ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
A Asemblea de Mulleres do STEG súmase á celebración
A ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG SÚMASE Á CELEBRACIÓN DA ACCIÓN MUNDIAL POLA DESPENALIZACIÓN DO ABORTO E REIVINDICA O ABORTO LIBRE, SEGURO E GRATUÍTO

O 28 de Setembro, Día de Acción Global pola Despenalización do Aborto, vén sendo dende 1990 un día de grande importancia simbólica para todas as mulleres. Esta efeméride xurdiu en Latinoamérica non de xeito fortuíto senón motivada polo elevado número de mortes de mulleres derivadas dun aborto inseguro e clandestino. Moitas vidas quedaron atrás nesta loita pola despenalización do aborto e pola protección da saúde das mulleres. Son moitos os países onde se segue penalizando o aborto, restrinxindo o dereito ao control da maternidade, ou eliminando completamente o acceso a un servizo sanitario seguro, que deteña estas cruentas e evitábeis consecuencias.

No Estado español, a paralización do Anteproxecto de lei por parte do Goberno - e a demisión do seu promotor Ruiz Gallardón - supuxo un respiro para todas aquelas mulleres que defenden o seu dereito á saúde e a unha libre elección sobre a súa maternidade; supuxo un reforzo moral e legal para todas aquelas que se viron postas en dúbida por optar á interrupción do seu embarazo, algunhas ata aterrorizadas, sometidas a escraches, insultos e vergoña pública por grupos antielección, todos eles esgrimindo o “dereito á vida”, pero sen respecto á persoa viva que teñen diante.

Agora ben, a situación que nos queda agora é, como pouco, ameazante. Por unha banda, será o Tribunal Constitucional quen resolva sobre 3 elementos fundamentais da actual lei, obxectos do recurso presentado polo PP: a obxección de conciencia do persoal sanitario, a autonomía de decisión das menores de 16 anos e a regulación dos prazos para o aborto libre. E, doutra banda, anúnciase por parte do Goberno unha inmediata limitación da autonomía de decisión para as menores de 16 anos e, ademais, unha lei sobre “protección á familia”.

A primeira ameaza é o factíbel fallo a favor do Recurso do PP diante do Tribunal Constitucional, dado o marcado carácter conservador dos seus compoñentes, algúns, adeptos ao Opus Dei e ao propio PP. A potestade sobre o propio corpo pasará das mulleres a un Tribunal, “casualmente” formado por varóns na súa maioría.

A segunda ameaza toma forma nunha desconfianza total por parte do Goberno cara ás rapazas, así como nunha malversación da actual lei, que no seu art. 13 do Título II estabelece xa a obrigatoriedade de informar aos proxenitores, e só en casos que estean suficientemente fundados de “grave conflito, manifestado no perigo certo de violencia intrafamiliar, ameazas, coaccións, malos tratos, ou se produza unha situación de desarraigamento ou desamparo” admite que se poida prescindir de devandita información.
Nestes momentos, no Estado español segue pendendo sobre as mulleres unha espada de Damocles na regulación do aborto, porque esta non é só unha cuestión política, nin electoralista, é unha cuestión ideolóxica e “de profundas conviccións”: a consideración da muller como ente de pleno dereito ou, por contra, como suxeito pasivo, instrumento de reprodución, coidadora da súa prole e sustentadora do sistema produtivo capitalista e patriarcal, apoiado pola Igrexa Católica dende as súas orixes, como apoloxista e lexitimadora moral desta teoría socio-económica.

O dereito ao aborto fai parte dos dereitos reprodutivos das mulleres, sendo o alicerce de moitos outros dereitos que determinan a súa liberdade. De igual xeito que o dereito ao voto foi a base material para a nosa liberdade, a potestade para controlar a nosa maternidade proporciónanos o impulso para ser donas das nosas vidas.
Unha sociedade que penaliza o aborto é a que o considera delito e delincuentes a aquelas persoas que optan por el. Unha sociedade que despenaliza o aborto é a que considera que a maternidade merece protexerse mediante un sistema sanitario público, gratuíto e seguro, que garanta que se exerza en condicións desexábeis e desexadas e considera as mulleres responsábeis e donas das súas vidas e dos seus corpos.
Por iso, dende a Asemblea de Mulleres do STEG avogamos por unha despenalización do aborto e hoxe máis que nunca reivindicamos:
- Despenalización do aborto no Estado español.
- A protección da saúde das mulleres mediante a garantía do acceso a un aborto seguro, gratuíto e libre na rede sanitaria pública para todas as mulleres.
- O respecto á autonomía de elección para as mozas que optan por interromper o seu embarazo. De ningún xeito se pode obrigar a unha muller a ser nai contra a súa vontade.
- O aumento do investimento en prevención de embarazos non desexados mediante unha educación afectivo-sexual nas aulas dende etapas temperás e o acceso gratuíto a medios anticonceptivos para todas as mulleres.
- A inclusión nos currículos escolares de contidos específicos que promovan a igualdade de dereitos entre homes e mulleres e a eliminación inmediata de concertos educativos a colexios que distinguen a nenas e nenos con modelos educativos diferenciados, potenciando un trato educativo e sociolóxico distinto por razón de sexo.
- O respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos de todas as persoas independentemente da súa orientación sexual e o seu modelo de familia.
- O rexeitamento perante calquera lei ou mecanismo legal que defenda a tutela e o control sobre os corpos das mulleres e a súa maternidade.
Este 28 de setembro estaremos novamente nas rúas, defendendo o noso dereito e o de todas as mulleres a un "ABORTO LIBRE, SEGURO E GRATUÍTO. AS MULLERES DECIDIMOS".
Asemblea de Mulleres do STEG
Galiza, 28 de Setembro de 2014
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal