Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Reseñas DOG
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Educación Exterior
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Eleccións sindicais
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2013-2014
O STEG solicita á Consellaría a SUSPENSIÓN CAUTELAR do CXT
A situación de inseguridade xurídica creada arredor dos destinos adxudicados no CXT 2013-2014 sitúa a totalidade do profesorado afectado ante unha perspectiva de indefensión da que a consellaría é a única responsable. Desde o STEG queremos denunciar a chapuza realizada, que ten conseguido non só dividir e enfrontar ao profesorado, senón tamén prexudicar a todas as partes, que en setembro se incorporarán aos seus destinos sen saber se serán os definitivos ou non. Unha situación inédita xerada pola precipitación (de entre todas as CCAA, Galiza foi a única que modificou as puntuacións do baremo), unilateralidade (ao non ter en conta as voces que lle advertían da inseguridade xurídica que se podería xerar) e incompetencia que caracterizan o modus operandi desta administración, aos que cómpre sumar o desprezo co que acolle as múltiples sentenzas xudiciais condenatorias que xa ten no seu haber, coma neste, noutros asuntos.

Desde o STEG queremos reiterar, unha vez máis, a nosa postura (expresada no comunicado de 12 de febreiro de 2014) respecto á modificación do baremo realizada neste CXT - declarada improcedente polo Xulgado Contencioso-Administrativo Nº 2 de Santiago de Compostela-, así como compartir con todo o profesorado a nosa valoración sobre os distintos escenarios posibles ante a decisión da Consellaría de Educación, anunciada o 31 de xullo, de non asumila.

Primeiramente, queremos denunciar a covardía da Consellaría desde o momento no que se fixo pública a sentenza: renuncia a recurrila -sabedora de que si sería recorrida por persoas afectadas, personadas no procedemento- para seguidamente ampararse neste recurso e decidir non executar a sentenza. A Consellaría colócase así na cómoda situación de agardar a resolución do recurso interposto en contra da sentenza ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, cun prazo mínimo estimado de 6 a 12 meses.

De terse xa celebrado o seguinte CXT cando o TSXG ditamine sentenza firme, e de ser esta sentenza contraria á baremación realizada, a administración podería alegar nese momento que a sentenza sería inexecutable , polo efecto en cadea que xeraría.

A execución dunha hipotética sentenza definitiva en contra desta baremación sería, de seguro, extremadamente complexa, de coincidir no tempo co seguinte CXT. Trátase, xa que logo, dunha decisión que posterga o problema de legalidade xerado, aínda a sabendas de que pode converterse nun problema maior, mesmo irresoluble no marco da lei. As dificultades para reclamar responsabilidades á administración por parte das persoas afectadas, así como a nula intención de asumir as debidas responsabilidades políticas, son motivos de peso polos que ten optado a Consellaría, sen apenas explicacións, por esta decisión de xeito unilateral e irresponsable.

Cómpre lembrar que, ademais da sentenza contraria á baremación xa coñecida, restan outros 9 procedementos pendentes de resolución xudicial, cuxos pronunciamentos poden ser favorables á Administración, e polo tanto entrar en contradición coa sentenza do Xulgado Nº 2 de Compostela. Tampouco é descartable que a sentenza do TSXG sexa favorable á modificación do baremo, validando a decisión da Consellaría. Porén, nese caso non remataría a inseguridade para o profesorado: estaríamos na situación, cando menos confusa, de participar con diferentes puntuacións nos CXT de ámbito estatal ou nacional, aumentando de paso, aínda máis, as inxustizas do modelo actual.

Desde o STEG consideramos que a opción menos prexudicial - dentro da problemática creada pola Consellaría- sería SUSPENDER a toma de posesión prevista para o 1 de setembro ata que se resolvan xudicialmente as cuestións pendentes, mantendo os destinos de orixe de todas as persoas participantes no CXT, ata que se resolvan os citados procedementos xudiciais. Ao noso parecer, este é a único xeito de evitar unha posible situación de ter que recolocar a centos de persoas no curso seguinte ou que, por cuestións de prazos, se consoliden como definitivos destinos cuestionados legalmente.

Cómpre salientar que só está na man da Consellaría a suspensión cautelar do CXT, xa que a posibilidade de demandalo perante a xustiza excede a competencia deste sindicato. De non o facer, a administración fai evidente unha estratexia que semella encamiñada, pola vía dos feitos e os tempos, a deixar morrer calquera resolución xudicial. Un camiño claramente ilexítimo e perigoso, escollido por parte de quen debería ser garante da legalidade.

Finalmente, queremos denunciar a lixeireza coa que a Consellaría xoga coas vidas de persoas que, nin a estas alturas nin a 1 de setembro poden planificar minimamente as súas vidas a un ano vista, así como lamentar a división e o enfrontamento xerado entre o colectivo de docentes nun momento no que, máis que nunca, cómpre permanecermos unidos para defender o ensino público de todos os ataques que está a recibir.

Secretariado Nacional do STEG
6 de agosto de 2014
 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal