Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Máis Iniciativas/Campañas
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Eleccións sindicais
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Educación Exterior
  Reseñas DOG
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  OUTRAS INICIATIVAS/CAMPAÑAS DO STEG   
SAÚDE LABORAL
Nunca camiñarás só. LOITA! USA A TÚA FORZA!
 NUNCA CAMIÑARÁS SÓ
LOITA!
           USA A TÚA FORZA!

O tema do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo para 2014 é «A seguridade e a saúde no uso de produtos químicos no traballo». Os produtos químicos son esenciais para a vida moderna e continuarán sendo producidos e utilizados nos centros de traballo.

En toda Europa, millóns de persoas traballadoras están expostas a substancias perigosas no seu lugar de traballo e a falta de control dos riscos asociados pode prexudicar a saúde das persoas de moi diversos xeitos.

A lexislación europea estabelece as obrigas dos empresarios tocante á xestión deses riscos, de maneira que empresarios e persoal traballador dispoñen dunha inxente cantidade de documentos orientativos, aínda que é preciso obrar conforme a eles se se desexa protexer a saúde das persoas traballadoras.

De acordo cos resultados dunha investigación recente, o 19% das persoas traballadoras da Unión Europea declara estar exposto a vapores tóxicos durante unha cuarta parte ou máis do seu horario laboral, mentres que o 15% ten que manipular substancias perigosas como parte do seu traballo cotián.

Se non se xestionan axeitadamente os riscos por utilizar substancias perigosas, a saúde das persoas traballadoras pódese ver prexudicada de diversos xeitos, e os efectos poden incluír desde irritacións leves dos ollos e da pel, ata asma, problemas reprodutivos, patoloxías perinatais e cancro. Estes efectos poden deberse a unha única exposición breve ou a múltiples exposicións, coa conseguinte acumulación a longo prazo de substancias no organismo.

As empresas da Unión Europea están obrigadas por lei a protexer os seus empregados/as dos danos provocados polas substancias perigosas no seu lugar de traballo. As empresas deben realizar avaliacións de riscos e adoptar medidas baseadas nestas. A lexislación tamén contén disposicións sobre a identificación e o etiquetado de miles de substancias diferentes rexistradas no mercado da UE.

O estrés é o segundo problema de saúde relacionado co traballo que máis frecuentemente se denuncia en Europa e, xunto a outros riscos psicosociais, crese que representa a causa da perda de máis da metade (50-60 %) das xornadas de traballo. Unha contorna de traballo psicosocialmente adversa pode ter importantes efectos negativos na saúde das persoas traballadoras.

Os riscos psicosociais existen en calquera lugar de traballo, pero poden avaliarse e xestionarse satisfactoriamente, mesmo contando con recursos limitados. As campañas levadas a cabo proporcionan apoio e asesoramento aos estamentos empresarial e do traballo tocante á xestión do estrés relacionado co traballo e aos riscos psicosociais. Fomentan, asemade, o uso de ferramentas prácticas de manexo sinxelo para facilitar o proceso da súa prevención e posterior tratamento.

A responsabilidade última da xestión dos riscos corresponde á empresa e á súa alta dirección, pero os seus esforzos estarán condenados ao fracaso se as traballadoras e os traballadores non participan activamente.

A medida que se prolonga o período de crise económica global que arrincou en 2008, vanse oíndo cada vez máis voces que indican que a situación na que nos atopamos non é unha paréntese trala que volverán a recuperarse os ritmos de crecemento. Cada día vemos como os dereitos sociais e laborais volatilízanse polos recortes e as políticas de austeridade. O que nun comezo foi presentado como un momento de excepcionalidade pasaxeira terminou por desvelarse como a imposición dun novo programa económico, social e laboral ao que a clase traballadora e a cidadanía en xeral deberían, seica, resignarse. Queren algúns completar a implantación dun modelo de acumulación de apropiación daqueles servizos públicos básicos que garantían a protección social e dos dereitos laborais e cidadáns conquistados ao longo de décadas. En definitiva, un modelo que garante os beneficios ás elites a costa da calidade democrática das nosas sociedades.

As políticas de austeridade impostas pola Comisión Europea e a Troika aos Gobernos europeos, e en especial aos da periferia do continente, traducíronse entre nós nunha maré de recortes de servizos públicos básicos, de privatizacións e nunha reforma laboral que deteriorou gravemente o dereito á negociación colectiva nas empresas e que está logrando que o modelo precario se configure como hexemónico na nosa estrutura socio-laboral, desprazando o emprego estábel, con dereitos e salarios dignos. O que se presenta polos tecnócratas da Troika como un inevitábel pacote de medidas para saír da crise non é máis que a aposta ideolóxica do neoliberalismo e a imposición aos países periféricos de Europa dun modelo produtivo e de relacións laborais que desmonta o Estado social, democrático e de dereito e que nos achega á condición de país bananeiro, ao servizo das multinacionais españolas e estranxeiras.

Neste preciso momento a saúde laboral converteuse nun dos obxectivos que está no punto de mira das elites: o dereito á seguridade e á saúde no traballo, un dos obxectivos centrais das políticas sociais europeas, hoxe é considerado un obstáculo que hai que superar para aumentar a competitividade da economía europea. Esta argumentación substánciase nun descenso dos investimentos en políticas preventivas nas empresas, nos organismos públicos e semipúblicos, de maneira que a nosa seguridade e saúde fican lastradas polas modificacións lexislativas impostas.

Esta deriva desreguladora deu os seus primeiros pasos en Europa a mediados da pasada década pero acelerou a súa escalada coa chegada da crise económica. Desde 2002 o instrumento utilizado con este fin pasou a denominarse Estratexia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo, e aínda que a xuízo do movemento sindical europeo continúa sendo unha ferramenta imprescindíbel para lograr o propósito da harmonización, lentamente está sufrindo un desgaste na súa concepción. Desde 2011, a Comisión Europea está a afondar nesta liña suscitando dúbidas sobre a necesidade dunha Estratexia dese estilo nun contexto de crise económica e afirmando que a prioridade debe centrarse en aliviar as empresas da carga administrativa da lexislación vixente. O desemprego utilíznse como elemento de chantaxe para desprazar a saúde dos obxectivos centrais das políticas comunitarias.

Pero a volta de porca que finalmente axustou todas estas políticas é a publicación o 2 de outubro de 2013, por parte da Comisión Europea do programa REFIT (Adecuación e eficacia da normativa: Resultados e próximas etapas), dun documento que baixo o paraugas de conceptos como “regulación intelixente”, “simplificación lexislativa” ou “redución da carga reguladora”, oculta unha das maiores agresións coñecidas contra a protección social e do medio ambiente, a saúde e seguridade das persoas traballadoras, os dereitos de información e consulta e o diálogo entre traballadoras/es coas súas empregadoras/es. En materia de prevención de riscos conlevou, entre outras consecuencias, a decisión de non impulsar nova lexislación en materia de saúde laboral no que resta do mandato da Comisión, o que supón paralizar as dúas principais iniciativas lexislativas comprometidas na vixente Estratexia Europea, como son a revisión da Directiva de Canceríxenos e a aprobación da de Trastornos Musculoesqueléticos, e non trasladar a texto articulado acordos sectoriais asinados no marco do diálogo social europeo.

As políticas do Goberno español, insertas nesta corrente ideolóxica e cuxa máxima expresión é a Reforma Laboral de 2012, vense reflectidas en cuestións de saúde e seguridade no traballo coa presentación do anteproxecto de reforma de Lei de Mutuas en decembro do pasado ano.

A aposta do Goberno é a de configurar as Mutuas como únicas entidades capaces de asumir a xestión das novas prestacións da Seguridade Social e faise por unha suposta maior eficacia no aproveitamiento dos recursos públicos, afirmación trufada de ideoloxía neoliberal e que se desmonta con só ler os informes do Tribunal de Contas ou con ter en conta o tremendo subrexistro de enfermidades relacionadas co traballo que terminan derivándose aos servizos públicos de saúde como enfermidades comúns (un descenso acumulado de preto do 28% das Enfermidades Profesionais notificadas desde 2008).

A desaparición do concepto “prevención” do Fondo de Rehabilitación das Mutuas reduce de xeito significativo a súa competencia preventiva e demostra o afán mercantilista da reforma. A vinculación dos recursos públicos xerados polas continxencias profesionais ás políticas públicas en materia de prevención supuxo importantísimas reducións de sinistralidade que hoxe en día corre o perigo de repuntar (xa se veñen apreciando significativas ralentizacións do descenso da sinistralidade, tanto en termos absolutos como en índices de incidencia, en todos os sectores, cando non importantes incrementos, como é o caso do sector servizos).

Pero quizais sexa a xestión da Incapacidade Temporal por continxencias comúns, ao dar capacidade á Mutua para propoñer a alta sen existencia de acto médico e ao conceder a consideración de silencio administrativo positivo ante a ausencia de resolución expresa do médico do sistema de saúde, o elemento que demostra de xeito máis palpábel o carácter economicista dunhas políticas fundamentadas que eliminan o dereito ao restabelecemento da saúde a cambio dos intereses económicos das empresas e que se basean, ademais, en presupostos falsos: neste caso, unha suposta perda de competitividade debida a uns elevados niveis de absentismo, que en realidade, porén, son similares aos dos países da nosa contorna.

Por iso pedimos, DESDE O STEG:

Ø    Retirada daqueles elementos lesivos para as persoas traballadoras do texto de proxecto de reforma da Lei de Mutuas.

Ø    Unha mellora na normativa de Enfermidades Profesionais que, co obxectivo de reducir o seu subrexistro, facilite os procesos de recoñecemento e actualice o seu listado de acordo coas últimas investigacións científicas.

Ø    A aprobación da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2013-2020, que inclúa obxectivos precisos de redución da sinistralidade, afloramento de enfermidades producidas polo traballo e de equivalencia da protección independentemente do tipo de relación laboral.

Ø    Mantemento dos investimentos públicos e privados en materia de prevención de riscos laborais.

O día 28 de abril lémbranos que CON LOITA, UNINDO AS NOSAS FORZAS, CAMIÑANDO XUNTOS/AS, PODEMOS CONSEGUIR UN MUNDO DO TRABALLO QUE LEVE ÁS NOSAS VIDAS A SAÚDE, QUE É O NOSO MÁIS PREZADO BEN.

 

O STEG CAMIÑA SEMPRE AO TEU LADO!

 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal