ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
Campaña: ´Por ser nena´

O 11 de outubro é o Día Internacional das nenas. A creación dun día para elas no calendario universal foi promovida, dende 2009, pola ONG Plan Internacional, a través de súa campaña internacional "Por ser nena”.

O 19 de decembro de 2011, o Día Internacional das nenas foi proposto, por Canadá, como resolución na Asemblea Xeral de Nacións Unidas por: “A necesidade de investir e sensibilizar á sociedade sobre o necesario empoderamento das nenas co obxectivo de romper o ciclo de discriminación e violencia das cales son vítimas, e promover e protexer os seus dereitos humanos”.

En moitos países, só polo feito de ser nenas, non teñen dereito á educación; son vítimas de trata ou de mutilación xenital feminina, ou son forzadas a casar a idades temperás. Situacións onde as nenas sofren física, sexual, emocional, social e economicamente.

Falando en cifras, segundo datos da ONU, 31 millóns de nenas que están en idade de cursar estudos de primaria atópanse sen escolarizar no mundo. Calcúlase que uns 17 millóns destas nenas non poderán asistir á escola. Concretamente, existen tres países no mundo nos cales hai máis dun millón de nenas sen escolarizar. En Nixeria son case cinco millóns e medio; en Paquistán, máis de tres millóns, e en Etiopía, máis dun millón.

Máis de 30 millóns de nenas corren o risco de sufrir a práctica da mutilación xenital feminina nos próximos 10 anos. 133 millóns de nenas e mulleres xa o sufriron nos 29 países de África e Oriente Medio onde esta práctica nociva é máis habitual.

Cada 2 segundos unha nena é obrigada a casar. A escala mundial, segundo UNICEF, máis de 700 millóns de mulleres casaron sendo nenas (con menos de 18 anos de idade). En África, unha de cada tres mulleres “uns 250 millóns” casaron antes de cumprir os 15 anos. E con frecuencia as nenas casadas non poden negociar un sexo seguro, o cal as fai vulnerábeis ás infeccións de transmisión sexual e aos embarazos non desexados. As complicacións no embarazo ou no parto son a segunda causa de morte das nenas entre 15 e 19 anos. Por iso, neste día, damos todo o noso apoio á campaña de UNICEF, #NiñasNoEsposas, porque as nenas merecen gozar da súa infancia.

Calcúlase que as nenas menores de 16 anos son vítimas da metade das agresións sexuais. Cada 10 minutos, nalgún lugar do mundo, unha adolescente morre como resultado da violencia. Nos lugares de conflito, as adolescentes son especialmente vulnerables á violencia sexual e, nalgúns casos, grupos armados secuéstranas e explótanas sexualmente. 120 millóns de nenas son vítimas de trata, cada ano.

Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical subscribimos as palabras da Directora Executiva de ONU Mulleres, Phumzile Mlambo-Ngcuka, que, na súa declaración con motivo deste día, sinala: "Hoxe é o día en que centramos a nosa atención na Nena, pero non é un día illado. É parte dunha campaña masiva e implacable cara a un mundo igualitario: Por un planeta 50-50 en 2030".

Para que isto sexa posíbel, pedimos aos diferentes Gobernos e organismos institucionais que traballen e doten dos recursos necesarios para erradicar todo tipo de violencia contra as nenas: a mutilación xenital feminina, o matrimonio infantil, a trata, etc., e garantan o seu benestar, a súa educación e os seus dereitos, hoxe e sempre. POLAS NENAS!

 

Asemblea de Mulleres do STEG

Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

11 de outubro de 2016

 

documento en pdf

 

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal