ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
Comunicado da Asemblea de Mulleres do STEG
15 DE OUTUBRO DIA DAS MULLERES RURAIS
Comunicado da Asemblea de mulleres do STEG e da Organización de Mujeres de la Conferencia Intersindical

Se o papel da muller non é doado en ningún eido, é sen dúbida no rural onde as dificultades e os esforzos por superalas poden ser maiores. Neste Día Internacional das Mulleres Rurais, a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical quere recoñecer o seu traballo, e facer visíbel o moito que queda por facer a prol da igualdade.

Os poucos avances que se produciron na igualdade entre home e mulleres, non se produciron do mesmo xeito no medio rural e este ano queremos fixármonos en cuestións de saúde e coidados das mulleres do eido rural dende unha perspectiva de xénero.

A patriarcalización existe tamén en materia sanitaria. Mulleres e homes que sofren unha mesma enfermidade poden presentar síntomas distintos e poden responder diferencialmente aos medicamentos e aos tratamentos. Apenas un apuntamento, “non ter en conta que os síntomas de infarto de miocardio nas mulleres poden ser diferentes que nos homes tivo como consecuencia que se converteu na primeira causa de mortalidade entre o sexo feminino” como sinala Mariola Olcina Alvarado.

Esta é unha loita que compartimos todas as mulleres xa sexa no ámbito rural ou non. Por iso queremos facer patente as desigualdades das mulleres en materia de atención sanitaria que inclúen, entre outras, a invisibilidade dos nosos problemas de saúde, a excesiva medicalización de aspectos da nosa vida cotiá e a falta de canles de participación. Todas estas desigualdades acentúanse, máis aínda, no eido rural, pola fragmentación dos seus lugares de traballo, a insuficiente asociación e a distancia, en moitos casos, dos centros sanitarios.

Falar de saúde nas mulleres non pode ser unicamente o intento de control de procesos biolóxicos como a maternidade, o embarazo, a menopausa ou os ciclos menstruais. As políticas de saúde das mulleres deben desenvolver plenamente os seus dereitos e promover a súa incorporación a unha acción colectiva, participando activamente na toma de decisións políticas que afectan a cambios ambientais e dos servizos de saúde.

Cómpren accións concretaspara a saúde e coidados das mulleres no eido rural: concienciación das mulleres sobre o dereito que teñen a decidir na súa saúde; participación das mulleres rurais na toma de decisións sobre as prácticas en materia sanitaria e de cambio climático; necesidade de investir recursos e infraestruturas axeitados ás necesidades e percepcións das mulleres rurais; compartir en termos de igualdade cos homes as tarefas do coidado da saúde na familia. En suma, implementar as suxestións dos colectivos de mulleres relacionadas coa saúde no medio rural.

Asemblea de mulleres do STEG e Organización de Mujeres de la Conferencia Intersindical
15 de outubro de 2016

documento en pdf
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal