Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Reseñas DOG
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Educación Exterior
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Eleccións sindicais
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2013-2014
Análise do STEG
Análise que fai o STEG do Proxecto de Decreto polo que se estabelece o currículo de Educación Primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Desde o presuposto de que este decreto procura potenciar a “aprendizaxe por competencias”, o STEG esixe á Consellería de E. e O. U. que elabore e implemente de inmediato un plano de formación tanto inicial como permanente de todo o profesorado neste senso. Non é posíbel implantar con éxito unha proposta curricular nova sen formar de maneira previa e axeitadamente ao profesorado para esa renovación da práctica docente.

2. Discrepamos absolutamente da inclusión no artigo 5º, entre as competencias claves a desenvolver, da denominada “Sentido de iniciativa e espírito emprendedor” (CSIEE), pois entendemos que obedece a unha concepción de marcado nesgo neoliberal e que está inspirada nunha lóxica máis mercantilista que propiamente educativa. A Educación Primaria non é, para nada, unha etapa educativa na que a consecución deste tipo de competencias sexa pertinente nin axeitada.

3. No artigo 6 fálasenos da “autonomía pedagóxica e organizativa” da que en teoría van dispoñer os centros docentes, mais, como marca a LOMCE, serán as direccións e non os Claustros (como viña sendo até agora), as que pasarán a ter a potestade de aprobar a Programación Xeral anual. Daquela, fálase de “autonomía” para as direccións dos centros, pero non para o conxunto de sectores da comunidade educativa representados no Claustro e no Consello Escolar. En definitiva, o proxecto consagra unha ferramenta máis para privarnos da participación e do dereito ao control democrático na vida dos centros educativos.

4. A respecto do artigo 8 punto 5, non coñecemos a dispoñibilidade das horas de libre configuración que terán á súa disposición os centros para “afondar e/ou reforzar algunha das áreas deste bloque” ou para “optar por establecer outra ou outras áreas que determine o centro”, debido a que a Consellería aínda non deu a coñecer a súa proposta de distribución horaria. Neste punto moito nos tememos que o proxecto sirva para que algúns centros se especialicen mediante un “proxecto educativo de calidade” (artigo 122 bis da LOMCE), que deberá ser “competitivo” e ao que se lle permitirá xestionar tanto recursos humanos como materiais e financeiros. Ábrese así a porta para seleccionar a unha parte do profesorado se se opta por esta especialización.

5. No artigo 11, que fala dos elementos transversais, o STEG bota moi en falta contidos relacionados coa educación afectivo–sexual, que non aparece en ningún currículo e que, entendemos, tería que ser desenvolvida ao longo de toda a etapa de Primaria. Neste mesmo artigo volve a aparecer a “participación en actividades que lle permitan afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial”, ideas ou valores ambos que non parecen totalmente imporcedentes nesta etapa educativa, como xa comentamos. Aparece tamén reflectido neste artigo “o estudo do Holocausto xudeu como feito histórico”. O STEG entende que un feito histórico é que existiron na historia varios holocaustos e que paga a pena incluílos todos eles: o holocausto armenio, o xudeu, xitano, a actual crise humanitaria en territorios palestinos provocada por Israel ou os genocidios das poboacións orixinarias nas américas.

6. No artigo 12º contémplanse as “reválidas” de 3º e 6º cursos, que rexeitamos porque a verdadeira avaliación dos procesos de aprendizaxe do alumnado ten que ser continua e global e debe ser realizada non por axentes externos, senón polas propias persoas docentes en cada centro. Estas dúas probas, con toda seguridade, farán perder un tempo precioso na súa preparación, deturparán en certa medida o enfoque e os contidos de moitas das actividades que se desenvolvan durante o curso nos centros e lanzarán a unha parte do profesorado e a unha porcentaxe de centros a unha dinámica de competitividade para quedaren por riba dos “valores que a Consellaría, para tal obxecto, determine” (artigo 12 punto 10).

7. Non sabemos se queren modificar os criterios de adscrición das mestras e mestres ao centro, xa que no artigo 17 (titoría), punto 2. dise: “Cada grupo de alumnas/os terá un mestre titor ou unha mestra titora que será designado ou designada pola persoa directora a proposta da xefatura de estudos”. Non sabemos que criterios utilizará a xefatura de estudos para elevar á dirección a súa proposta. Somos contrarios a que se modifiquen os criterios de adscrición que viñan funcionando até agora.

8. Non nos parece correcto que sexa a dirección do centro a que aprobe o programa de promoción da lectura, pois tería que ser o Claustro o que o fixese (art. 18 punto 4). É este outro apartado onde constatamos a perda de capacidade de decisión, participación e control democrático na vida dos centros a que xa nos referimos.

9. En canto ás tarefas extraescolares (disposición adicional terceira), desde o prisma do STEG adolecen de pouca regulamentación, o que pode dar lugar a moita arbitrariedade e variabilidade entre os distintos centros.

10. Por último, e sen querer adentrarnos polo miúdo nos distintos currículos, chamounos especialmente a atención o da área de valores sociais e cívicos. Aí aparece como contido, entre outros, o “Holocausto” e os campos de concentración, mais non así a guerra civil española. Fálase tamén como contido da Monarquía: en 4º e en 5º cursos como “Forma de goberno: a monarquía parlamentaria”; en 5º curso, “A monarquía dos Austrias e os Borbóns” e, como estándar de aprendizase en 5º curso “Explica as características da Idade Moderna e certos acontecementos que determinaron cambios fundamentais no rumbo da historia neste período de tempo (Monarquía dos Austrias, s. XVI-XVII. Os Borbóns, s. XVIII)”, pero non se fala en ningún momento doutras formas de goberno (Ditadura, República) que tivemos no noso Estado en tempos non moi afastados. Preguntámonos, co recordo vivo dalgunha das xustificacións do ministro Wert en sede parlamentaria para “perpetrar” a LOMCE, se a isto non se lle podería chamar en propiedade dotar os currículos de “marcado nesgo ideolóxico” e alentar un declarado “afán de adoutrinamento” na educación...

Permanente do Secretariado Nacional do STEG
27 de maio de 2014
 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal