Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Máis Iniciativas/Campañas
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Eleccións sindicais
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Educación Exterior
  Reseñas DOG
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2018-2019
O que queda atrás da barreira
O comezo do presente curso 2019-20 non fixo mudar de xeito ningún os vellos costumes desta Consellería do Goberno de Feijóo. Ben ao contrario: incídese en prácticas que deterioran a calidade do ensino público e que perxudican finalmente a actividade escolar. Nas distintas reunións e, tamén nas declaracións aos medios, a Consellería reitera a "normalidade" do comezo de curso e os problemas, de habelos, sempre serían culpa de imponderábeis divinos ou de causas alleas á súa responsabilidade. Dende esta concepción tan pouco crítica, é difícil mellorar as cousas ou, alomenos, non contribuír a deterioralas máis.

Diante da imposibilidade dun goberno a nivel estatal que puidese afondar na derogación da LOMCE -a peor lei e a máis lesiva para o ensino público na historia da democracia-, a Consellería fixo caso omiso ás recomendacións publicadas no BOLETÍN OFICIAL DO ESTADO 8 (Núm. 58, venres 8 de marzo de 2019 Sec. I. Páx. 22221) polo Goberno en funcións, onde se instaba as Consellerías daquelas comunidades con competencias educativas -tal é o caso- a recuperar, dunha banda, os horarios do profesorado onde non se superasen as 23 horas, no caso dos centros de Educación Primaria e de 18 h. no do resto de etapas superiores. De igual xeito, este BOE instaba a cumprir e non superar as ratios establecidas no artigo 157.1.a) da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, e o fixado mediante norma regulamentaria para os restantes ensinos regulados pola citada Lei Orgánica.

Así as cousas, o STEG entende que estas dúas medidas son algo perentorio e necesario para o ensino público e que non dar pasos neste senso é unha irresponsabilidade por parte desta Consellería, pois só vén a castigar o alumnado, o profesorado, e o resto da comunidade educativa, mantendo medidas inxustificadas no actual contexto. Neste senso, o STEG demanda do actual goberno galego que proceda a actuar nesta liña e loitará pola consecución destas melloras alí onde teña presenza e voz e polos medios que xulgue oportunos.

Pero hai máis problemas. O curso que acaba de botar a andar ten que ser o curso en que, canda á demanda xeral de aumento do investimento público educativo e restablecer as condicións que tiñan as/os ensinantes maiores de 55 anos, medidas todas elas que facilitarían un aumento dos persoais docentes; así mesmo, mellorar os permisos e licenzas ou cumprir con rigor as normativas sobre saúde laboral, que son outras reivindicacións fundamentais.

Ademais, debemos sinalar as graves problemáticas do país, iso que a Consellería xulga normal:

- o peche das escolas do rural, ao que debemos sumar a non optatividade nos seus centros de secundaria coa escusa da escasa demanda, debilitando aínda máis un eido especialmente castigado por esta crise/estafa e polos actuais modelos de crecemento. A este feito cómpre sumar o que xa se dá como algo inevitábel: que as escolas ou centros máis pequenos do rural non conten con especialistas abondo ou propios da etapa educativa, contribuíndo en nada a fornecer a fixación da poboación no mesmo.

- a deficiente xestión do transporte en xeral e e do transporte integrado en particular, non podendo asignar paradas para o novo alumnado de forma oficial, quedando sen cobertura legal de ningún tipo en caso de accidente. A actualización do sistema de transporte escolar é unha das grandes tarefas pendentes, e debera obedecer a criterios pedagóxicos e funcionais en atención á comunidade educativa, non aos intereses económicos das empresas adxudicatarias. Entre Piaget e Monbus -por exemplo- a elección debera estar clara, agás para a Consellería.


- a alarmante diminución nas axudas á promoción da normalización do galego, práctica xa instaurada, que deriva nun uso menor do mesmo, incidindo no proceso de substitución lingüística e de desaparición da nosa lingua.

- o escaso control e transparencia naqueles centros que ofertan a FP dual, onde organismos alleos ao público teñen moito que ver (e non se sabe ben o que) na adxudicación de certas prazas que non aparecen reflectidas nin publicitadas nos procesos habituais.

- o desleixo e as tesoiradas na atención á diversidade, que se resume no feito de que as prazas de orientación cada vez veñan con máis afíns, no camiño de converter unha área fundamental do ensino nun caixón de-sastre.

- as obras inacabadas como cada comezo de curso, desviando sempre os balóns fóra, atribuíndo estas incidencias a axentes alleos ao seu ámbito (unhas veces a culpa é da Unión Europea, outras veces das empresas adxudicatarias...)

- as ratios por riba do legalmente establecido, especialmente en centros das provincias da Coruña e Pontevedra, que inflúen moi negativamente no alumnado pero tamén na labor docente das traballadoras e traballadores.

- os criterios para os desdobramentos, diferentes segundo se trate do ensino concertado ou do público, en detrimento deste último.

- A "boa xestión económica" da que se gaba a Xunta, todos eses cartos que din que xestionaron ben foron a costa de todas e todos nós, que non recuperamos aínda os complementos detraídos das nosas nóminas nas pagas extras de 2013, 2014, 2015 e 2016

Pero non só iso. A actual Conselleira deixa ben ao claro o seu perfil nunha entrevista aparecida onte mesmo na Voz de Galicia. Na mesma, non se encontra por ningures unha soa alusión nin solución a moitos dos problemas que deberan ser unha urxencia: a grave situación da lingua galega, nada; o alumnado en risco de exclusión social -entendendo a súa querencia pola superdotación, hai outras cousas máis urxentes-, nada. Pero, sen querelo, fai boa a solución hegeliana ao pensamento kantiano: poñer a barreira diante de certas cuestións, axúdanos tamén a identificar mellor aquelo do que non se quere nin falar, o que queda atrás da barreira, o que non se quere ver. Ademais:
 
- a pésima xestión das interinidades e substitucións, alterando o normal desenvolvemento da dinámica de funcionamento dos centros en momentos tan delicados para a organización dos centros coma o inicio do curso, que se substancia no acontecido na demora das tomas de posesión do profesorado de secundaria ou, no non chamamento en infantil e primaria para as substitucións das baixas xa coñecidas dende o 1 de setembro e con anterioridade, ou a actualización tardía de listas que deberan estar xa actualizadas.

- a progresiva privatización de eidos do ensino público: certificacións en linguas estranxeiras a cargo de entidades privadas, a impartición de actividades relacionadas coa robótica como actividades complementarias e extraescolares, a xestión indirecta dos comedores...Todo, baixo unha óptica moi pouco crítica nin consciente do que debera significar "o público", como ben común a preservar.

- a non substitución das persoas auxiliares de conversa en centros onde é a única dotación que reciben as seccións bilingües. A este respecto chama a atención poderosamente o feito de que se anuncie con gran entusiasmo que se lle aumenta as horas a este persoal, pero non se informa de que este aumento é facendo moitas destas prazas compartidas, vendo os centros diminuída a presenza deste persoal, co conseguinte perxuízo. Asegurando estas prazas para centros plurilingües; os centros con seccións bilingües poden, ou non ter ese persoal auxiliar de conversa.

- a falta dunha unidade de criterio por parte das comisións e das inspeccións médicas que regulan a concesión ou non das comisións de servizo, variando moito dunhas provincias a outras.

Así as cousas, entendemos que a actuación da Consellería dista moito de atender o ben común e isto debera ser un estímulo para a cidadanía, no camiño de se mobilizar masivamente contra este desleixo, toda vez que o curso escolar virá acompañado de eleccións ao goberno galego. Para o STEG sería imperdoábel que na actual conxuntura económica e política non se abordasen estas reivindicacións que son de xustiza para o profesorado e que inciden, tanto directa como indirectamente, na calidade do servizo educativo público.

-documento en pdf

                                                                    COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
24 DE SETEMBRO DE 2019
 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal