A Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG vén de dirixirse á Consellería de Educación e á Secretaría Xeral de Presidencia para que intercedan na inclusión das traballadoras/es do ensino en xeral e, das/dos docentes do ensino público e do alumnado con patoloxías graves en particular, dentro da FASE II de vacinación contra a COVID-19.
Segundo anunciou o goberno galego en datas recentes, a FASE I de vacinación da COVID-19 finalizará en breve, probabelmente a finais do mes de xaneiro. Consonte ás intencións tamén anunciadas polo presidente do goberno galego o pasado 14 de xaneiro de 2021, a FASE II iniciarase probabelmente nas primeiras datas do mes de febreiro.
O STEG entende que as traballadoras e traballadores do ensino en xeral e, as/os docentes do ensino público en particular así como, dentro deste, o alumnado con patoloxías graves, constitúen un segmento da poboación dun alto nivel de contactos interpersoais, dándose estes de xeito diario e habitual cos diferentes axentes da comunidade educativa (alumnado, familias, resto do profesorado, outros…)
Estes contactos teñen lugar en espazos reducidos (fundamentalmente as aulas pero non só) e esta circunstancia conleva un incremento notorio e obxectivo do risco e das posibilidades de contaxio pola COVID-19.
-documento en pdf
Comisión permanente do secretariado nacional do STEG
20 de xaneiro de 2021 |