ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
15 Outubro, día da muller rural
Hoxe, día da muller rural, a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical, quere render unha homenaxe a todas estas mulleres que desenvolven un traballo invisíbel e mal remunerado.

As mulleres levan séculos sendo o sustento dos pobos, pero a este traballo pouco gratificado e valorado, engádese o traballo doméstico e de coidado que desempeñan as mulleres de forma xeral. Os poucos avances que se produciron na igualdade entre home e mulleres, non se deron do mesmo xeito no medio rural. As mulleres seguen a desenvolver un traballo, igual có dos homes pero sen as compensacións que teñen estes.

As mulleres rurais son colaboradoras fundamentais das economías do mundo e teñen un rol esencial nos países desenvoltos, incrementando a produtividade agrícola e rural e a seguridade alimentaria, e axudando a reducir os niveis de pobreza nas súas comunidades. O 80% da produción alimenticia, está en mans das mulleres, pero contrariamente a este dato, só son depositarias do 2% da riqueza mundial.
O empoleiramento das mulleres rurais, dándolles acceso aos recursos naturais e agrícolas, contribuirá a reducir a fame e a pobreza; segundo datos da ONU, estímase que o 76% da poboación vive na extrema pobreza.

No 2011 en España promulgouse a lei de Titularidade Compartida. Deste xeito, España situouse á cabeza do recoñecemento dos dereitos das mulleres rurais. Con esta lei, as mulleres poden ser cotitulares dos recursos familiares e sobre todo poderán cotizar polo seu traballo, o que lles permitirá acceder a prestacións e subvencións.
Despois destes anos, o efecto de dita lei dista moito das expectativas xeradas: poucas mulleres se beneficiaron dela. A pouca publicidade e a escasa información que se lle transmitiu ás mulleres que puideran ampararse nela, así como o machismo existente na sociedade, provocaron a falta de éxito desta lei.

No Consello de Ministros do 9 de outubro de 2015, aprobouse o Plan Nacional de Promoción da Muller Rural. Este Plan, dotado con 23 millóns de euros para o período 2015-2018, prevé a posta en marcha de 82 actuacións encamiñadas a dar máis visibilidade ás mulleres rurais e aos seus problemas, entre elas, algunhas relacionadas coa promoción da Lei de Titularidade Compartida.

Cómpre que o desenvolvemento desta lei se produza realmente por unha cuestión de xustiza social, para saldar unha débeda histórica coas mulleres do eido rural, que durante séculos estiveron relegadas a un segundo plano; para que conquiran o lugar que merecen e deben ocupar, para se empoleiraren e que o seu esforzo e tesón sexa recompensado.



Madrid, 15 de outubro de 2015
ORGANIZACIÓN DE MULLERES DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal