Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Reseñas DOG
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Educación Exterior
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Eleccións sindicais
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2009-2010
Valoración do STEG

Desde o STEG somos conscientes do malestar que na sociedade e na comunidade educativa en particular, provocou a variabilidade normativa nas dúas últimas décadas no ensino. Este malestar fixo agromar a idea da necesidade dun pacto pola educación que evite os cambios constantes en función da cor do goberno. Debemos preguntarnos primeiro se é posíbel este pacto e mesmo se é desexábel tendo en conta os presupostos dos que parten os partidos maioritarios do estado. Non debemos esquecer que unha sociedade en constante cambio precisará de adaptacións lexislativas en todos os campos, tamén no educativo, que persigan a mellora do sistema. Neste sentido é importante que a educación non sexa o lugar de enfrontamentos partidistas mais será inevitábel que, partindo de presupostos ideolóxicos distintos, tanto de partidos como de entidades sociais, o lugar ao que se pretenda chegar sexa ben distinto. Se neste achegamento, imprescindíbel para o pacto, renúnciase a abordar os problemas máis importantes do ensino para unha sociedade democrática e equitativa entón estaremos ante outra norma que non gozará do consenso necesario ou, o que é peor, diante dunha claudicación dos principios que son indispensábeis para unha escola dunha sociedade plural e democrática.

Para conseguir este obxectivo o STEG demanda que un posíbel pacto educativo debe abordar os seguintes aspectos:

1. un pacto para a mellora escola pública que aborde a desaparición progresiva dos concertos educativos.
2. un pacto que evite o fracaso escolar
3. un pacto para unha escola laica
4. un pacto que respecte a realidade pluricultural e lingüística do Estado español
5. un pacto para unha escola inclusiva e de valores.
6. un pacto para a mellora das condicións do profesorado e o recoñecemento social da labor docente

Desde estes presupostos do STEG, analizaremos a proposta do ministro de educación:

1. A proposta do pacto non é unha aposta por unha única rede: o ensino público. Calquera mellora do sistema educativo debe ter a escola pública como referente. Botamos en falla que a escola pública non sexa o eixo vertebrador do ensino pois é a única que equilibra as desigualdades sendo, xa que logo, a de maior calidade. Neste sentido rexeitamos o impulso que se pretende dar á privatización do ensino coa falaz insistencia na liberdade de elección de centro. A proposta actual blinda a dobre rede de ensino ao non abordar o prexuízo que para o ensino público fai o desvío orzamentario cara as empresas privadas de educación. Tamén instamos a que o futuro pacto inclúa a vontade da eliminación progresiva dos concertos educativos.
A educación de calidade é incompatíbel coas políticas de privatización, precisa de inversións no ensino público e a paralización da política de concertos educativos con empresas privadas. A supresión dos concertos aos centros que non cumpran os principios elementais de igualdade nas condicións de admisión e a lexislación sobre escolarización, así como os que adoutrinen nunha determinada ideoloxía ou relixión e a prohibición expresa da segregación por razón de sexo. Ningunha destas cuestión aparece nas propostas.

2. Coidamos tamén que as medidas contra o fracaso escolar deben empezar canto antes e teñen pouco que ver cun simple curso itinerario que pode rematar, de facto, sendo unha segregación educativa por razóns socioeconómicas. Ademais, o alumnado que abandona o sistema escolar obrigatorio sen titulación normalmente non chega ao último curso da ESO onde se pretende implantar esta medida. Por este motivo as accións contra o fracaso escolar, semellan tan só pescudar máis titulados. Para loitar de verdade contra o fracaso escolar as medidas teñen que ser preventivas e postas en práctica nas primeiras etapas do ensino: maior inversión en educación con especial atención á tarefa orientadora sobre todo nas primeiras etapas, programas de formación do profesorado, traballo de intervención coas familias, redución de rateos, profesorado de apoio, etc. En ningún caso o STEG aceptará a redución da idade de escolarización obrigatoria e o estabelecemento de dúas titulacións diferenciadas en función dos itinerarios.

3. Ao igual que o pacto pode ser xustificado nunha demanda da sociedade, o laicismo tamén é hoxe unha demanda maioritaria ao mesmo tempo que representa a saúde dunha democracia madura. Nesta proposta non hai ningunha mención, nin sequera declaración de intencións para conseguir unha escola laica.

4. Debe recoller a importancia das linguas dos territorios que evite a súa desprotección e imposición partidista de ideas contrarias ao que din os estudos pedagóxicos de sociolingüística. Alarma a idea de que a única lingua que interesa semella ser o español cando ningún estudo dubida da competencia do noso alumnado nesta lingua e que non se faga ningunha referencia aos idiomas cooficiais. Para o STEG responde a unha estratexia sen ningunha base pedagóxica e un desprezo cara os territorios e as súas linguas.

5. Se ben é certo que a proposta recolle aspectos interesantes no tocante é educación en valores e a inclusión educativa, non deixa de ser preocupante que neste apartado a primeira cuestión a valorar (proposta nº 60) comeza pola idea de revalorizar o esforzo do alumnado como se fose o central do proceso de ensino-aprendizaxe. Para o STEG, a mellora do proceso de aprendizaxe, no binomio esforzo-motivación pasa por darlle un pulo á motivación do alumnado con políticas de formación e fomento na innovación educativa. No que se refire ao traballo en valores, que xa vimos facendo desde a escola, apreciamos positivamente a insistencia na transversalidade co obxectivo de que non se circunscriba este traballo a determinadas materias ao ser un labor de toda a comunidade educativa.

6. Por último, o pacto non recolle unha mellora real das condicións sociolaborais do profesorado e non impulsa o fundamental traballo en equipo. Lonxe disto, a proposta 63 recolle expresamente a carreira docente tal e como foi proposta no estatuto do profesorado, un sistema xerarquizador e meritocrático que fomenta a competitividade a través de incentivos salariais.

7. Se ben é certo que debemos recoñecer a intención de recuperar o prestixio social do profesorado, botamos en falta medidas concretas para acadar tal fin. Tamén é positivo que se recolla a idea de autoridade moral fronte a de autoridade pública defendida pola dereita.

Se ao final o pacto se converte nunha nova norma que non avance na escola como un lugar democrático, eliminador de desigualdades sociais e culturais, que aborde os problemas reais do sistema como a falla de orzamentos, o exceso das rateos, o cambio excesivo de materiais e horarios, condicións sociolaborais... e se converta nun blindaxe da dobre rede e nun intento recentralizador do sistema educativo situarémonos ante un retroceso en lugar dun avance no dereito a unha escola de calidade.

Documento pdf para imprimir

Texto íntegro das propostas para o pacto

Secretariado Nacional do STEG
febreiro 2010

 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal