ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
Día Internacional contra a Explotación Sexual e o tráfico de mulleres, adolescentes e nenas
23 de Setembro – Día Internacional contra a Explotación Sexual e o tráfico de mulleres, adolescentes e Nenos.

En 1999 a Conferencia Mundial da Coalición Contra o Tráfico de Persoas, en coordinación coa Conferencia de Mulleres que tivo lugar en Dhaka, Bangladesh, instauraron o 23 de setembro como O Día Internacional contra a Explotación Sexual e o tráfico de mulleres, adolescentes, nenas e nenos.

A explotación sexual é un negocio próspero para as mafias e proxenetas que captan, secuestran, violan e obrigan a prostituírse a miles de mulleres e adolescentes cada día. Un negocio que lle supón unha gañancia media de máis de 110.000 euros ao ano a un proxeneta por cada persoa prostituída, a gran maioría do sexo feminino.

A nivel mundial, as mulleres constitúen o 85% das vítimas de trata de persoas con fins de explotación sexual. O segundo negocio mundial despois do do tráfico de armas. Un negocio que move máis de sete billóns de dólares anuais, que supón o desprazamento de máis de catro millóns de persoas cada ano e ao que a crise económica non afectou. Si o fixo a situación das mulleres e menores, máis vulnerables a ser captadas polas situacións de pobreza e miseria extrema ou polos desprazamentos forzados por mor dos conflitos armados. Ademais, as políticas represoras en materia de migración e asilo na Unión Europea inciden no aumento das mafias.

A educación sexista e a cultura do consumo de sexo pagado aumentan cada día baixo a permisividade dos gobernos. Os modelos económicos de Eurovegas ou dos grandes bordeis como o da Junquera, baseados na falta de fiscalidade e a explotación de mulleres e adolescentes, estanse impoñendo co beneplácito dos gobernos e a impasividade da sociedade.

No Estado español, calcúlase que existen unhas once mil prazas en hoteis que se dedican á prostitución, ademais dos pisos, locais, rúas, estradas, parques, polígonos... é difícil volver a cara ante a realidade de miles de mulleres explotadas, escravas sexuais, mulleres sen ningún dereito, ás que se lles arrebatou unha vida que difícilmente recuperarán.

Segundo os informes policiais, a maioría das vítimas son estranxeiras en situación irregular. O terror aos proxenetas, a situación de irregularidade e o tremendo shock que padecen estas vítimas fai que só un 1% delas se atréva a denunciar.

A crise fixo aumentar o número de mulleres de nacionalidade española prostituídas, aínda que a porcentaxe maioritaria segue sendo de estranxeiras en situación irregular. Pero como o proxeneta non acepta gañar menos, as mulleres han de facer o mesmo servizo por menos diñeiro ou aumentar o número destes. Vergonzoso! Aínda por riba, coa mesma escusa de sempre, a crise, o goberno deixa fóra da cobertura sanitaria ás mulleres prostituídas, xa que a gran maioría está en situación irregular. Estas mulleres teñen graves problemas sanitarios que requiren tratamentos: VIH, ETS, Hepatite C, Tuberculose, etc. Moitas delas abortan, outras seguen adiante cos seus embarazos, o que deixará ás futuras criaturas nunha situación de total desprotección sanitaria.

Pero todas estas cifras, esta tremenda realidade de miles de mulleres e nenas que vemos na nosa contorna non serven para que ese trinta por cen dos homes do Estado español, eses que se coñecen como clientes -verdadeiros responsables de que exista a prostitución- asuman que están contribuíndo á escravitude desas mulleres.

As únicas políticas que se están levando a cabo contra a explotación sexual pasan pola sanción ás mulleres prostituídas, unha vergoña que só obedece á pretensión de “limpar as rúas”.

Por todo iso, a Asemblea de Mulleres do STEG manifesta:

- O seu total rexeitamento a calquera forma de explotación das mulleres e menores.

- A obrigación dos gobernos de protección, asistencia, reinserción e reparación a todas as vítimas.

- A esixencia aos gobernos de perseguir e sancionar a mafias e proxenetas.

- A necesidade da educación afectivo-sexual baseada no respecto á diversidade e a igualdade.

- O desenvolvemento da normativa actual en materia de trata e a dotación presupuestaria suficiente para levala a cabo.

Asemblea de Mulleres do STEG
Galiza, 23 de setembro de 2013
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal