Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Reseñas DOG
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Educación Exterior
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Eleccións sindicais
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  LINGUA GALEGA   
17 DE MAIO
Desde o STEG saudamos a celebración dun novo 17 de maio
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2013

Desde o STEG queremos saudar a celebración dun novo 17 de Maio, festa máxima da nosa lingua e da nosa cultura. A data, emblemática de seu, chega este ano reforzada no plano simbólico por se cumprir o 150 aniversario da edición desa xoia da poesía universal titulada Cantares gallegos, de Rosalía de Castro; por ser a número cincuenta da festividade, desde que se aprobou no seo da Academia Galega, a proposta de Fernández del Riego, a súa posta en marcha; e, tamén, por ir dedicada en particular a un xigante da escena e da dramaturxia galega como é Roberto Vidal Bolaño.

Esta efeméride, nos seus cincuenta anos de existencia, foi arraigando e levedando no seo da nosa sociedade. Se nun principio constituía, sobre todo, un aceno de resistencia culturalista, tímido e dirixido case en exclusiva ás élites cultas do país, axiña derivou nunha grande xornada festiva e reivindicativa, de activismo normalizador e cultural, da man de múltiplos axentes cívicos. A escola e os/as escolantes tivemos e temos moito que ver coa ilusionante extensión social desta festa, que permite non só achegarse a unha figura e obra concretas do noso patrimonio literario, senón tamén poñer de relevo a existencia dun tecido cultural vivo e activo, denunciar os maltratos e discriminacións que continúa a padecer o idioma de noso, combater publicamente os discursos da negación e do menosprezo e despregar polo territorio físico e social un senfín de actividades musicais, teatrais, poéticas, lúdicas e festivas, onde a participación de auténticas moitedumes fan desta data unha referencia imprescindíbel no calendario da esperanza.

En tempos de dificultades e tribulacións como os que nos toca vivir, parece inxenuo facer chamamentos a celebrar nada. Ben se ve que a ideoloxía do supremacismo idiomático está instalada nos gobernos autonómico e estatal (velaí o aberrante tratamento da diversidade de linguas no anteproxecto da LOMCE; a resposta da Consellería de Educación ao contido da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anulou puntos chave do infausto malchamado decreto de plurilingüismo; os ridículos pinchacarneiros verbais das Cortes de Aragón para non lle chamar polo nome ás linguas que non son o castelán; etc.) e tamén ben se ve como ás veces, tristemente, no propio seo das entidades, plataformas e institucións concibidas para promoción e defensa do galego non sempre se evita caer nas tentacións de facción e nos intereses instrumentalizadores de partido, esterilizando moitos esforzos e dilapidando moito prestixio.

Mais por riba das agresións duns, das praxes discutíbeis doutros e dos desánimos e desencontros doutros máis, o STEG, coas súas humildes forzas, aposta por continuar facendo do Día das Letras a festa maiúscula da lingua e da cultura galegas e chama aos/ás compañeiros/as docentes en particular e a toda a sociedade galega en xeral a reafirmarse no amor á lingua galega como máximo sinal da nosa identidade como pobo; a organizar e participar en toda caste de actos arredor da efeméride; a saír ás rúas para reivindicar os nosos dereitos como falantes; e a gozar, en fin, nese día extraordinario e festivo, dos nosos libros, da nosa música, do noso teatro e do noso patrimonio cultural, proxectando o soño dunha Galiza máis culta e máis libre para todo o mundo.

Secretariado Nacional do STEG
maio de 2013
 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal