Dende o STEG vimos de solicitarlle á Xefatura Territorial de Educación de A Coruña que se proceda a subsanar a situación do IES Antón Fraguas, dotando ó centro co profesorado necesario para garantir a educación presencial e os desdobramentos solicitados no seu momento, ao abeiro da lexislación en vigor e no camiño de garantir a calidade do ensino, o dereito á educación e a igualdade de oportunidades para o alumnado deste centro educativo.
A actual situación de semipresencialidade en que se encontra o alumnado de 1º de Bacharelato deste centro conculca o dereito á educación e a igualdade de oportunidades.
Tal medida supón un deterioro importante da calidade do ensino público e da atención recibida polo alumnado, pois esta vía da semipresencialidade dista aínda moito dunhas condicións que garantan minimamente a atención axeitada (falta de máis medios, máis recursos e unha mellor implantación nos centros, conexións de calidade, dispositivos, etc...) e non pode suplir en ningún caso o ensino presencial, coas implicacións pedagóxicas e beneficios que comporta nos procesos de ensino-aprendizaxe.
O STEG ten constancia de que con data de 4 de setembro enviouse dende a Dirección do centro á Inspección Educativa toda a información do centro relativa ás necesidades de persoal e de espazos do centro, onde se facía constar a petición de 16 docentes máis para garantir o ensino presencial no mesmo, solicitando deste xeito os desdobramentos de grupo, ao dispoñer dos espazos necesarios.
O centro non recibe comunicación ningunha e finalmente sonlle concedidos 10 docentes, non podendo realizar os desdobres solicitados.
A Inspección solicítalle un informe sobre a semipresencialidade que a Dirección emite,pero non solicitándoa senón cumprindo o requerimento do superior xerárquico, neste caso a Inspección.
Na ORDE do 16 de setembro de 2020 pola que se ditan instrucións sobre o comezo do curso académico 2020/21 e pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2020 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2020/21 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, faise alusión no seu artigo 3.4 a que:
“4. Se co previsto na epígrafe anterior non puidese manterse a distancia de 1,5 metros, logo da autorización da inspección educativa, optarase polas seguintes opcións:
– Semipresencialidade rotatoria, agás na educación secundaria obrigatoria.
– Instalación de anteparos ou separacións que garantan a protección individual do alumnado. Nos talleres de formación profesional e ensinanzas de réxime especial, cando proceda, adoptaranse medidas de seguridade usando pantallas de protección facial.
– Desdobramentos do grupo de alumnos."
A dirección do centro solicitou o desdobre de grupos, conforme a dita orde, en ningún caso a semipresencialidade nin as clases televisadas, ben for dende a casa (emisión por internet) ou no centro (circuito pechado de TV); ademais ambas opcións, propostas pola Xefatura Territorial presentan múltiples carencias e deficiencias (dificultade para visión e son da retransmisión no primeiro caso, imposibilidade de garda e custodia do alumnado no segundo...)
A xuízo do noso sindicato, esta situación tiña fácil solución, procedendo a destinar no centro seis docentes máis, pois as instalacións dispoñen de espazos abondo e a disposición do centro á remodelación dos horarios sempre foi absoluta, en caso de que se optase por esta vía que a Consellería desbotou.
O anuncio da instalación de mamparas e clases televisadas por parte da Consellería e o suposto aforro que esta medida puidese traer só vén empeorar a calidade do ensino público, non contribuirá ao fin que pretende e constituirá un gasto superfluo, toda vez que se manifestaron as eivas e problemas expostos anteriormente.
Finalmente, quen máis acusará estas medidas é o alumnado con máis dificultades, o cal vai en contra dun ensino que garanta a igualdade de oportunidades, a equidade e a xustiza social.
COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
19 DE OUTUBRO DE 2020
- consulta o escrito en pdf
|