NOVO DECRETO DE GALEGO
O anuncio do Pacto pola Lingua e a aprobación do decretazo
na mesma semana demostran o cinismo de Feijóo
Malia as modificacións introducidas desde o primeiro borrador,
o Decreto de galego aprobado onte pola Xunta segue a ser un retroceso
sen precedentes na política lingüística da democracia
neste país.
Amparándose na exigua maioría electoral acadada nas últimas
eleccións, a Xunta aproba un decreto amplamente rexeitado por
todos os sectores da sociedade galega, e mesmo desautorizado polo Consello
Consultivo. As mesmas persoas que esgrimiron o informe desfavorable
deste Consello co Decreto do 2007 para xustificar a súa eliminación,
non dubidan en aprobar o actual cun informe en contra do mesmo órgano
considerablemente máis duro e demoledor.
O mantemento da consulta ás familias en Infantil a pesares do
cuestionamento da súa legalidade co argumento de que pensan cambiar
o marco legal para que teña cabida –algo que non é
competencia da Xunta- responde á ben coñecida política
de “ti vai facendo” que o goberno da Xunta aplica con igual
irresponsabilidade noutros ámbitos da súa competencia.
Desde o STEG consideramos unha burla a proposta dun Pacto pola Lingua
presentada polo goberno esta semana, tan só uns días antes
de darlle as costas a toda a sociedade galega na súa demanda
de retirar o decreto hoxe aprobado.
Desde o STEG reiteramos o noso rexeitamento a unha norma que empeorará
a competencia lingüística do alumnado e creará tensións
ata agora inexistentes nos centros educativos. Xa que logo, seguiremos
a realizar todo tipo de actuacións encamiñadas a que o
percorrido do decreto hoxe aprobado sexa o máis breve posible.
Secretariado Nacional do STEG
maio 2010 |