Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Reseñas DOG
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Educación Exterior
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Eleccións sindicais
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  LINGUA GALEGA   
17 DE MAIO
Día de reivindicar dereitos esenciais que nos pertencen como persoas e como pobo
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015

Alguén podería pensar, a priori, que nunca menos cousas houbo que celebrar nun 17 de maio como este ano.

Por unha banda, o persoeiro elixido pola Academia Galega, Xosé Filgueira Valverde, ao lado dunha indiscutíbel e inxente obra investigadora e divulgativa da cultura de noso que non debe ignorarse, presenta na súa traxectoria determinados feitos políticos e compromisos públicos difíciles de xustificar e que non contribúen, precisamente, a que floreza en moitos segmentos da sociedade ese sentimento de homenaxe querendosa e revindicativa que ten acompañado tantas outras veces a celebración da efeméride.

Por outra, a recente difusión dos resultados da enquisa ás familias do INE 2013 ten servido de badalada anunciadora da triste constatación de que o galego segue indo en constante devalo e de que non semella moi afastado o día en que poida converterse, por primeira vez na súa xa milenaria historia, en lingua minoritaria no seu propio territorio.

Aínda a isto cabería engadir a teimuda persistencia do Partido Popular, do goberno de Núñez Feijóo e da Consellería de Cultura e Educación, mesmo que se producise relevo á súa fronte, na aplicación dunha política lingüística verdadeiramente hostil cara ao uso normalizado da lingua propia. Esa política, plasmada no ámbito do ensino no mal chamado “Decreto de Plurilingüismo”, minoriza á mantenta o galego nun dos espazos que máis repercusión positiva podería ter para a capacitación idiomática do alumnado e para o desterramento de prexuízos seculares nas pautas habituais de uso. Esa mesma política recorta continuamente, ademais, medios e liñas de axuda para o sector cultural do país no seu conxunto, onde a lingua de noso florece a pesar de todos os pesares con forza e talento: audiovisual, música, teatro, literatura, bibliotecas, traducións, prensa monolingüe...

Tampouco no campo das entidades que loitan honestamente pola normalización se observa nin a necesaria vontade de revisión autocrítica das fórmulas e estratexias implementadas nos últimos tempos, que cando menos poden ser tildadas como “francamente mellorábeis”, nin se abesulla no curto prazo unha dinámica que permita anovar discursos, explorar outro tipo de accións e mobilizacións normalizadoras e que acometa, en fin, a cada día máis urxente e peremptoria “despartidización” que a causa da lingua necesita para adquirir unha transversalidade social real e eficaz.

E con todo, para o STEG o 17 de maio sempre estará sinalado no calendario con letra maiúscula como día festivo, isto é, como data para celebrar con todo o entusiasmo, por máis mouro que poida estar aparentemente o horizonte. Desta volta poñeremos o noso gran de area cunha festa que celebraremos o sábado 16, a partir das 18.30 horas, no local da compañía Hipócrita Teatro en Lugo (Rúa Becerreá, nº 2), con números de poesía, teatro, contacontos, globoflexia e música para todos os públicos e á que convidamos cordialmente a toda persoa amiga que ata alí queira achegarse.

Día das Letras Galegas 2015. Día de combater desánimos. Día de sementar esperanzas. Día de promover e compartir con canta máis xente se poida todo tipo de actividades coa lingua de noso como pretexto divertido e como bandeira de unión. Día de reivindicar dereitos esenciais que nos pertencen como persoas e como pobo. Día, en fin, para tornar aínda máis visíbel e presumir con lexítimo orgullo desta xoia colectiva tan preciosa que temos, labrada por innúmeras xeracións.

Secretariado Nacional do STEG
Maio de 2015

 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal