ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
Manifesto da Asemblea de Mulleres
1 DE MAIO DE 2015 - MANIFESTO DA ASEMBLEA DE MULLERES

Este Primeiro de Maio de 2015, dende a Asemblea de Mulleres do STEG, temos máis motivos que nunca para encher a rúa coas nosas reivindicacións. A loita sindical feminista cárgase de argumentos ante o panorama de expolio dos nosos dereitos sociais, laborais e económicos e ante a pervivencia de antigas formas de discriminación e a revitalización doutras novas.

O custo das ideas morais e relixiosas deste Goberno cébase na nosa saúde e nos nosos dereitos reprodutivos e sexuais. A pesar de terlles suposto demisións e o repudio xeralizado de mulleres e homes que cren na LIBERDADE inherente de todas as mulleres, volven a rearmarse, esta vez contra as máis débiles, as máis desprotexidas, as máis novas, cuestionando o seu criterio e madurez para poderen decidir abortar, pero non o fan para consideraren que poden exercer a responsabilidade de seren nais.

Estase pactando ás nosas costas un TTIP que recaerá manifestamente sobre nós e afectará ás nosas vidas de xeito fundamental, dando prioridade ás normativas de Estados que, como EE.UU., non ratificaron a Convención sobre a eliminación de todas as formas de Discriminación contra a Muller (CEDAW), e non asinaron oito dos dez Convenios fundamentais da OIT como o que defende a Igualdade de remuneración entre mulleres e homes, o de Apoio a traballadores/as con responsabilidades familiares ou o de protección da maternidade que regula permisos, prestacións e dereito á lactancia.

Entre as consecuencias dese tratado atópase a privatización de servizos públicos e recortes no chamado Estado do Benestar, que volverán a incidir no emprego feminino, maioritario no sector público, destruíndo empregos de calidade, recortando gastos en servizos á infancia, á saúde e á dependencia, sendo a muller novamente o amortecedor dos servizos non recibidos e reforzando a división sexual do traballo, que sitúa no fogar a responsabilidade do sostemento da vida, rendible para a maquinaria dos mercados, pero acicate do conservatismo moral profundamente misóxino.

Este TTIP e os seus datos macroeconómicos non son neutros, reforzan os lazos entre patriarcado e neoliberalismo, mercantilizando as nosas vidas e os nosos corpos, xa que, á vez que nos fai infranqueable o “teito de cristal”, achéganos cada vez máis aos “chans pegañosos” da institucionalización da precariedade.

A perspectiva política segue obstinada en considerarnos só como vítimas, sen atallar a lacra da violencia de xénero na súa raíz: a prevención e a educación. A dotación orzamentaria para 2015 é un 23% menor que en 2009. Seguen sen aplicarse medidas de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero; das máis de 124.893 mulleres que cada ano denuncian ese tipo de violencia, só o 0,5%, han ter un contrato bonificado

Por todo isto, este Primeiro de Maio a Asemblea de Mulleres do STEG levantaremos a nosa voz para seguirmos reivindicando a Igualdade real entre homes e mulleres, e facemos un chamamento a todas as mulleres, para a unidade, a esperanza e a fortaleza, para que non se rendan na defensa dos seus dereitos, e para continuar reclamando a necesidade de redefinir o termo traballo e eliminar a súa división no espazo público e o privado, insistindo en que o coidado e o sostemento da vida - e non os beneficios dos mercados - deben estar no centro da vida económica. Por iso berraremos xuntas:
♀ Rexitamos aceptar a precarización imposta e normativizada das nosas vidas, a cambio do “progreso” económico deste país.

♀ Reclamamos un novo sistema de produción, que baixo a perspectiva dunha política económica feminista, garanta unha redistribución equitativa e unha reorganización socioeconómica onde a infancia, a crianza e o coidado non sexan “cousa de mulleres”, onde a corresponsabilidade sexa o eixo de partida e onde a igualdade salarial non sexa unha meta a alcanzar, senón un obxectivo conseguido.

♀ Esiximos unha política realista e preventiva contra o terrorismo machista que renove as bases socio afectivas nas que se sustenta e que protexa eficazmente as vítimas e os seus fillos e fillas; e que, no ámbito público, loite contra os distintos acosos que sufrimos polo feito de sermos mulleres.

♀ Instamos á paralización inmediata de calquera tratado internacional que non obrigue e sancione ás grandes transnacionais e resto de inversores e estados a actuaren baixo o principio e cumprimento da protección dos dereitos humanos.
Asemblea de Mulleres do STEG
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal