Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Reseñas DOG
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Educación Exterior
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Eleccións sindicais
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2016-2017
Non lle disparen ao pianista!
A VOZ DE GALICIA E O PERSOAL INTERINO: NON LLE DISPAREN AO PIANISTA! (sobre a información aparecida na Voz de Galicia o mércores 5 de abril de 2017)

Nas informacións do ensino dalgúns medios de comunicación, coma nas películas do western, ao final do tiroteo sempre as paga o pianista (véxase para o caso o persoal interino e substituto), e ademais sempre cae alguén dende a varanda do piso de arriba estragando o piano.

Hoxe A Voz de Galicia (en consonancia perfecta coa Consellería; calquera día enterámonos das cousas antes pola Consellería que pola Voz de Galicia! Onde imos parar!) nun artigo titulado “La Xunta quiere reforzar el control en los criterios de renuncia de interinos” informa no seu ton desenfadado das grandes ocasións de que seica chegou a hora de lle por fin ás malas artes do persoal interino e substituto. Xa o cantaban nos oitenta Los Pistones: “el pistolero ha llegado ya a la ciudad... El pueblo entero ha volado, nadie quiere salir, en el saloon el barman dejó ya de servir...Es el más sucio y rápido en disparar... Si, si, acabaré con él”.

Se o ano pasado A Voz informaba das Oposicións do Século coma se agromase do Far West da Terra Cha o gran xacemento de petróleo daqueles intrépidos pioneiros, procedendo a sementar de paso todo tipo de sospeitas e alertando dos “trampeiros” que se presentaban ás oposicións, coma quen vai ao ouro ás minas de Wisconsin, desta volta a información máis aló de informar sobre as medidas dunha Consellería, enfoca a cuestión dende un ton que denota certa criminalización do persoal interino e substituto, que coa súa suposta mala fe parece por en risco “el sistema más transparente que existe”, afirmación que recolle o artigo na súa primeira liña.

Co concepto de transparencia da Consellería pásanos en ocasións coma ao Home Invisíbel ao se mirar no espello: non se ve por ningures. Por iso celebramos estes actos de fe en nome da virtude que plasma na súa información La Voz, talvez inspirada pola recente Orde de concertos dos centros privados e concertados aprobada pola Xunta de Feijoó.

Dende o STEG lamentamos que este tratamento das informacións vaia sempre nunha liña parecida: ponse en cuestión a integridade das traballadoras e traballadores do ensino público que coa súa suposta irresponsabilidade atentan contra a perfecta engranaxe da Consellería.

Botamos en falta, igualmente, que non haxa dende certos medios e con máis frecuencia (sería un erro xeneralizar, pois cónstanos que hai tamén moitísimas profesionais nos medios desenvolvendo o seu traballo en condicións moitas veces difíciles) un enfoque distinto ao do poder político, que financia con xenerosidade certas empresas da comunicación, que casualmente ten moito coidado de non cuestionar nunca o estado de cousas.

Se o fin era informar, no senso máis nobre do termo, isto é, abordando o asunto dende diversas ópticas e sometendo a escrutinio as informacións que se reciben, abrindo a canle de información á máis fontes cá unha, a reportaxe non cumpre o seu cometido. Ben ao contrario, parece que o de menos en toda esta historia sexa a precarización das condicións de traballo do profesorado (tamén as do persoal interino e substituto), a súa inestabilidade, os sucesivos recortes de postos docentes no ensino público, a subvención de centros de corte relixioso que segregan por sexo, a privatización inxente de sectores da escola pública... Diso nada saberá quen lea A Voz de Galicia hoxe; só saberá que hai que porlle freo aos excesos do perigoso persoal substituto e interino.

O xornalismo serio debe contribuír a loitar contra a construción do inevitábel, enfocando con algo máis de rigor e imparcialidade as cuestións, se non acontece o mesmo que coas cámaras do Luar: que xa funcionan soas. A cidadanía merece medios rigorosos que contribúan a garantir o seu dereito á información, no camiño de promover persoas autónomas e críticas.

Non vaia ser que ao final pareza algún medio tamén coma o pianista: botou o corpo a terra pero o piano seguía tocando só.                          


-documento en pdf

Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG
5 DE ABRIL DE 2017


                     
 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal