ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
Comunicado da Asemblea de Mulleres do STEG
6 DE FEBREIRO: DÍA INTERNACIONAL DA TOLERANCIA CERO COA MUTILACIÓN XENITAL FEMININA

UNICEF define a ablación xenital feminina como unha serie de prácticas consistentes na extirpación total ou parcial dos xenitais externos das nenas e mulleres. Estas prácticas relaciónanse con diversas razóns ou factores: sexuais, sociolóxicos, de hixiene, estéticos, de saúde ou relixiosos.

Segundo os datos ofrecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS), calcúlase que hai arredor de 140 millóns de mulleres e nenas maiores de 10 anos a escala mundial que foron obxecto de mutilación xenital. Esta práctica pode producir hemorraxias graves e serios problemas urinarios, que non poucas veces ocasionan ademais quistes, infeccións, infertilidade, complicacións do parto e aumento do risco de morte do/a recén nacido/a. Adoita ser máis frecuente, hoxe por hoxe, na zona da África occidental e subsahariana, nalgúns países de Asia e no Oriente Medio.

Na Asemblea de Mulleres do STEG traballamos diariamente na loita contra todo tipo de agresión física e contra calquera forma de opresión cara ás persoas e colectivos socialmente máis vulnerables, neste caso as mulleres e nenas que sofren mutilación xenital. É por iso que hoxe, 6 de febreiro de 2015, gustaríanos contribuír a visibilizar esta tráxica realidade e alzar as nosas voces unidas a moitas outras nunha reivindicación que procura a abolición total de todo tipo de prácticas relacionadas coa mutilación xenital feminina.

Uniremos por iso os nosos esforzos para presionar aos estados membros da ONU, os cales, vai xa para catro anos, aprobaron na Asemblea Xeral un convenio polo que se esixía a prohibición e castigo de calquera exercicio de mutilación xenital feminina, por consideralo “unha ameaza para a saúde mental, sexual e reprodutiva das mulleres, podendo incrementar o risco de sufrir VIH ou SIDA...”.

Non ficaremos paradas nin pasivas diante destas prácticas, cuxa erradicación constituirá un esperanzador paso adiante no camiño de conseguirmos un mundo máis humano, xusto e igualitario.


Asemblea de Mulleres do STEG
6 de febreiro de 2015
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal