Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

DECRETO DE GALEGO
Da normalización á prohibición
O borrador do Decreto prohibe ao redor de 20000 profesoras e profesores do ensino público galego (aos que hai que sumar aos da privada) o emprego do galego na aula.
Esta norma vai a xerar máis conflitos nos centros fomentando o analfabetismo lingüístico do noso alumnado


Para o STEG o contido do Decreto é rexeitábel desde o punto de vista pedagóxico e político, ademais, a súa forma de presentación, adoece de todo sentido da virtude política. Esta norma debe pasar por Mesa Sectorial para ser obxecto de negociación e presentala antes de ser negociada desvela a intención deste goberno: imposición sen negociación. De ter vontade negociadora non publicitaría o que pode ser obxecto dunha modificación substancial.

Desde o STEG estamos seguros que na Mesa de negociación haberá maioría sindical, cando non consenso, nos seguintes temas:

- A norma rebaixará a competencia lingüística do galego entre o noso alumnado en especial ao non promover o uso oral das linguas e permitir que o alumnado empregue a que desexe. Obviamente isto redundará na súa aprendizaxe do galego e das outras materias polo que afondará no fracaso escolar. En definitiva: teremos alumnado menos culto.

- A norma vai a xerar conflitos e numerosos problemas de xestión nos centros educativos cando haxa profesorado a quen se lle prohiba falar en galego nas aulas e queira seguir a empregar ese idioma vehicular co alumnado e os proxenitores e a administración decidan o contrario. Se a Xunta nunca abriu expedientes polo incumprimento sistemático para impartir as clases en galego, comezará agora se alguén decide falar galego nas aulas como se fixo baixo o franquismo?

- Desde o STEG apoiaremos a todo o profesorado que exerza a obxección de conciencia ante esta prohibición para ensinar en galego como se fixo baixo o franquismo. O STEG, como xa manifestou cando se publicaron as bases, colaborará con toda a súa forza para impedir esta prohibición e estará sempre ao carón do profesorado que queira impartir aulas en galego.

- Se o Consello Escolar e nais e pais deciden cada catro anos estarán a impoñer a outras nais e pais (por exemplo os que estean hoxe en 4º de infantil) a lingua de uso durante tres cursos. Resulta aberrante que un grupiño de nais e pais poidan decidir mudar unha norma da Consellaría. Este Decreto, establece a posibilidade de non cumprilo permitindo a elección do analfabetismo lingüístico e xerando desigualdade na educación das crianzas. É escandaloso que o anterior se fará só atendendo a ideoloxía ou prexuízos de nais e pais e non a criterios científicos nin pedagóxicos.

O borrador presentado non recolle as achegas máis importantes de sindicatos, coordinadora, ANPAS, RAG, CCG... onde se destaca a necesidade do consenso a partir do Plano de Normalización lingüística do 2004 que fixera o Parlamento co PP no poder. Compróbase, xa que logo, que a política lingüística deste goberno non está pensada para poñela ao servizo do noso alumnado senón a intereses partidistas, coincidentes cos de Rosa Díez, onde Galiza e as galegas e os galegos saímos perdendo un prezado ben común.

Agora ben, se as mobilizacións fixeron mudar parcialmente a postura deste goberno, fomentador da incultura e o fracaso escolar, a aberración política e pedagóxica das bases (obrigatoriedade do 33% de materias en inglés), desde o STEG, como integrante da Plataforma Queremos Galego, manteremos todo o noso esforzo mobilizador ata que algún goberno, sexa do partido que sexa, volva á cordura e comece a fomentar a cultura que supón aprendizaxe de linguas en lugar de fomentar o analfabetismo e o fracaso escolar.

CONCENTRACIÓN HOXE DIANTE DE SAN CAETANO

No día de Hoxe (sábado 13 de marzo) 2000 persoas acudiron a unha concentración realizada vía sms e internet para mostrar o noso rexeitamento á política lingüística da Xunta de Galicia. A convocatoria foi realizada pola plataforma Queremos Galego da que forma parte o STEG.

Secretariado Nacional do STEG
marzo 2010