Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

GALEGO. COMEZA A APLICACIÓN DO DECRETO DO PARTIDO POPULAR

As instrucións e o cuestionario da Consellería de Educación sobre a lingua en Infantil semellan máis un traballo realizado para unha actividade do alumnado que dunha Consellaría.

As instrucións e o cuestionario enviados onte aos centros educativos para determinar a lingua de infantil demostran a urxencia partidista desta Consellaría e a falla de profesionalidade desde unha óptica sociolingüística. Esta enquisa só pode ser considerada unha chapuza feita cun desinterese cara a pedagoxía e a nosa lingua e impropia dunha Consellería. Abonda con comparala cos cuestionarios que desde moitos centros educativos se realizaron, con carácter científico, para coñecer a realidade sociolingüística da súa contorna.

Tal e como denunciamos desde o inicio desta campaña lingüicida do goberno, este decreto só vai xerar conflitos nos centros educativos. Desde o STEG adiantamos os conflitos e problemas de xestión cos que nos imos atopar por unha administración incompetente:

EDUCACIÓN INFANTIL

1. A enquisa non serve para determinar un plan lingüístico que consiga o obxectivo que o decreto marca: a competencia lingüística nas dúas linguas.

2. Unhas familias imporán a outras a lingua predominante. Ademais de que a maioría simple decide a lingua de todo o grupo, no caso de alterarse a composición deste nos cursos posteriores do ciclo, non hai opción de modificar a escolla inicial realizada o primeiro ano.

3. Cal é a “lingua materna” das nenas e dos nenos nas que cada proxenitor se expresa nunha?

4. Non hai seguranza que a pregunta non sexa contestada desde os prexuízos contra o galego e, xa que logo, non se corresponda coa realidade.

5. Non se teñen en conta os aspectos lingüísticos da contorna, fundamentais para as determinacións pedagóxicas segundo apoian todas as persoas expertas en lingüística.

6. O alumnado rematará a etapa de infantil sen a competencia lingüística precisa para abordar as materias que se impartirán en galego en Primaria.

EDUCACIÓN PRIMARIA

1. En Primaria o equilibrio, partindo dunha competencia desigual, afondará máis no desequilibrio e no analfabetismo lingüístico. A falla de competencia en galego reducirá a capacitación do noso alumnado para a adquisición dos contidos educativos.

2. Sendo a escolla cada catro anos os que este ano rematen infantil non poderán escoller, por exemplo, o cambio de lingua en matemáticas, polo que a liberdade de escolla é unha mentira.

3. Se, dentro dos catro anos que di o decreto que ten que manterse o proxecto lingüístico de centro, aparece alguén que queira, e estea capacitado, para dar algunha materia en lingua estranxeira, diminuirá, aínda máis, o número de horas das áreas impartidas na lingua minorizada (galego).

EDUCACIÓN SECUNDARIA E BACHARELATO

1. Os centros terán graves problemas para realizar a repartición das materias en cada lingua. Especialmente ao non ter a mesma carga horaria e existir a optatividade entre moitas delas. Como o Decreto obriga a marcar as materias antes de coñecer a optatividade do alumnado é imposible garantir o falso equilibrio do 50%. Daranse casos, en función das optativas escollidas polo alumnado, onde o alumnado reciba o 70% ou máis de aulas en castelán.

2. Vanse rexeitar os libros de texto existentes e en bo estado só porque están en galego e mercar os mesmos en castelán?


Aparte de toda a problemática exposta, está por ver a actuación da inspección educativa. Seguirá a ser tan permisiva na vixilancia da aplicación deste decreto como o foi na dos anteriores, que nunca chegaron a cumprirse plenamente no que atanguía ao galego?. Lembremos que mesmo se deron casos nos que a inspección, en contra da lexislación en vigor no seu momento, deulle a razón a algunha familia no sentido de que o alumnado podía expresarse e ter o material escolar no idioma que quixese, é dicir, en castelán.

Para resolver todas estas dúbidas e outras, vémonos o 19 de xuño no MUPEGA nas Xornadas de Lingua que, organizadas polo STEG, contarán coa participación de:

  • Teresa Moure. Escritora, Doutora en Lingüística, profesora da USC.
  • Goretti Sanmartín. Directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña
  • Alba Nogueira. Doutora en dereito e profesora de Dereito Administrativo da USC
  • Francisco Fernández Rei. Catedrático de Filoloxía Románica da USC. Membro da RAG
  • Xaime Subiela. Lcdo. en Ciencias Políticas, investigador da política lingüística de Galicia.
  • Pilar García Negro. Doutora en Filoloxía Galega, profesora na Universidade da Coruña.
  • Anxo Lorenzo. Secretario Xeral de Política Lingüística. Doutor en filoloxía na Universidade de Vigo.
  • Bernardo Penabade. Profesor de Lingua e Literatura Galega.
  • Rexina Vega. Doutora en Filoloxía Románica. Profesora de instituto e da Universidade de Vigo
  • Xosé Antonio Calviño Martínez, Profesor de Lingua e literatura galegas
  • Leo e Arremecaghona. Escritor, filólogo e showman.

Secretariado Nacional do STEG
Xuño 2010