Para matricularse na actividade, ademais de cubrir o formulario no espazo correspondente na web do sindicato, cómpre facer o correspondente ingreso no número de conta de ABANCA: ES89 2080 5138 8730 4001 2186, consignando como concepto: “Matrícula ESCRIBÍNDOME”. O prazo de inscrición pecharase o 21 DE XANEIRO.
Aínda que o curso é en liña, poñede coma provincia de celebración do curso Pontevedra.
*Máis información no 981154031 e en corunha@steg.gal
ESCRIBÍNDOME: APLICACIÓNS DA ESCRITURA EXPRESIVA NO CONTEXTO EDUCATIVO
DESCRICIÓN DO CURSO.
A escritura expresiva xurde da experiencia da persoa que escrebe, da sua vida pasada e presente, así como do futuro que imaxina. Escrita nos propios termos do autor, coa sua voz orixinal, a escritura expresiva tende pontes entre o pensamento e as emocións, entre o racional e o intuitivo, entre a idea e a acción.
Atópase a medio camiño entre a creación literaria e as ciencias sociais, e adopta múltiples formas: diarios, poemas, relatos autobiográficos, ensaio persoal, letras de cancións, fragmentos e anotacións persoais.
Esta escritura é democrática e accesible, non require coñecementos previos e os materiais necesarios son baratos e fáciles de atopar.
Numerosos estudos demostran que os seus beneficios para a saúde física e emocional son profundos, e en moitos casos, transformadores.
Adams & Barreiro, The teacher´s journal (2013)
Este curso pretende formar o profesorado nunha ferramenta creativa en auxe, avalada por numerosos estudos que demostran os seus beneficios para a saúde física e emocional, a capacidade comunicativa e a articulación dunha narrativa vital coherente.
O curso está dirixido a docentes de todas as materias e niveis que queiran utilizar a escritura persoal como apoio aos procesos de aprendizaxe.
Os particpantes que superen o curso coñecerán a historia e aplicacións da escritura expresiva en diferentes profesións de axuda e terán un coñecemento práctico da ferramenta que lles facilitará integrala criativamente no seu labor docente. Na estrutura do curso hai integradas prácticas entre sesións para poder supervisar e reflexionar sobre situacións concretas.
PERSOA TITORA.
MARISÉ BARREIRO é filóloga, escritora e gestaltista especializada en escritura expresiva, con máis de vinte anos de experiencia docente no ensino secundario público. Membro titular e supervisora da AETG, para a que escribiu a tesina El diario personal y la autobiografía: una visión gestáltica de la escritura expresiva. Posgrao en criatividade con Francisco Peñarrubia. É coautora, xunto con Kathleen Adams, directora do Center for Journal Therapy, do libro The teacher´s journal (2013), e participa na antoloxía pioneira Expressive writing: Classroom and community (2014) , centrada nas aplicacións da escritura expresiva no eido da educación.
Dende o 2009 cria e imparte cursos de escritura terapéutica para diferentes colectivos sociais e profesionais en varias comunidades autónomas.
OBXECTIVOS.
- Coñecer a escritura expresiva, a súa historia e as ferramentas básicas que esta ofrece como apoio a procesos de aprendizaxe.
- Planificar, deseñar e desenvolver accións formativas utilizando a escritura expresiva na aula en diferentes materias.
- Coñecer as posibilidades que a escritura expresiva ofrece aos docentes no seu desempeño profesional.
COMPETENCIAS PROFESIONAIS DO PROFESORADO.
Educador/a guía no proceso de ensino-aprendizaxe. Didácticas específicas, metodoloxías, TAC e Alfin
Interlocutor/a e referente na comunidade educativa.
Comunicador/a en linguas maternas e estranxeiras - Destrezas comunicativas verbais e non verbais: técnicas e estratexias para o desenvolvemento e mantemento.
CONTIDOS.
A. Diferenzas entre a escritura expresiva e a creativa e literaria.
B. Beneficios da súa práctica nas profesións de axuda e no contexto educativo en particular.
C. O encadre clásico de escritura expresiva. Boas prácticas no seu uso no contexto educativo.
D. O diario do profesor: a escritura expresiva e a articulación dunha narrativa profesional coherente.
E. Aplicacións na aula: as ferramentas básicas e a súa integración nos procesos de aprendizaxe.
METODOLOXÍA.
Seguirase una metodoloxía que promova a investigación deste tipo de escritura e das súas aplicacións nas necesidades concretas de cada participante, posto que se trata dunha ferramenta flexible e creativa.
Realizarase unha introdución teórica xeral, seguida de prácticas pautadas coa escritura e o debate posterior sobre os usos posibles de cada técnica, dúbidas que poidan xurdir ou variacións que se poidan introducir segundo a idade dos alumnos, materia etc.
TEMPORALIZACIÓN.
4 sesións de 3 horas cada unha, distribuídas quincenalmente, e 3 horas de prácticas autónomas intercaladas entre sesións. 15 horas en total.
Datas: 26 de xaneiro, 9 e 23 de febreiro, 9 de marzo de 2022.
DESENVOLVEMENTO DO CURSO
O curso realizarase en liña a través da plataforma Zoom. As prácticas entre sesións compartiranse na aula virtual.
SESIÓN 1:
Teoría: diferenzas entre escritura expresiva e creativa.
Estrutura básica da sesión individual. Beneficios. Boas prácticas en educación.
Prácticas: sprint de cinco minutos, trampolín, a man non dominante, había unha vez…. obxectos e historias.
Práctica autónoma: Escribir na natureza, o xogo da atención.
SESIÓN 2:
Teoría: orixes da escritura expresiva nos eidos académicos e da psicoloxía. Autor@s pioneir@s.
Prácticas: alfapoema, diálogo, 10 anos/persoas/lugares, poemas como prompts para a escritura, poemas colectivos.
Práctica individual: poema significativo.
SESIÓN 3:
Teoría: suxestións para o diarista, a conexión entre escritura e corpo-respiración. Prácticas: poema anafórico, metáfora e símil, romper as regras da gramática. Autobiografía aleatoria.
Práctica autónoma: crear unha actividade para levar á aula.
SESIÓN 4:
Teoría: escribir vs. editar: implicacións. O modelo en catro estapas de Hynes-Berry.
Prácticas: palabras encadenadas, as cousas que levo, o método Pongo.
CRITERIOS DE AVALIACIÓN.
* Valoración da aplicación e repercusión dos contidos do curso na práctica pedagóxica.
* Valoración da metodoloxía empregada.
* Grao de satisfacción do grupo coa formación recibida.