Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Reseñas DOG
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Educación Exterior
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Eleccións sindicais
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2012-2013
A sociedade civil organízase na defensa dunhas condicións de vida dignas

 
 
Diferentes organizacións e entidades, entre as que se atopa o STEG, que representamos a sociedade civil galega constituímos a ALIANZA SOCIAL GALEGA para darmos unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que, seguindo os ditados da Unión Europea, están desenvolvendo os Gobernos de Galicia e o Estado, con consecuencias moi graves para as condicións de traballo e de vida da maioría social.

Referímonos ás políticas que se veñen aplicando, especialmente desde maio de 2010, que atenden só aos intereses dos mercados ou, o que é o mesmo, da banca e do capital financeiro internacional, que mediante o seu neoliberalismo depredador mingua e pretende reducir á mínima expresión, cando non finiquitar, o. Políticas que o PP está intensificando desde que chegou ao poder no Estado.

Un PP que subiu o IRPF das clases traballadoras, mentiu dicindo que incrementaban as pensións cando o incremento era absorbido polo IRPF, conxelou o SMI e o IPREM —que serven de referencia para moitos salarios e prestacións sociais—, limitou o acceso á renda de emancipación e ás prestacións da dependencia, recortou salarios e dereitos de traballadores e traballadoras públicos, pero non fixo nada para reactivar a actividade económica, crear emprego e reducir o paro.

Ratificou unha reforma laboral que desmantela o actual modelo de negociación colectiva, abarata e facilita o despedimento, non contribúe á creación de emprego e individualiza as relacións laborais, deixando os traballadores e as traballadoras indefensos e expostos á arbitrariedade dos empresarios e das empresarias.

Decidiu, aos poucos días de aprobar os orzamentos xerais do Estado de 2012, un novo recorte nos recursos destinados á sanidade e ao ensino públicos. Estableceu, o copagamento dos medicamentos (un medicamentazo que recae sobre aquelas persoas con menos medios, fundamentalmente sobre as persoas maiores), o repagamento polo transporte non urxente (moi importante para Galicia, onde a poboación do rural debe desprazarse aos grandes centros hospitalarios), anunciou un catálogo restritivo de servizos e prestacións sanitarias (o que obrigará os usuarios a pagar moitas delas) e a privatización do financiamento e xestión dos centros de saúde, dándollelos a concesionarios privados. Incrementou o custo dos estudos, dificultándolles aos fillos e fillas das clases traballadoras o acceso a eles, favorece a privatización do ensino fronte á súa universalización e acaba de aprobar unha contrarreforma do ensino que nos sitúa nun modelo educativo de tempos pasados. Privatizou servizos públicos, vulnerando os principios de universalidade, suficiencia e igualdade de acceso e cobertura que deben garantir eses servizos. Aplicando criterios economicistas e de austeridade que non fan máis que destruír a rede pública existente, xa de seu escasa como se pode ver no informe especial do Defensor del Pueblo de 2007, que denunciaba a falla de servizos especializados.

En xullo deste ano, o Goberno español afondou de novo nestas políticas antisociais, con medidas que afectan ás persoas en paro (recórtanselles prestacións xusto cando máis as necesitan), ás persoas pensionistas, ás que traballan como autónomas (sóbenlles as retencións), aos traballadores e traballadoras do sector público (criminalizados logo de reducirlles unha vez máis o salario ó eliminarlles a paga extra de Nadal), á mocidade coa nova modalidade de contratos para a formación, ou promovendo a suba indiscriminada do IVE que repercute de forma máis grave nas rendas máis baixas, o que, unido á falta de financiamento e de acceso ao crédito, termina de darlles o réquiem aos autónomos e autónomas, que son un dos motores da nosa economía. Máis medidas que non nos sacarán da crise porque contraen o consumo e con el a actividade económica, o que xera aínda máis desemprego.

Decisións todas elas que supoñen unha agresión ás clases populares, sen precedentes na nosa historia democrática, con consecuencias laborais, sociais, económicas e políticas moi negativas, tanto desde o punto de vista democrático como da xustiza social, coa única finalidade de favorecer os intereses e incrementar os beneficios do capital, como xa se fixera antes con medidas como a redución da tributación das rendas máis altas e das rendas de capital e cunha xenerosa amnistía fiscal, que se completa cunha baixada de dous puntos nas cotizacións sociais das empresas, para falar, a seguir, de que non se pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións e estimular os sistemas de seguros privados.

O penúltimo recorte vén da man dos orzamentos do Estado para 2013, que van traer máis paro e recesión, pois só prevén recortes no investimento e no gasto social co fin de obter recursos para financiar a débeda contraída polo rescate ao sistema bancario. Redúcese a protección por desemprego —máis alá dos recortes de xullo—, ao non incorporar nin a prórroga do PREPARA nin a reposición de prestacións nos expedientes temporais de regulación de emprego; só recolle un incremento do 1% para as pensións e diminúen as partidas para dependencia, servizos sociais, medio ambiente, desenvolvemento rural, cooperación ao desenvolvemento (con consecuencias directas sobre as persoas máis vulnerables e sobre as políticas de loita contra a pobreza) e os programas destinados á loita contra a violencia de xénero e a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Ademais, coa modificación da lei do aborto anunciada polo Goberno español, retrocederase máis de vinte anos no recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

O último recorte aínda está por chegar e será o mal chamado rescate que negocia o Goberno español. De se levar a cabo, suporá novas condicións e, por tanto, novos recortes, que ameazan con desbaratar o sistema de pensións e as prestacións por desemprego.

En Galicia, a estas políticas de recortes de dereitos, de deterioración e privatizacións dos servizos públicos e dos servizos sociais (sirva como exemplo disto último o peche de centros de menores e a amortización de prazas de educadoras/es sociais, a redución de recursos como a RISGA ou a desaparición do programa Preescolar na Casa), de precarización das condicións de traballo e baixadas nos salarios dos empregados/as públicos e privados, de desmantelamento do actual modelo de relacións laborais, de diminución dos programas e recursos destinados aos traballadores e traballadoras autónomos tanto para accións individuais como para as organizacións que os representan, promovidas desde o Goberno español e aplicadas aquí con dureza polo Goberno galego, temos que engadirlles o incremento das desigualdades sociais; a destrución dunha parte fundamental do noso tecido produtivo (naval, leiteiro, conserveiro, pesqueiro, téxtil), así como a entrega dos recursos endóxenos ás multinacionais sen xerar valor engadido, nin para o territorio nin para as poboacións que os xestionan, o que está a provocar que teñamos os maiores índices de desemprego da nosa historia (preto de 300.000 persoas desempregadas); o abandono do Goberno galego da esixencia de dotar de novas competencias o noso Parlamento en beneficio do noso autogoberno, ou mesmo algo peor, como a súa colaboración na recentralización promovida polo PP estatal; ou un ataque sen precedentes ao idioma galego, na teima de eliminar o noso principal sinal de identidade nacional. Todo o recorte na rede de servizos públicos está a ter especial incidencia no mundo rural galego, cunha poboación moi espallada, en moitos casos avellentada, cunha rede xa de por si escasa de servizos públicos e cunha economía cada día máis deteriorada, como consecuencia da falta de apoio das Administracións públicas e dunhas políticas de prezos dos produtos agrarios totalmente inxustas e promultinacionais.

Non existe ningún colectivo nin ámbito social e cultural que se libre das consecuencias destas políticas, agás os poderes económicos e as elites que os representan. Traballadores e traballadoras do sector privado e do público, desempregados e desempregadas, mozos e mozas, pensionistas, inmigrantes, labregas/os, autónomos/as… estamos a padecer as consecuencias dunhas políticas que nos levan a un cambio de modelo social, que nos empurran a unha sociedade máis inxusta e menos igualitaria.

Diante de todo o exposto e da perspectiva real de que a situación empeore nos próximos meses, como consecuencia destas políticas promovidas polo BCE, a CE e o FMI, e postas en práctica en Galicia e o Estado polos gobernos do PP, as organizacións e entidades reunidas hoxe promoveremos mobilizacións para expresarmos o rexeitamento da sociedade galega ás políticas que se están aplicando. Porque a saída da crise non pode recaer sobre os máis débiles nin facerse á custa do empobrecemento da poboación.

Estamos firmemente decididos a defender uns dereitos e unhas condicións de vida que se conseguiron tras moitos anos de loita e sacrificios das xeracións pasadas e presentes. Estamos firmemente decididos a loitar para que as xeracións futuras poidan vivir nunha sociedade galega máis xusta, libre, democrática e sustentábel social e ambientalmente.


Entidades que conforman a ALIANZA SOCIAL GALEGA:
A Mesa pola Normalización Lingüística; ACSUR Galicia; Asemblea de Cooperación Pola Paz; Asociación Fuco Buzán; Asociación Galega de Historiadores; Asociación Galega de Mariscadoras/es; Asociación Monte Pindo Parque Natural; Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA); Asociación Sociocultural Namentras; Asociación Sociopedagóxica Galega; Colexio de Educadores/as Sociais de Galicia; Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña; Comités Abertos de Facultade; CONFAPA Galicia; Confraría Pescadores Póboa do Caramiñal; Coordinadora Galega de ONGs; Escola Viva; Fed. ANPAS Compostela; Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura; Federación de Asociacións de Mulleres Rurais; Federación de Profesionais e Autónomos/as de Galicia; Federación Galega d Medio Ambiente; Federación Galega de Bandas de Música Populares; Federación Provincial APAS Lugo; Federación Rural Galega; Fundación 10 de Marzo; Fundación Castelao; Fundación Defensa dos Consumidores; Fundación Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical na Galiza; Fundación Galicia Sempre; Fundación Luís Tilve; Fundación Paz e Solidariedade; Iniciativa Estudantil Galega; Iniciativa Galega Pola Memoria; Instituto de Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia ISCOD; Instituto Galego da Historia; Liga Estudantil Galega; Movemento polos Dereitos Civis; Nova Escola Galega; Plataforma Defensa Ensino Público; Plataforma Defensa Sistema Público Galego de Servizos Sociais; Plataforma Galega Defensa Ensino Público; Plataforma polo Emprego (Asociación); Plataforma Queremos Galego; Seminario Galego de Educación para a Paz; Sindicato de Estudantes; Sindicato de Xornalistas; Sindicato Labrego Galego; Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza; SOS Sanidade Pública; Unión de Autónomos de Transporte Carretera e Mar; Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos; Unións Agrarias; USTG; Xustiza e Sociedade
 

18 de outubro de 2012
 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal