ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
Día Internacional pola Saúde da Muller
28 DE MAYO: DIA INTERNACIONAL POLA SAÚDE DA MULLER

Hoxe, DIA INTERNACIONAL POLA SAÚDE DAS MULLERES, desde a Asemblea de Mulleres do STEG queremos expresar a nosa loita diaria para facer realidade dito dereito, que significa encontrarse nun estado de benestar ou de equilibrio que pode ser visto a nivel subxectivo (un ser humano asume como aceptábel o estado xeral no que se encontra) ou a nivel obxectivo (constátase a ausencia de enfermidades ou de factores daniños no suxeito en cuestión). Polo tanto o concepto máis amplo de dita definición sería: "A saúde é un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades”.

Pois ben, facendo fincapé en dito benestar, nos encontramos con que desde o actual goberno se están a dar unha serie de circunstancias que están a minguar considerabelmente a saúde de moitas mulleres. Comezaremos citando a supresión da tarxeta sanitaria que fixeron efectiva o 1 de setembro do 2012 a todas aquelas inmigrantes sen papeis de residencia, e que só lles atenderían se acudían aos servizos de urxencia. Unha tremenda barbaridade en pleno século XXI, e en plena crise económica, en onde encontrar un traballo é case unha utopía para as mulleres emigrantes, e con contrato que lles facilite os papeis de residencia é un imposíbel. Así que este goberno insta a todas estas mulleres a acudir a un centro de urxencias cando estea completamente afectada a súa saúde, así que o de “previr é curar”, só llo poden permitir mulleres “legais”.

Outra barbaridade coa que temos que estar a facer fronte desde fai uns meses, e en loita constante, é coa tan anunciada e de forma tan ameazante reforma da actual Lei do Aborto, que, por suposto, agride ao dereito da saúde sexual e reprodutiva das mulleres. O ministro de xustiza Alberto R. Gallardón quere resucitar unha lei de supostos de despenalización e cambiar a lei de prazos que está vixente, coa actual Lei Orgánica 20/2012, de 3 de marzo, que amplía a Lei Orgánica 9/1985 de 5 de xullo. Tamén quere que desapareza o aborto euxenésico, que é a eliminación do feto antes de nacer cando se lle diagnostica unha malformación. Se se levase a cabo esta reforma, moitas mulleres terían que acudir, ben de forma clandestina por falta de medios, coas posíbeis consecuencias sobre a súa saúde física, ou ben gastando unha boa cantidade de diñeiro, a clínicas privadas. Pero iso non parece importarlle a un ministro de Xustiza, que paradoxal…. Porque se dunha cousa está segura unha muller, é da propia decisión de realizar un embarazo ou non, e por suposto, de exercer libremente ese dereito por moi complicado que llo poñan. E por suposto, sempre haberá unha ou moitas mulleres apoiándoa, en completa sororidade.

Por estes motivos e por tantos outros que deixamos no tinteiro, pero igual de importantes para a saúde das mulleres e nenas, sumámonos unha vez máis a levantarnos e loitar polos nosos “dereitos das mulleres que son dereitos humanos”.

Asemblea de Mulleres do STEG
28 de xuño de 2013
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal