Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Reseñas DOG
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Educación Exterior
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Eleccións sindicais
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2011-2012
O STEG manifesta a súa absoluta repulsa aos recortes anunciados polo ministro Wert en educación
O STEG manifesta a súa absoluta repulsa aos recortes anunciados polo ministro Wert en educación

O sindicato urxe ao Conselleiro a que aclare canto antes se ten a intención de manter os recursos destinados a educación e non castigar máis cos recortes á escola pública, ou se pola contra acatará as instruccións de Madrid pese ás consecuencias desastrosas que sen dúbida terán para a calidade educativa. Desde o STEG demandamos ao goberno galego que non continúe coa súa política de recortes de educación, xa que se deterioraría a calidade educativa considerablemente, hipotecando o futuro das xeracións máis novas.


- Obrigar ao profesorado a asumir ata un 20% máis de alumnado, xunto cun aumento de horas docentes-o que en secundaria e entre os mestres especialistas en primaria implica un aumento dos grupos que imparte cada docente, é dicir, outro aumento de alumnado- supón condenar ao fracaso académico a aquela parte das alumnas e alumnos que precisan maior atención e que non a recibirán porque, literalmente, non haberá de onde sacar o tempo para o facer. Dito doutra maneira, é un xeito de introducir o “copago” na educación pública: quen teña dificultades nalgunha materia e a súa familia poida costearse clases particulares, terá unha oportunidade de as superar; quen non, engrosará as abultadas cifras do fracaso escolar.

Esta medida suporía, ademais, o despedimento de centos de interinas e interinos que están a completar actualmente as plantillas fixas dos centros educativos, así como precarizar aínda máis as condicións laborais dos que non vaian ao paro. A eliminación practicamente total do profesorado interino e substituto que se podería chegar a dar, e a nova reestruturación da planificación dos centros (grupos e cadros) pode traer consigo unha remexida xeral de amplos sectores do profesorado que hoxe teñen praza definitiva nos seus centros e que se verían desprazados. Xa que logo, imos asistir a un final de curso convulso pola situación de incerteza que se vai dar nos cadros dos centros educativos e moito máis pola ameaza de que centos, mesmo máis de mil persoas se queden sen traballo.

- A medida relacionada coa non cobertura das baixas por enfermidade de ata 15 días,temos a certeza de que a Consellaría a aplicará, xa que a deficiente cobertura das baixas vén sendo unha estratexia de aforro económico empregada cada vez máis pola consellaría, como puidemos constatar ao longo deste curso.


- Aprazar o aumento a 2000 horas de todos os ciclos de FP supón unha retroceso claro na formación do alumnado – coa reforma agora paralizada, de tres trimestres lectivos pasaríase a cinco- e polo tanto na mellora da “competitividade”da que,segundo nos din, andamos escasos no mercado laboral.A implantación da nova FP paralícese unha vez máis, o que demostra a incontinencia verbal dun ministro que se desdi do anunciado fai escasas datas , o que non parece de recibo por moito que se queiran xustificar lembrándonos que vivimos unha “situación excepcional”.


-Eliminar as dúas opcións de Bacharelato en todos os centros educativos, suporía, nos centros educativos do rural galego, unha clara discriminación do alumnado ao obrigalo a se desprazar, de puider, a centros mesmo doutras localidades nos que se imparta a opción que debe, obrigatoriamente, cursar para poder optar aos estudos posteriores que desexe. Unha proba máis de cómo os recortes afodan nas desigualdades de partida e non se trata dunha mera xestión eficiente sen consecuencias para a igualdade de oportunidades, como nos queren facer crer. De ir esta medida acompañada da eliminación de bolsas para o transporte (quen pon a man no lume a que isto non vai pasar?), impediría ao alumnado de sectores máis desfavorecidos acudir aos centros de ensino onde se imparta a súa opción de bacharelato.

- Conxelar ou reducir os complementos salariais do profesorado suporía castigar máis a un colectivo ao que xa se lle ten aplicado unha rebaixa salarial considerable, o que unido ao deterioro do labor docente que implican as outras medidas anunciadas, tería unhas consecuencias previsiblemente desastrosas sobre a moral do profesorado.

Ante esta situación de emerxencia dos servizos públicos é necesario que tomemos conciencia de que estes recortes e perdas de dereitos para o conxunto da sociedade non son medidas de carácter temporal, como nos din; veñen para se quedar e converter os servizos públicos en algo residual, promovendo as privatizacións e as formas de financiamento mixto, coñecido como “copago”, á que deberíamos denominar “repago”, porque son servizos que xa pagamos cos nosos impostos. Fronte a esta situación, esiximos ao Goberno Central e ao da Xunta que persigan a fraude fiscal e non propicien amnistías, que paguen máis os que máis teñen, xa que os recortes do público non só destrúen emprego,senon que xeran pobreza e exclusión social, incrementando a inxustiza e a perda de calidade democrática que estamos a padecer.

Ante a proximidade das eleccións galegas podería suceder que o goberno da Xunta decidise agardar os resultados antes de aplicar as medidas máis drásticas, pero a calificación por parte do Conselleiro das mesmas como “medidas valentes” non dá moitas esperanzas sobre un hipotético “plante” a Madrid a medio prazo.De persistir a Consellaría na súa política de recortes,desde o STEG faremos un chamamento a toda a comunidade educativa para se mobilizar ata os deter.
Desde o STEG apoiaremos, ademais, as mobilizacións contra os recortes en educación a nivel estatal, tanto por un elemental sentido da solidariedade con outros pobos, como polo feito de que o que se aplica- á baixa- noutras comunidades, máis cedo que tarde nos chega a nós...


Secretariado Nacional do STEG
16 de abril de 2012

pdf do documento
 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal