ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
23 de setembro, día internacional contra a explotación sexual

A ORGANIZACIÓN DE MULLERES DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL CONTRA A EXPLOTACIÓN SEXUAL.

Millóns de mulleres e menores no mundo son vendidas diariamente, segundo datos da ONU, que tamén estima que entre 4 e 5 millóns de persoas no mundo son vítimas de trata e o 80% para a explotación sexual, é dicir: matrimonios, prostitución e pornografía, nos tres casos, forzadas. En Europa, case que 900.000 persoas son vítimas de trata con fins de explotación sexual e laboral, aínda que a incidencia maior é no primeiro caso. E non se coñece a meirande parte dos casos.

A explotación sexual ten xénero feminino xa que logo, o 90% das vítimas son mulleres e nenas. Este negocio constitúe unha fonte de ingresos inmensa para os explotadores, mafiosos e proxenetas que se lucran a base de roubaren a vida das mulleres e nenas explotadas. Séguese a considerar que é o segundo ou terceiro negocio máis lucrativo a nivel mundial, xunto ao tráfico de armas e o de drogas. A explotación sexual move entre 5 e 7 billóns de dólares ao ano a nivel mundial; estímase que uns 3 billóns a nivel europeo.

En canto ao estado español, este lucrativo negocio move cinco millóns de euros cada día. Non hai datos nin cifras fiábeis do número de mulleres e nenas vítimas desta barbarie, xa que as estatísticas baséanse unicamente nos datos que achegan as ONG que traballan neste tema ou nos informes a partires das intervencións policiais. Destas fontes extráense as estatísticas que falan de entre 45.000 e 50.000 mulleres vítimas de trata.

Unha cifra ridícula atendendo á realidade que nos mostran bares e clubes, estradas, polígonos e zonas do extraradio das cidades cheas de mulleres -moitas delas apenas unhas nenas- sometidas a esta escravitude de diante da mirada impasíbel da sociedade. Mulleres e nenas que -ademais de estar sometidas brutalmente a esta escravitude- teñen que aturar a estigmatización por seren prostitutas.

A pobreza, os conflitos bélicos, as desigualdades sociais e en especial as de xénero, contribúen a esta explotación, conxuntamente ao auxe da denominada “industria do sexo” e da demanda cada vez maior de “servizos sexuais”. As redes de explotación sexual aproveitan a falta de normativa sancionadora dalgúns países para introducir ás súas vítimas e comezar a explotalas de forma segura, sen riscos. Así, son captadas nos seus países de orixe, enganadas e secuestradas baixo ameazas de morte delas e das súas familias. E se a policía desarticula unha rede de tráfico, na maioría dos casos as vítimas son tratadas como inmigrantes ilegais.

Ao abeiro da magnitude do problema, contrastan as cifras das intervencións policiais. Dende a posta en marcha do Plan contra a Trata de Seres Humanos con Fins de Explotación Sexual, realizáronse 462 operacións que se saldaron con 1.450 detidos e 11.751 vítimas potenciais detectadas e incautáronse 29 millóns de euros froito das investigacións, todo iso ata decembro do pasado ano.

Na Organización de Mulleres da Confederación Intersindical mostramos o noso rexeitamento á explotación sexual, unha escravitude terríbel na cal viven sometidas millóns de mulleres e menores, e por todo iso

MANIFESTAMOS:

- Que é responsabilidade dos gobernos rematar coa explotación sexual, arbitrando as medidas nacionais e instando os organismos internacionais para coordinaren as accións lexislativas, punitivas e asistenciais que sexan mester.

- Seguimos apostando e reivindicando a educación afectivo-sexual baseada no respecto á diversidade das persoas e as diferentes orientacións e identidades de xénero.

- Esiximos o desenvolvemento normativo e a dotación orzamentaria abondo para dar cobertura á mesma.

- Instamos os gobernos a tomaren as medidas necesarias para perseguir a mafias e proxenetas, coa confiscación de todos os bens obtidos froito desta escravitude e a súa reversión en atención e asistencia ás vítimas de explotación sexual.

- Esiximos a protección, asistencia, reinserción social de todas as vítimas, sen distinción de orixe nin de raza, nin a supeditación da mesma ao feito de ter interposto ou non denuncia.

Conscientes de que a explotación sexual é unha máis das violencias contra as mulleres, a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical adhírese á convocatoria da Marcha Estatal do 7 de novembro Contra as Violencias Machistas e anima á sociedade para participar nela.

 

Madrid, 23 de setembro de 2015

ORGANIZACIÓN MULLERES

 

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal