Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Reseñas DOG
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Educación Exterior
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Eleccións sindicais
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  OUTRAS INICIATIVAS/CAMPAÑAS DO STEG   
SAÚDE LABORAL
Vixiancia da Saúde Laboral
DECÁLOGO SOBRE A VIXILANCIA DA SAÚDE LABORAL
  1. A vixilancia da saúde é un compoñente esencial da Prevención de Riscos Laborais.
  2. A vixilancia da saúde supón unha nova orientación da actividade sanitaria no eido da Medicina do Traballo.
  3. A vixilancia da saúde non é unha actividade exclusivamente asistencial.
  4. A vixilancia da saúde debe abarcar o individual e o colectivo.
  5. A vixilancia da saúde é un elemento para a promoción da saúde das e dos traballadores.
  6. A vixilancia da saúde require protocolos de actuación específicos segundo os riscos.
  7. A vixilancia da saúde debe respectar la intimidade dos traballadores e das traballadoras e a confidencialidade da información
  8. A vixilancia da saúde non debe xenerar discriminación laboral.
  9. A vixilancia da saúde non debe confundirse co control do absentismo.
  10. A vixilancia da saúde require independencia profesional.

1. A vixilancia da saúde é un compoñente esencial da Prevención de Riscos Laborais.

A vixilancia da saúde é un compoñente esencial da prevención de riscos laborais e, como tal, unha actividade que debe integrarse necesariamente en todas as fases da intervención preventiva como parte inseparable da actuación multidisciplinar dos Servizos de Prevención.

A prevención supón un conxunto de actuacións orientadas a evitar os danos á saúde polo que o seu referente fundamental, tanto para identificar os problemas como para verificar a idoneidade das solucións, non é outro que o propio estado de saúde dos e das traballadoras.

A vixilancia da saúde, en tanto que recollida sistemática de información sobre dito estado de saúde dos e das traballadoras, é unha fonte de información imprescindible para a avaliación dos riscos e da eficacia das medidas preventivas.

A información proporcionada pola vixilancia da saúde permite, ademais, detectar precozmente pérdidas de saúde individual, formular hipóteses de causa-efecto e facilitar a adaptación do posto de traballo á persoa.

A vixilancia da saúde non debe utilizarse como substitutiva das medidas necesarias para evitar ou controlar a exposición a riscos.

2. A vixilancia da saúde supón unha nova orientación da actividade sanitaria no eido da Medicina do Traballo.

A vixilancia da saúde implica unha nova orientación preventiva da actividade sanitaria no campo da Medicina do Traballo superadora da tradicional actuación puramente asistencial.

Os e as profesionais sanitarias en Medicina e Enfermería do Traballo asumen a función de estudar e analizar a interacción entre as persoas e as condicións de traballo nunha situación concreta co fin de detectar posibles danos á saúde e facilitar así as actuacións encamiñadas a evitar a súa progresión, a súa extensión ou a súa reiteración.

Para cumprir esta función, os e as profesionais sanitarias necesitan dispoñer de informacións producidas por outras e outros prevencionistas sobre a entidade dos riscos presentes en cada posto de traballo.

Por outra banda, a actividade das e dos profesionais sanitarios xenera información sobre os eventuais efectos de ditos riscos e sobre a idoneidade do posto de traballo en relación co estado de saúde das e dos traballadores.

3. A vixilancia da saúde non é unha actividade exclusivamente asistencial.

A vixilancia da saúde non se esgota nos recoñecementos medico-diagnósticos individuais senón que abarca un conxunto de actividades de recollida de información sobre o estado de saúde das e dos traballadores tanto a partir de datos obxectivos coma subxectivos, procedentes de fontes primarias e secundarias, e organizados como datos individuais ou agregados.

Ademais dos exames médicos, outros procedementos coma o control de indicadores biolóxicos, as enquisas de saúde, a utilización de técnicas cualitativas ou os estudios epidemiolóxicos, constitúen fontes de información moi importantes nun sistema de vixilancia da saúde das e dos traballadores.

A vixilancia da saúde precisa, polo tanto, dunha capacitación profesional non só para a atención integral especializada de enfermidades laborais, mais tamén para a xestión e a análise de información sanitaria, o que permite a incorporación doutros e doutras profesionais sanitarias ademais dos e das de formación puramente medico-clínica.

4. A vixilancia da saúde debe abarcar o individual e o colectivo.

Un sistema integral e coherente de vixilancia da saúde non só inclúe unha valoración individual do estado de saúde das e dos traballadores, senón tamén o estudio sistemático dos patróns de saúde e enfermidade nos diferentes colectivos laborais.

Os exames de saúde son o medio máis habitual para valorar a saúde individual dos e das traballadoras. Dos seus resultados obtense información sobre a necesidade de adaptar un determinado posto de traballo segundo as aptitudes do traballador e da traballadora (prevención primaria) ou sobre unha eventual afectación precoz da saúde individual que precisa unha actuación preventiva inmediata para evitar un deterioro maior (prevención secundaria).

Un tratamento epidemiolóxico sistemático dos resultados destes exames permite, ademais, un mellor coñecemento sobre as relacións entre traballo e saúde non só nun senso negativo (detección de riscos a partir do dano) senón tamén positivo (verificar a eficacia da prevención comprobando a diminución ou ausencia de danos), co que se reforza o papel da vixilancia da saúde como instrumento para a prevención primaria.

5. A vixilancia da saúde é un elemento para a promoción da saúde das e dos traballadores.

En termos de saúde, a relación entre unha traballadora ou un traballador e o medio ambiente laboral non pode considerarse illadamente. Múltiples interaccións entre condicións individuais e condicións socioeconómicas acaban sendo determinantes do nivel de saúde das persoas.

Non é posible, por isto, bosquexar con coherencia unha vixilancia da saúde integral da persoa exclusivamente orientada ós factores de risco específicos do seu traballo sen ter en conta outros elementos como o estado nutritivo, os hábitos individuais, a diversidade de xénero ou os condicionantes propios da idade.

Por outra parte, razóns de efectividade, aconsellan a integración nun mesmo sistema de vixilancia da saúde das enfermidades comunitarias máis prevalentes ( ex/ cardiovasculares) ademais das relacionadas co traballo.

6. A vixilancia da saúde require protocolos de actuación específicos segundo os riscos.

Un protocolo de vixilancia da saúde non é senón un plan secuencial para a obtención de informacións sobre os problemas de saúde. A protocolización da vixilancia da saúde permite superar os exames médicos rutinarios, facilita o estudio dos problemas de saúde específicamente relacionados co risco laboral e garante unha actuación homoxénea e cientificamente rigorosa.

Un protocolo non debe reducirse a un sistema de rexistro nin actuar coma un corsé senón servir de guía para a obtención progresiva das informacións adecuadas de cara ó coñecemento dos problemas de saúde en cada situación concreta.

Nos protocolos de vixilancia da saúde deberían incluírse indicacións sobre as diferentes fontes de información dispoñibles para o estudio de cada problema específico así como sobre a análise sistemático das distintas informacións.

Un protocolo específico en saúde laboral é perfectamente compatible con actividades de vixilancia en saúde comunitaria. Do mesmo modo, debería incluírse a detección de enfermidades laborais nos exames de saúde xerais por parte do Sistema Nacional de Saúde especialmente cando a natureza dos riscos aconselle unha vixilancia postcupacional.

 

·7. A vixilancia da saúde debe respectar a intimidade dos traballadores e das traballadoras e a confidencialidade da información.

A recompilación de informacións para a vixilancia da saúde debe guiarse estritamente por obxectivos de prevención de riscos e de mellora das condicións de traballo así como de protección da saúde dos e das propias traballadoras ou de terceiras persoas. Estes obxectivos son os que determinan que informacións son necesarias, como obtelas e quen debe acceder a elas.

Todas as actividades de vixilancia da saúde deben someterse ós principios éticos da investigación científica e da deontoloxía profesional e respectar o dereito das persoas á confidencialidade dos datos sanitarios.

O acceso ós datos e ós arquivos médicos individuais debe restrinxirse só ós profesionais sanitarios. Os datos persoais sobre a saúde deben estar accesibles para cada traballador e non poden ser comunicados a terceiras persoas sen o seu expreso consentimento.

Porén, e sempre mantendo o sixilo profesional e o anonimato, os datos agregados deben estar ó alcance das persoas con funcións e competencias en saúde laboral ó obxecto de posibilitar a utilización con fins preventivos dos resultados da vixilancia da saúde.

 

8. A vixilancia da saúde non debe xenerar discriminación laboral.

Os resultados das actividades de vixilancia da saúde non deben ser utilizados con finalidades discriminatorias nin en prexuízo dos intereses do traballador.

A voluntariedade e o consentimento informado das e dos traballadores, exercidos tanto individualmente como mediante mecanismos de participación colectiva, constitúen principios esenciais neste terreo.

Débese evitar especialmente a utilización da vixilancia da saúde como método de selección de traballadores e traballadoras resistentes ó risco. Os exames de saúde deben orientarse á prevención e non á selección. Nos exames de saúde previos á asignación dunha tarefa evitaranse valoracións sobre requirimentos psicofísicos non xustificados. Nos exames de saúde tenderase a substituílo concepto de "aptitude" do e da traballadora polo de "adaptación" do posto de traballo. Rexéitase explicitamente a utilización do chamado screening xenético para valorar a predisposición ou susceptibilidade individual dos e das traballadoras fronte ó risco.

Debe evitarse a perda de emprego por motivos de saúde promovendo no seu lugar a adaptación do posto de traballo ou a asignación de tarefas alternativas como solucións máis idóneas.

9. A vixilancia da saúde non debe confundirse co control do absentismo.

O rexistro de ausencias e baixas laborais por motivos de saúde representa unha fonte de información sobre a incidencia de diversas patoloxías que poden estar relacionadas co traballo.

O estudio e análise desta información pode axudar a identificar si existe realmente algunha relación entre a enfermidade que motiva a baixa e a exposición a riscos no lugar de traballo. Para isto, é necesario que os e as profesionais sanitarias teñan acceso ós datos sobre a incapacidade temporal por enfermidade e que os analicen dunha maneira sistemática.

Porén, estes e estas profesionais non deben verse involucrados na xestión administrativa nin no control disciplinario do absentismo, xa que non se trata de funcións propiamente sanitarias e que, por outra parte, poden supoñer un quebranto da relación de confianza que se presupón en todo acto médico e tamén na vixianza da saúde.

10. A vixilancia da saúde require independencia profesional.

De acordo cos principios do Código Internacional de Ética para os e as Profesionais da Saúde Laboral, os e as profesionais sanitarias deben asesorar con rigor e imparcialidade tanto ós e ás empresarias coma ós e ás traballadoras e á súa representación en todo o relativo á vixilancia da saúde.

Deben cumprir fielmente a normativa sobre cualificación e notificación das enfermidades profesionais prestando o seu apoio profesional ó persoal afectado para o recoñecemento e indemnización das vítimas.

Os e as profesionais sanitarias deben ter a capacitación axeitada para cumprir con rigor as súas funcións en materia de vixilancia da saúde, recorrendo cando sexa necesario a un apoio especializado. Igualmente deben establecer lazos de cooperación entre o resto do equipo multidisciplinar encargado da prevención e actuar coordinadamente co Sistema Nacional de Saúde.

O mantemento efectivo da independencia profesional require dunha axeitada protección normativa así como de suficientes garantías contractuais.

 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal