar non controlaron, quen debían prever a situación nin uliron os problemas…Non pasa nada, xa teñen a solución: a saída da crise está en asegurar as ganancias dos grandes investidores (os que provocaron a crise) e para iso, débese recortar naquilo que vai ás persoas traballadoras e á cidadanía en forma de dereitos.

Pensabamos que ter un salario xusto, suficiente para vivir, era un dereito. Criamos que gozar de sanidade, educación, atención a persoas dependentes, pensións, escolas infantis, protección civil, cultura… de calidade e ao alcance de toda a poboación, era o lóxico nunha sociedade avanzada, tecnolóxica e democraticamente, e que esa sociedade era a que estabamos a construir..

Pois todo iso, que parecía tan normal, o que chamamos o “Estado do Benestar” é o que están a desmontar coa escusa da crise. Mentres, axúdase de forma escandalosa aos bancos e asegúranse salarios e pensións indecentes para quen manexan o cotarro.Permítense que as grandes fortunas continúen pagando uns impostos ridículos, ao lado dos que pagamos as persoas traballadoras.Segue sen aflorar toda a economía somerxida, nin o diñeiro negro que se moveu con tanto descaro, nin se descobre o inmenso fraude fiscal.É dicir, todo o que podería resolver o problema do déficit do Estado, mesmo mellorando os servizos públicos, segue sen se acometer.Iso si, subíronse os impostos indirectos (como o IVA que paga todo o mundo) e o IRPF que pagan fundamentalmente as persoas asalariadas, non as grandes fortunas).

O que a Unión Europea (e os seus líderes Merkel e Sarkozy), o Goberno do Estado (antes Zapatero e agora Rajoy) as Comunidades Autónomas (con Feijóo á cabeza) a maioría de Concellos… están a facer, é o que lles piden as grandes corporacións.Xa sabemos quen manda aquí: menos do 1% da poboación. Ao resto, ao 99%, é a quen se lle aplican os recortes, para diminuír o déficit e, segundo eles, para dinamizar a economía.O que non din é de quen é a economía que queren mellorar.

De forma xeneralizada, baixáronsenos os salarios.Ao persoal empregado público de forma directa cos orzamentos xerais, e nas empresas privadas, coas sucesivas reformas laborais.E de forma segura, seguirán baixando baixo a ameaza de despedimento barato ou mesmo gratuíto que permite a última reforma.Xa de nada serven os convenios colectivos, que garantían unhas condicións mínimas de traballo.O único convenio serán os desexos das empresas.

Recórtanse gastos sociais e ameázase con os afondar (sanidade, educación, pensións, dependencia, exclusión…) diminuindo cadros (e despedindo persoal) reducindo prestacións, limitando o número de persoas con dereito a acceder, privatizando servizos… E aínda se ameaza co copago.

Este é o camiño que sinalaron en Europa os poderosos.Recortar dereitos sociais e laborais.E se non se aceptan, tamén se remata cos dereitos democráticos. Xa se cambiaron gobernos sen eleccións en Grecia e Italia.Cambiouse a Constitución Española, en dous días, sen participación nin aprobación da cidadanía.

É por iso que, tamén a nivel europeo, se convocaron mobilizacións en defensa do Estado Social.Para protestar contra estas políticas de garantir beneficios aos ricos, a base de recortar servizos e dereitos ás poboacións. A resposta masiva en Galiza dá a medida da dureza da situación actual para milleiros de galega e galegos.

 Tardouse moito en conseguir melloras que nos queren arrebatar en pouco tempo.É hora de se mover en defensa dos dereitos.Aínda que os recortes vaian sector por sector, de territorio en territorio.Non esperemos a que nos toque directamente para nos dar conta de que a agresión é total e xeneralizada.

 

Ou parámolos ou quítannolo todo.

Di que NON a:

Baixada de salarios.

Aumento da xornada laboral.

Despedimentos inxustificados e baratos.

Recortes en ensino e sanidade.

Rebaixa das pensións.

Contratos lixo.

Privatización e estrago dos Servizos Públicos.

Recortes sociais.

Modificación das condicións laborais sen acordo.

 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal