ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
A asemblea de mulleres do STEG súmase á súa celebración
Hoxe 28 de setembro, Día de Acción Global pola Despenalización do Aborto, seguimos reivindicando un Aborto libre, seguro e gratuíto para todas as mulleres. Séguen a producirse elevado número de mortes de mulleres, derivadas dun aborto inseguro e clandestino. Son moitos, os países onde se segue a penalizar o aborto, restrinxindo o dereito ao control da maternidade, ou eliminando completamente o acceso a un servizo sanitario seguro,que deteña estas cruentas e evitables consecuencias. Por iso, seguiremos reivindicando este dereito para todas as mulleres.

En España, o Goberno conseguiu, grazas á súa maioría absoluta, modificar a lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo limitando a autonomía de decisión para as menores de 16 anos.

Nestes momentos,no Estado español segue pendendo sobre as mulleres unha espada de Damocles na regulación do aborto, porque esta non é só unha cuestión política, nin electoralista, é unha cuestión ideolóxica e de “profundas conviccións”: a consideración da muller como ente de pleno dereito ou a consideración de muller como suxeito pasivo, instrumento de reprodución, coidadora da súa proxenie e sustentadora do sistema produtivo capitalista e patriarcal, apoiado pola Igrexa católica desde as súas orixes, como apoloxista e lexitimadora moral desta teoría socio-económica.

O dereito ao aborto forma parte dos dereitos reprodutivos das mulleres, sendo o alicerce de moitos outros dereitos que determinan a súa liberdade. De igual maneira que o dereito ao voto foi a base material para a nosa liberdade, a potestade para controlar a nosa maternidade proporciónanos o impulso para ser donas das nosas vidas.

Unha sociedade que penaliza o aborto é a que considera delicto abortar e delincuentes a quen opta por el. Unha sociedade que despenaliza o aborto é a que considera que a maternidade merece protexerse mediante un sistema sanitario público, gratuíto e seguro, que garanta que se exerza en condicións desexables e desexadas e considera ás mulleres como responsables e donas das súas vidas e os seus corpos.

Por iso, desde a ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG e a OM da Conferencia Intersindical, avogamos por unha despenalización do aborto e hoxe máis que nunca.

Este 28 de setembro estaremos nas rúas, defendendo o noso dereito e o de todas as mulleres a un "ABORTO LIBRE, SEGURO E GRATUÍTO, As MULLERES DECIDIMOS"

Asemblea de Mulleres do STEG
Organización de Mujeres de la Confederación Intersindical
28 de setembro de 2016

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal