Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Máis Iniciativas/Campañas
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Eleccións sindicais
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Educación Exterior
  Reseñas DOG
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2014-2015
Implantación improvisada da LOMCE, reducións xeralizadas de profesorado, renovación dos concertos segregadores co OPUS...
INICIO DO CURSO 2014-2015
Implantación improvisada da LOMCE, reducións xeralizadas de profesorado, renovación dos concertos segregadores co OPUS

O comezo do curso 2014-2015 evidencia, máis que ningún outro, a magnitude dos recortes realizados nos últimos anos en educación. O efecto acumulado da constante redución de profesorado e de recursos económicos aos centros públicos deixa un balance durísimo de desaparición de unidades, agrupamentos, desdobres, PDCs… así como o seu corolario: o inexorable incremento da ratio de alumnado por aula. A inestabilidade dos cadros docentes fai cada vez máis difícil levar adiante un proxecto educativo de centro cunha mínima garantía de continuidade.

Ao deterioro da calidade da atención recibida polo alumnado, hai que engadirlle a precarización das condicións laborais: aumento de profesorado desprazado, suprimido, itinerante… Así, en especialidades como Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, nas que as itinerancias van camiño de ser a norma, é cada vez maior o número de especialistas que optan por concursar por Educación Primaria para evitar esta situación. Pero o exemplo paradigmático da precariedade laboral pola que opta a Consellaría é o aumento, novamente, das bolsas de interinidades. En só dous cursos, o profesorado interino ao que se lle adxudicou praza no CADP aumentou nun 121% no corpo de mestres (pasou de 547 a 1211) e nun 74% nos corpos de secundaria (pasouse de 1020 a 1781). Cómpre salientar que difícilmente pode o actual profesorado interino aspirar á estabilidade laboral ante as míseras ofertas de emprego público que realiza a Consellaría.

Porén, non todo son recortes en educación! Para o que sempre ten cartos este goberno - cuxas tesouras cebáronse xa nos libros de texto, nos comedores, nas escolas rurais, nos salarios do profesorado…- é para financiar os colexios que segregan ao alumnado por sexo, mesmo se fai falla, como fixo ver a sentenza do TSXG, saltándose a lei. O cinismo de Jesús Vázquez púxose novamente a proba: é quen de salientar a legalidade de renovar os concertos aos centros do OPUS agora que están amparados pola LOMCE, ao tempo que non asume ningunha responsabilidade política por mantelos ilegalmente a pesar das sentezas contrarias baseadas na LOE.

A Consellería de Educación, especialista en levar reveses nos tribunais, desouviu a fundada petición de STEG de suspender cautelarmente a resolución definitiva do Concurso Xeral de Traslados mentres a Xustiza non ditase a derradeira palabra nese preito e “tirou para adiante”, colocando o problema nunha situación de práctica irresolubilidade sen que se causen graves prexuízos. A crispación e o deterioro convivencial que, en moitos casos, xerou a polémica do CXT entre os traballadores e traballadoras do ensino semella servir moi ben os intereses dos que, nos altos despachos da Consellería, procuran un último amparo defensivo diante da súa nefasta xestión na socorrida táctica do “divide e vencerás”...

Entrementres, a última Orde de axudas para a adquisición de libros de texto elimina os materiais curriculares e o material didáctico e complementario, que tamén eran obxecto de axuda, nos anos anteriores. Xusto cando máis apreta a crise a algunhas familias, a Consellaría elimina dereitos ao alumnado economicamente máis desfavorecido.  Aos recortes realizados desde a Consellaría de educación, cómpre engadir os realizados polo ministerio: o propio ministro Wert recoñece unha diminución de 75 millóns de euros nas bolsas de estudo a respecto do curso anterior…

Coa implantación da LOMCE, nace a FP Básica, cunha regulamentación que chega tarde (a Orde de implantación é do 13 de Agosto e o Decreto é do 15 de setembro!!!), sen tempo para coñecela minimamente para comezar o curso. A eliminación dos PCPIs dos centros educativos de localidades afastadas das cidades ou das vilas máis grandes, vai facer que desapareza a única oferta coa que se contaba para que o alumnado en risco de exclusión - máis de 2.000 alumnas/os afectados - non ficase abandonado. A LOMCE comeza así a realizar o labor para o que foi deseñada: lexitimar as desigualdades sociais.

A improvisación na implantación da nova lei é evidente en todas as etapas educativas: nos cursos 1º, 3º e 5º da Educación Primaria, o decreto de currículo publicouse no DOG o día anterior ao comezo das clases (!!!). Isto dá a medida das présas coas que se quere implantar esta contrarreforma educativa (non fose que lles pasase o mesmo que coa LOCE...) obviando, como en toda a negociación da lei, aos colectivos directamente implicados na súa implantación (profesorado, equipos directivos, alumnado, nais/pais..). O caos neste comezo de curso está garantido: mantéñense, por exemplo, as persoas coordinadoras de ciclo a pesar de estaren os ciclos extinguidos e sen función ningunha, mentres se crean perfís para coordinar os cursos 1º, 3º e 5º sen puntuación polo traballo desenvolvido, coas súas funcións pouco definidas e sen unha circular xeral que regule a situación. Desde o STEG preguntámonos se este é o xeito que ten a Consellaría de educación de “propiciar unha renovación na práctica docente”, como sinala no preámbulo do decreto.

Neste comezo de curso, desde o STEG convidamos a todo o profesorado a traballar con todos os instrumentos democráticos á nosa man para subverter pacificamente a que, con razón, xa podemos considerar a peor lei educativa da historia recente: coidamos que é o noso dereito e o noso deber como docentes. Recoñecemos todo o esforzo mobilizador previo e o conseguinte desgaste xerado, mais entendemos que mentres non se derrogue o monstro pedagóxico da LOMCE temos que continuar as protestas, para que a mobilización realizada e todo o reivindicado até o de agora en defensa do ensino non caia en saco roto. Trátase de atoparmos espazos de incumprimento que diminúan todo o posible o impacto destrutivo da aplicación efectiva da LOMCE antes da súa desexada derrogación.
SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
17 de setembro de 2014
 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal