INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
Valoración da Asemblea de Mulleres do STEG
XORNADAS DA ORGANIZACIÓN DE MULLERES DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL
LEÓN, 6 E 7 DE MAIO DE 2017



León encheuse de feminismo esta fin de semana, ao longo do sábado e do domingo. Setenta e oito mulleres reunímonos para formarnos e para tecer redes, aludindo ao lema das nosas xornadas “Enredadas contra as violencias machistas”. Participaron mulleres de prácticamente todos os territorios do Estado Español: Illes, Canarias, Andalucía, Cataluña, Asturias, Cantabria, Castela e León, Melilla, País Valenciá, Rexión de Murcia, Euskadi e Galiza.

Comezamos o sábado cun relatorio de Rosa Cobo Bedía, profesora de Socioloxía do Xénero na Universidade da Coruña e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da mesma universidade, analizando os “Consensos e Disensos” que atopamos actualmente “dentro do feminismo”. Así, explicounos as distintas liñas de pensamento e a necesidade de chegarmos a acordos, pois xuntas e unidas podemos cambiar as cousas.

Tamén explicou que, ante as nosas accións e avances (falaba das dúas grandes marchas realizadas no Estado Español “Tren da liberdade” e “7N”), o patriarcado reármase e responde aínda de xeito máis violento. Animounos a mobilizarnos desde as bases e tomar as rúas, pois é a maneira de cambiar as cousas. O debate desta palestra foi moi enriquecedor.

O resto do día do sábado adicámolo a desenvolver tres talleres:

- “Autodefensa feminista”, a cargo de Conchi Unanue Custa, que nos ensinou estratexias para andar polas rúas sen medo e ocupando o espazo que nos corresponde. Supuxo recoñecernos como vítimas e que as nosas condutas e comportamentos como mulleres responden a toda unha bagaxe cultural e social aprendida dende que nacemos.

- “Micromachismos”, a cargo de Macu Gimeno Mengual e M Luz González Rodríguez; con este taller aprendemos como detectar esas condutas machistas que están socialmente aceptadas e que son difíciles de identificar por ese feito. Coñecelas permitiranos erradicalas, pois son o primeiro alicerce das violencias machistas.

- O terceiro taller foi un percorrido por León dende unha perspectiva feminista, guiadas por Isabel Alonso Díez, artista e feminista leonesa coñecendo a historia das súas mulleres máis importantes, unha mirada con gafa violeta para descubrir a nosa historia silenciada.


O domingo, Capitolina Díaz Martinez, profesora de Socioloxía da Universidade de Valencia e presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), falounos sobre “As mulleres e a ciencia”. Facendo unha diferenciación entre as mulleres de ciencia, as mulleres na ciencia e a ciencia con mulleres. A conclusión foi a necesidade de quitarlle o xénero á ciencia para que sexa para todas as persoas. Segundo Capitolina “Non se trata de facer ciencia feminista, senón facer ciencia como feministas”.
O cumio destas xornadas foi a homenaxe que se fixo ás responsábeis da Organización de Mulleres dende o seu nacemento. Un acto moi emotivo, onde se reencontraron as mulleres que fixeron posíbel que a nosa Organización de Mulleres sexa o que é agora. Cada unha delas fixo unha análise do seu paso por este sindicato cos seus logros e os seus fracasos, co seu apoio mutuo e a sororidade que sempre caracterizou a nosa Organización de Mulleres, quedando  patente a independencia da OM da Confederación Intersindical respecto do propio sindicato.

Pero ao tempo, este repaso era á historia das loitas das mulleres ao longo dos vintesete anos, a súa presenza no calendario como activistas non deixa lugar a dúbidas. As súas loitas e logros son as loitas e logros de todas. Por parte de Galiza estaba Branca Guerreiro Muñoz, que nos falou da importancia da formación feminista entre as mulleres da OM, non puido acudir Sonia Fernández Casal por motivos familiares pero tivémola moi presente e botámola moito en falta.
Cremos que este ano logramos facer realidade o lema das nosas xornadas “Enredadas contra as violencias machistas” porque o comentario da todas na despedida foi o de sentirse enredadas, empoderadas, fortes, unidas e valentes para a loita feminista.

-documento en pdf

                                                                                                                  Asemblea de Mulleres do STEG
                                                                                                                           10 de maio de 2017

                       
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal