ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
Día Internacional de acción pola saúde das mulleres
Día Internacional de acción pola saúde das mulleres

Hoxe, día 28 de maio celebramos o Día internacional de Acción pola Saúde das Mulleres. A OMS define a saúde como “un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades”. O dereito das mulleres para gozar de saúde integral ao longo de todo o seu ciclo vital, é un dereito humano universal consagrado polo sistema internacional de dereitos humanos. A saúde integral, pola súa banda, non é só un feito biolóxico, senón que inclúe tamén factores biopsicosociais, e estes dependen do lugar que as mulleres ocupan na sociedade (determinantes sociais da saúde), da súa capacidade de acceder aos recursos materiais e simbólicos para vivir unha vida digna, con igualdade de oportunidades, exenta de violencias.

A sociedade patriarcal na que nos atopamos nega cada día ás mulleres o seu dereito á saúde, tanto física como mental e social. Os exemplos podemos atopalos nunha ciencia que non só invisibiliza ás mulleres científicas senón que tamén elude a realidade das mulleres como usuarias dos avances científicos e a Medicina. Óbvianse os estudos que revelen os efectos secundarios dos diferentes medicamentos na poboación feminina e  tamén se obvia estudar os síntomas que as diferentes enfermidades e patoloxías manifestan entre as mulleres. Desta forma moitas mulleres chegan mesmo a falecer sen que se saiba a causa debido a infartos que non son detectados tratados a tempo, sendo detectados só cando se realiza a autopsia.

Pola contra, o interese da medicina polas mulleres céntrase única e exclusivamente nos ciclos biolóxicos centrados nas funcións reprodutivas. Así, o interese médico-comercial preocúpase de vendernos métodos anticonceptivos ás mulleres para despois venderlles medicamentos que atenúen os efectos indeseados da menopausa, curiosamente no caso da andropausia non coñecemos tanto bombardeo publicitario.
Pero a saúde das mulleres nin sequera preocupa realmente cando son máis “útiles” á sociedade, é dicir, durante o embarazo e o parto. O patriarcado ocupouse tamén de apropiarse deses momentos únicos para as mulleres, non só modificando as posturas naturais para parir senón convencéndonos de que a mellor forma para facelo é mediante partos programados que derivan nun alto número de partos instrumentalizados e cesáreas. Isto implica como consecuencia directa un maior período de recuperación para a puérpera.
Finalmente, non podemos esquecer como cada día moitas mulleres non só perden a saúde senón mesmo a vida polas continuas agresións dos fillos do patriarcado. No estado español, no que vai de ano, contabilizáronse xa 29 feminicidios.

Ante esta situación a Asemblea de Mulleres esixe:

- Investimento dos gobernos dos distintos estados e do de España, en particular, en investigacións científicas que aborden os problemas de saúde das mulleres.
- Que os laboratorios farmacéuticos investiguen os efectos secundarios das medicamentos na poboación feminina e que estes efectos secundarios téñanse en conta á hora da comercialización.
- Que se impida a nivel internacional calquera forma de comercio co corpo das mulleres.
- Que se aborde a implementación de plans de saúde integral para as mulleres.
Asemblea de Mulleres do STEG
Organización de Mujeres de la Confederación Intersindical
Ourense, 28 de maio de 2017

 

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal