Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Reseñas DOG
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Educación Exterior
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Eleccións sindicais
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2010-2011
Unha lei innecesaria que non atalla os problemas reais

UNHA LEI QUE RESPONDE A UNHA PERCEPCION FALSEADORA DOS CENTROS EDUCATIVOS POR PARTE DA CONSELERÍA

 Desde o STEG queremos denunciar, en primeiro lugar, que a Consellería presente una norma sen dala a coñecer previamente a toda a comunidade educativa para o seu debate. A iso hai que engadirlle que órganos como o Observatorio da Convivencia non foron consultados para a súa redacción actual.

Se as formas son impropias dunha administración pública como a Consellaría, o contido da norma non é para o STEG menos preocupante:

Primeiramente, porque esta norma non responde a una demanda prioritaria da comunidade educativa. O discurso institucional inspírase na errónea percepción de que os centros educativos son “campos de batalla” como dicía o partido do goberno no seu programa electoral. Para o STEG, no ensino galego existe un clima de boa convivencia onde diariamente as e os profesionais do ensino transmiten valores e coñecementos. Esta boa convivencia vén avalada polos datos: segundo se informou no Observatorio da Convivencia no mes de decembro do 2010, só existen expedientes abertos a un 0,26% do alumnado galego. Estamos a falar polo tanto dunha problemática residual que afecta a 1 de cada 400 alumnos/as.

Por outra banda, non queremos deixar de recoñecer a existencia dalgúns casos conflitivos que precisan ser tratados, e que na meirande parte das ocasións se veñen solucionando satisfactoriamente en todos os centros educativos. Así o recoñeceu a propia Administración na última xuntanza do Observatorio do Convivencia o 17 de decembro, onde salientaron a diminución da apertura de expedientes.

O que está a facer esta administración é tomar, interesadamente, a parte polo todo e irresponsablemente crear unha imaxe falseadora da realidade e do traballo do profesorado nos centros educativos públicos.

O camiño para a dignificación do labor docente, ao que fai referencia, debe ir polo recoñecemento social do profesorado como transmisor de coñecemento e valores e a súa autoridade debe ser unha autoridade moral e non coercitiva. Polo camiño que emprende a Consellaría non se atallan os problemas xa que só se atende aos efectos e non ás causas que os provocan (socioeconómicas, familiares…). Con estas medidas só afastamos os problemas mais non os solucionamos.

Crer que medidas como a regulamentación da vestimenta poden axudar a mellorar a convivencia ou a solucionar a conflitividade responde a unha vision simplista da realidade educativa e da pluralidade social na que vivimos. Ademais, deixar nas mans dos centros a solución a posibles conflitos de carácter cultural por cuestións de vestimenta é trasladar outra posible problemática social á comunidade educativa inhibíndose, de novo, a Administración das súas funcións.

Desde o STEG cremos que a participación das familias no proceso educativo é fundamental, máis preocúpanos que a norma busque regular esta participación de tal xeito que lles poida permitir decidir sobre aspectos educativos que desde o STEG consideramos deben de ser decididos quer polos profesionais da educación quer por toda a sociedade. Neste sentido non hai máis que lembrar como este goberno ten empregado este argumento para recuar en medidas de normalización lingüística do galego no ensino. Xa que logo, comezamos por cuestionar o propio título da norma (e os contidos que se derivan) “Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa“, xa que pretende regular simultaneamente aspectos que deberían ser abordados independentemente.

Melloremos a convivencia lexislando para que os centros dispoñan de medios para atallar os problemas no momento que se detectan, reducir as ratios en lugar de aumentalas, dotar de cadros de persoal suficiente en vez de reducilos, aumentar e mellorar a formación do profesorado na resolución de conflitos, profundar no traballo coas familias, fomentar o traballo en equipo entre os docentes, impulsar a existencia de outros profesionais nos centros….

Para o STEG é prioritario deixar de empregar a educación como un lugar de propaganda, sendo imperativo poñela en valor como o mellor elemento de cohesión e benestar social.

Por todo o anterior, rexeitamos que unha lei da convivencia se centre só nos casos que poden perturbar a convivencia e que obvie, por completo, a boa convivencia na maioría do centros educativos galegos destacando os traballos, neste sentido, realizados polo profesorado ou outros membros da comunidade educativa nos centros.

Para o STEG unha lei deste tipo debe partir da verdadeira realidade os centros educativos galegos nos que existe unha convivencia óptima, potenciando plans de convivencia e mellorando todos aqueles aspectos que camiñen na liña da prevención e educación. Esta proposta parte dun prexuízo consistente en considerar o conflito nos centros como a norma, cando é a anécdota.

A necesidade de regulamentar certa inseguridade xurídica ou baleiro legal que afectaba ao profesorado xunto coa mellora da coordinación na comunicación entre o profesorado e as familias non xustifica a necesidade da elaboración lei polo que demandamos a convocatoria dunha mesa sectorial onde se negocie outra lei da convivencia desde unha óptica educativa e non só coercitiva. Máis necesaria se fai esta negociación cando a lei obvia as medidas educativas como o elemento central para evitar e corrixir condutas, ao mesmo tempo que interpreta a actitude xeral do alumnado como conflitiva.

Para o STEG, de ir adiante esta norma, suporá o recoñecemento por parte da administración do fracaso da función educativa que nos corresponde como docentes e, ademais, non repercutirá na valorización da función docente senón mesmo todo o contrario.


Borrador lei de convivencia e participación da comunidade educativa

Secretariado Nacional do STEG
xaneiro 2011
 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal