Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

SOLICITUDE DE DIMISIÓN DO SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

O Secretariado Nacional do STEG decidiu solicitar formalmente a dimisión do Secretario Xeral de Política Lingüística despois de analizar a súa xestión no ano que leva exercendo o seu cargo. Expoñemos os motivos:

1. Por todas as actuacións lexislativas que avalan unha involución na protección e fomento da lingua propia:

- Eliminación da necesidade de mostrar o coñecemento de Galego para o acceso á función pública galega.
- Retirada de axudas ás aulas en contornas castelanfalantes
- Eliminación da promoción do galego nas oposicións ao ensino ao non ter que presentar a programación en galego
- Non valorar a lingua galega na Orde de estadías no estranxeiro cando si se valora calquera outra lingua estranxeira.
- A desaparición da referencia á lingua galega no Decreto de FP.
- Presentación dunhas Bases e dun Proxecto de Decreto inspiradas nestas bases que contan coa oposición da maioría da comunidade educativa (Sindicatos, Asociacións de ANPAs, RAG,CCG...)

2. Polo dano realizado ao idioma e aos trinta anos de normalización ao asumir o falso discurso da imposición do galego e a idea de que o xusto é tratar por igual ao desigual incurrindo nunha irresponsabilidade e inxustiza históricas de dimensións económicas, culturais e sociais incalculábeis.

3. Por negarse a negociar nin un só dos puntos que eran esenciais para as catro OOSS véndonos na obriga de levantarnos da mesa sectorial. Por facer da mesa sectorial de ensino unha farsa. Ademais é inadmisíbel enviar, antes de pasar por mesa, o texto do proxecto de decreto ao Consello Escolar o que demostra a nula intención negociadora e o desprezo ao profesorado e aos seus lexítimos representantes.


4. Por facer uso dun medio institucional para atacar ás forzas sindicais, e por ende a todo o profesorado galego, con mentiras que rozan a calumnia e a inxuria e que poderían ser obxecto de demanda xudicial.
Na nota publicada na web da Consellaría despois da mesa sectorial do 25 de marzo do 2010 méntese, entre outras cousas, ao dicir que o STEG non fixo achegas nin no período de consultas nin na mesa de onte. É unha falsidade que se demostrará na acta da mesa xa que nas dúas reunións o STEG presentou alegacións que eran esenciais para a nosa organización. E, iso si, de non aceptarse, demandamos a retirada xa que calquera deses aspectos é inasumíbel para unha proposta que pretenda fomentar e normalizar a lingua galega ademais de ser unha aberración desde o punto de vista pedagóxico.

Por toda esta política desnormalizadora e involucionista con respecto á lingua, por lexislar en contra da calidade do ensino e polo uso da mentira para inxuriar ao STEG e a outras OOSS solicitamos a dimisión do seu cargo.


Secretariado Nacional STEG
Abril de 2010