Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Outras iniciativas/Campañas do STEG
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Eleccións sindicais
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Educación Exterior
  Reseñas DOG
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2016-2017
Valoración do STEG
COMEZO DO CURSO 2016/17 E ELECCIÓNS AUTONÓMICAS: UN COSTOSO DÉJÀ VU PARA O ENSINO PÚBLICO

Alguén dixo (era Cruyff) que o fútbol era un xogo de once contra once onde sempre gañaban os alemáns; parafraseando o xenio holandés case puideramos dicir que as eleccións na Galiza son “uns comicios onde sempre gaña o PP e perde o ensino público”. Nesta liña, cada comezo de curso co goberno do PP na Galiza significou para os centros públicos de ensino do noso país máis recortes, menos profesorado e por tanto unha maior precariedade nun eido fundamental para a nosa vida en sociedade.

O presidente Feijoó laiaba hai unhas semanas a toda cor na Voz de Galicia e dicía, en relación aos recursos do país, que loitara denodadamente por manter en pé as paredes da casa ignorando que o que sostén a casa son as trabes, non as paredes. É un curioso xeito de manter en pé a casa o deste goberno do PP, que lle atribúe á demolición propiedades sanadoras.

A realidade é outra: asistimos a un dos maiores ataques que a nivel global se teña lanzado contra a democracia, coas tentativas dos grandes capitais ao abeiro da ideoloxía neoliberal de se facer con “todo”; dende fóra, facéndose co poder, cos medios de comunicación e coa xestión daquelas áreas vitais para a vida en sociedade como son a sanidade ou o ensino, que significan na práctica novas “oportunidades de mercado”; paralelamente a isto e dende dentro, co deterioro progresivo destes servizos por parte dos gobernos que participan desta alta traizón á cidadanía, desarmando aqueles elementos que favorecen a cohesión social e por tanto empeorando as condicións de vida da mesma.

E namentres o presidente Feijoó se rodea de compañas pouco desexábeis en actos electorais (co señor Baltar fillo, prometendo parques acuáticos cun fondo arrasado polos lumes) o ensino público padece tamén o seu neste comezo de curso, coma nunha sorte de desastroso déjà vu:
  1. o peche das escolas do rural, ao que debemos sumar a non optatividade nos seus centros de secundaria coa excusa da escasa demanda, debilitando aínda máis un eido especialmente castigado por esta crise/estafa e polos actuais modelos de crecemento.
  2. o recorte brutal do profesorado, que minguou en case dous mil profesionais dende a chegada ao goberno da Xunta do señor Núñez Feijoó.
  3. a alarmante diminución nas axudas á promoción da normalización do galego, que deriva nun uso menor do mesmo, incidindo no proceso de substitución lingüística e de desaparición da nosa lingua.
  4. o alarmante desleixo pola atención á diversidade, que se resume no feito de que as prazas de orientación cada vez veñan con máis afíns, no camiño de converter unha área fundamental nun caixón de-sastre.
  5. o nefasto da FP básica, situación que o STEG vén denunciando como exemplo moi ilustrativo do que a LOMCE promove: a exclusión daquelas persoas con máis dificultades.
  6. a “obrigatoriedade” de cursar relixión en secundaria, pois na práctica é moi difícil escoller materias optativas á mesma. Nesta liña, o paradoxo é que disciplinas fundamentais como a música, a filosofía ou os contidos humanísticos son elementos case residuais na LOMCE.
Pero non só iso, tamén:
  1. o non cobro dos meses de verán das persoas interinas e substitutas, promovendo a súa precarización.
  2. a pésima xestión das interinidades e substitucións, alterando o normal desenvolvemento da dinámica de funcionamento dos centros en momentos tan delicados para a organización dos centros coma o inicio do curso.
  3. a deriva da xestión dos comedores escolares, moitos deles nas mans de empresas privadas radicadas a centos de quilómetros do país e tamén un pouco efectivo funcionamento das listaxes de substitucións naqueles de control público, provocando alteracións e atrasos no comezo da súa actividade.
  4. obras inacabadas e deficiencias estruturais nos centros, que conlevaron nestes primeiros días de curso inundacións, aulas impracticábeis e profesorado desenvolvendo funcións impropias da súa condición, resultando especialmente ilustrativo o vergoñento caso de Fornelos de Montes.
  5. a non substitución das persoas auxiliares de conversa en centros onde é a única dotación que reciben as seccións bilingües.
E, por último, este curso tráenos a traca final da implantación da LOMCE, as reválidas de ESO e de Bacharelato, un despropósito para culminar un sistema educativo segregador e inxusto, que despreza a avaliación global, continua e formativa que ofrecen os centros educativos para fialo todo a unha única proba que, como xa se veu nas reválidas de primaria, son fácilmente manipulables.

E a este comezo de curso, xa atropelado abondo, debemos engadir a inminente celebración das eleccións na Galiza. O STEG intúe ben o que pode significar unha nova vitoria do PP, ben en solitario ou ben coa axuda de fórmulas tuning-pop que basicamente agochan a mesma ideoloxía e que se sitúan en posicións próximas ás de colectivos que promoven a desaparición do galego e onde as persoas que os representan nin saben falalo.

Parece desexábel para Galiza en xeral e para o ensino público en particular que haxa un cambio no goberno da Xunta de Galiza que invirta esta deriva que só trouxo recortes, precariedade, desleixo e menos posiblidades para as persoas máis desfavorecidas.

O comezo de curso, pois, pode significar desta volta romper co déjà vu dos últimos anos e tamén unha porta aberta a un novo contexto político máis favorábel para o ensino público. O tempo dirá.

documento en pdf
 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal