Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Reseñas DOG
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Educación Exterior
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Eleccións sindicais
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2010-2011
Sindicalismo en tempos de crise


Falarmos de sindicalismo e crise, ultimamente, xa non supón que a xente agarde unha análise crítica da actual situación económica e financeira que afecta en maior ou menor medida ao mercado laboral de todos os países do mundo, senón que cada vez é máis frecuente atopármonos reflexións –ou opinións sen máis- sobre a crise que afecta ao propio sindicalismo. Esta crise é unha constante común a moitos países occidentais; non hai máis que observar como moitas das loitas xurdidas en Grecia recentemente escapan ao control dos aparatos sindicais, malia estaren chamados, naturalmente, a xestionar o descontento da poboación. A crise da que estamos a falar ten moitas causas, pero cómpre diferenciar entre aquelas orixinadas por deficiencias organizativas produto dunha crecente burocratización das grandes centrais sindicais, das dificultades comúns a todos os sindicatos de respostar coa unidade da forza ante un mercado laboral cada vez máis fragmentado, da crise de lexitimidade e credibilidade xurdida por apoios máis ou menos tácitos a políticas de gobernos que prexudican a unha grande parte da poboación...

Reivindicarmos un modelo sindical alternativo, que o STEG pula por construír, ten o perigo da excusatio non petita, pero ante as críticas, ademais de colocalas na súa xusta dimensión, cómpre escoitar o que teñen de acertado. O mundo no que vivimos, as condicións de traballo das que “gozamos”, serían moito peores sen a existencia dos sindicatos. E non estamos a falar desde a perspectiva histórica de máis de 150 anos de sindicalismo, que tamén, senón desde a perspectiva que dá a inmediatez do día a día. Este argumento de por si abonda para defendermos a ultranza o sindicalismo, pero tamén é certo que ter que acudir a tal obviedade é unha medida do desprestixio e da incapacidade de xerar confianza entre a cidadanía do que adoece nestes tempos unha boa parte das organizacións sindicais. Pero o argumento pretende ser, sobre todo, unha chamada á responsabilidade de todas as persoas que cremos que o sindicalismo é unha das ferramentas que temos para mellorar as condicións laborais –e xa que logo de vida- na nosa sociedade, dificilmente substituíbel por ningunha outra. Cando menos a alternativa aínda non apareceu no noso horizonte. Cómpre pois recuperar os principios básicos do sindicalismo, ademais de analizar ben como os cambios ocorridos nas últimas décadas afectan á práctica sindical.

Dos aspectos que consideramos máis urxentes reivindicar salientamos, sen dúbida, a autonomía financeira e a independencia política como requisitos imprescindíbeis para unha práctica sindical que non coarte a supervivencia da propia organización. A primeira esixe non só a firme vontade de non ceder aos intentos de cooptación por parte do Estado, mediante subvencións, cursos de formación..., senón tamén a existencia dunha sociedade suficientemente consciente do que se xoga neste aspecto e que, consecuentemente, teña unhas altas taxas de afiliación a sindicatos -sectores como o ensino son, neste sentido, unha excepción positiva-. Dificilmente é compatíbel co perfil maioritario das persoas afiliadas no conxunto do estado: persoas con contrato fixo nas empresas ou funcionariado, principalmente de mediana idade e que accederon ao mercado laboral nas décadas dos sesenta e setenta... A segunda ten hoxe en día máis razón de ser ca nunca; non só é preciso para por fin a un dos erros que máis alta factura ten pasado a algúns sindicatos: comprometer a súa credibilidade e coherencia –sen dúbida o maior patrimonio de calquera organización social, xunto co compromiso das súas bases- senón que, ante unha globalización que homoxeniza en grande medida as políticas económicas, o sindicalismo está chamado a buscar as súas alianzas fundamentalmente a nivel mundial e noutras organizacións sindicais.

Ante problemas de escala global, mantense unha capacidade de actuación a nivel local; as estruturas organizativas xerarquizadas e autárquicas dificilmente establecen alianzas cas novas redes sociais, a demanda de novas e imaxinativas formas de presión é cada vez maior e difícil de satisfacer.... Grandes son os desafíos que enfronta o sindicalismo do século XXI, do tamaño, poderíamos dicir, dos do século XIX. Non hai motivo, porén, para o desánimo: a historia do sindicalismo ensínanos que podemos pedir o imposible e conseguilo.

Outros modelos sindicais xa están xurdindo... 


Secretariado Nacional do STEG
setembro 2010

 Pdf para imprimir

 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal