ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
Comunicado
COMUNICADO DA ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG NA CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES RURAIS
En 2007, a Asemblea Xeral da ONU estabeleceu o 15 de Outubro como Día Internacional das Mulleres Rurais en recoñecemento “á función e contribución decisivas da muller rural, incluída a muller indíxena, na promoción do desenvolvemento agrícola e rural, na mellora da seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza rural”.

As mulleres xogan un papel indispensábel nas economías rurais, tanto nos países desenvolvidos, como naqueles en vías de desenvolvemento. Así, a nivel mundial, a produción de bens e alimentos, nun 80%, realízase polas mulleres, que con todo só son propietarias dun 2% dos bens en terras ou capital. Elas son as encargadas da terra, dos seus cultivos, da preservación das sementes, do reparto e coidado da auga e do gando ou da produción de combustíbeis para as familias e comunidades. Todo iso engadido ao coidado de descendentes e do resto das persoas - dependentes ou non - que forman o núcleo familiar.

O medio rural necesítaas porque son as responsábeis do asentamento poboacional, evitando o avellentamento ou o abandono do medio. Son o motor da innovación do medio rural e o centro das políticas de desenvolvemento nese medio. O seu papel é imprescindíbel na diversificación da economía para o mantemento dos niveis de renda das súas familias e comunidades, contribuíndo así á vertebración territorial.

Son moitos os problemas e discriminacións que afectan ás mulleres rurais. A maioría delas traballa toda a vida na agricultura ou na gandeiría sen recibir ningunha remuneración por iso, engadindo -como o resto das mulleres- estes traballos ao doméstico e ao de coidados. Os débiles avances operados en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes non se deron no medio rural, onde as desigualdades son aínda máis patentes. A carencia de infraestruturas, a dificultade para acceder a servizos e as escasas ou nulas oportunidades laborais ou formativas obrigan ás mulleres rurais a emigrar ás cidades en busca de traballo, formación e servizos. A falta de corresponsabilidade nos coidados das fillas e fillos (agravada pola falta de escolas públicas infantís de 0-3 anos) e a desigualdade nos permisos por nacemento para nais e pais ou por coidado das persoas dependentes (agravada pola carencia de servizos asistenciais) son un obstáculo para todas as mulleres á hora de acceder ao mercado laboral en igualdade de condicións cós homes, moitas veces insalvábel no medio rural. A falta de proximidade de servizos sociais e asistenciais é un impedimento máis para que as mulleres, no ámbito rural, poidan acceder á sanidade, á educación e para o coidado das persoas dependentes. Tampouco podemos esquecer que no medio rural as mulleres en situación de violencia machista dificilmente atopan servizos próximos de información, prevención ou axuda.

No Estado español, os débiles avances operados en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes non se deron apenas no medio rural. O paso adiante que supuxo a Lei de Titularidade Compartida, ao recoñecer o traballo das mulleres e o seu dereito a acceder a prestacións ás que antes non podía, malia ser importante, non abondou, pois foi unha norma que non se desenvolveu plenamente.

Por todo isto, a Asemblea de Mulleres do STEG, no Día Internacional da Muller Rural, manifesta que:
  • Mellorar a situación das mulleres rurais pasa por recoñecer o seu valor fundamental, visibilizando o seu traballo e necesidades, fomentando a súa capacidade emprendedora, empoderamento e toma de decisións, facilitando a conciliación da vida laboral e persoal e o coidado de descendentes e dependentes.
  • Erradicar as desigualdades no ámbito rural é unha obriga do goberno que implica ao conxunto da sociedade e que redundará en beneficio da economía, evitando a despoboación e o avellentamento poboacional.
  • É necesario o incremento de medios e accións para combater as desigualdades no medio rural e avanzar cara a un desenvolvemento sostíbel e integrador de todas as necesidades e diversidades.
  • É imprescindíbel o desenvolvemento e impulso da Lei de Titularidade Compartida, garantir a súa aplicación, informando e divulgando a norma, realizando o seguimento sobre a súa aplicación e as accións que sexan necesarias para que a súa implantación en todo o ámbito rural sexa unha realidade.
  • A educación e formación das mulleres no ámbito rural é un deber do goberno, como o é o acceso á sanidade e aos servizos asistenciais. Os recortes efectuados polos gobernos frearon os débiles avances obtidos en dereitos. É imprescindíbel reverter eses recortes e investir neste campo.
  • Son necesarias medidas para fomentar o asociacionismo das mulleres rurais e unha coordinación entre as administracións públicas para loitar contra a desigualdade no medio rural. Urxe unha política de estado baseada no respecto á diversidade, o desenvolvemento sostíbel e o medio ambiente.
Asemblea de Mulleres do STEG
15 de Outubro de 2014
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal