
Como sabedes, aconteceron moitas cousas nestas semanas; a conselleira á que se lle viñan demandando medidas e diálogo para reverter o caos creado pola inacción e non asunción de responsabilidades foi substituída, ao tempo que a antiga cúpula da Consellería quedou descabezada; non podemos pensar que fora polo ben que o fixeron ou o estaban facendo.
A chegada de Román Rodríguez como titular da Consellería non se traduciu ata o momento nun cambio de rumbo que desaconsellase seguir adiante coas folgas convocadas no seu día, malia adiamentos improvisados de comezo de curso, entradas escalonadas e a imposición duns servizos mínimos que, por dúas veces, veñen a demostrar o interese que a Consellería ten tamén en desvirtuar os lexítimos mecanismos de protesta e mobilizacións aos que o profesorado ten dereito.
As mobilizacións da pasada semana en moitas cidades e vilas do país foron secundadas por profesorado, traballadoras e traballadores, alumnado, colectivos estudantís e parte da cidadanía que entende que as medidas tomadas até o día de hoxe non son abondo para responder ás necesidades do ensino público galego.
Hai un mes, hai dous, non era posíbel nada, dicían: non era posíbel contratar profesorado, non era posíbel incrementar a distancia de seguridade... A implicación activa de todos os axentes da comunidade educativa, as mobilizacións, a denuncia de todo tipo de problemáticas e carencias e a presión social exercida, serviu. Pero está lonxe de contribuír a paliar substancialmente os graves problemas existentes aínda hoxe.
A Consellería anunciou un incremento de 847 docentes, triplicando o plan inicial.
PERO continuamos denunciando:
- A marxinación clamorosa absolutamente dos centros de Infantil e Primaria: as aulas burbulla, cos datos de contaxios da primeira semana non son unha solución válida, pois persiste nas ratios de 25 crianzas por aula e non respecta a distancia de 1,5 metros.
- A contratación de persoal docente para IES e outros centros con carácter restritivo, non autorizando desdobres en Bacharelato e ciclos de FP en centros nos que as direccións fixeron constar na petición de docentes que contaban con espazo para os desdobres.
- A solución máxica dos anteparos, un disparate de consecuencias aínda difíciles de medir, prescindindo da mencionada contratación de profesorado.
- A educación semipresencial non garante a conectividade e a Consellería está lonxe de ter artellado un plan para levala adiante con garantías de non excluír ninguén.
- Desatención do profesorado especialmente sensíbel á COVID-19, desaparecida a avaliación do posto de traballo na última versión do protocolo e intuíndo o percorrido que van ter estas solicitudes na meirande parte de casos, coas problemáticas que ocasionarán ás traballadoras e traballadores do ensino público galego.
- A deixación de funcións, cargando toda a responsabilidade nos equipos directivos, nos equipos COVID (sen ningún tipo de compensación horaria) e o profesorado, cargando tamén aos orzamentos ordinarios dos centros os gastos derivados desta situación excepcional que requeriría as partidas orzamentarias especiais correspondentes.
- A non substitución de persoal de limpeza en corentena ou o non reforzo dos equipos de limpeza, incumprindo a propia Consellería o seu Protocolo e poñendo en grave risco a saúde e seguridade dos centros e a comunidade.
Por iso, chamámosvos MAÑÁ MÉRCORES a secundar, alí onde vos sexa posíbel malia os abusivos servizos mínimos, ESTA FOLGA no ensino secundario (ESO, BAC, EOI e Réxime Especial), no camiño de facerlle ver á Consellería que queda moito por facer e que é preciso un cambio de rumbo decidido e comprometido co ensino público e a saúde e seguridade da comunidade educativa.

|