INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
Comunicado da Asemblea de Mulleres do STEG
Dende a Organización de Mulleres, e a Asemblea de mulleres do STEG queremos sumarnos á celebración do Día Mundial das Nenas, entendendo este día como o axeitado para alentar aos estados e organismos internacionais a traballar, e sacudir as conciencias da cidadanía. A situación das nenas en moitos lugares do mundo é critica e non será posible chegar ao progreso da humanidade se se mira cara outro lado e non se toman medidas urxentes a escala global.

As nenas sufren na base dobre discriminación: son menores e son mulleres. Demasiado a miúdo,  a estas dúas facetas engádeselle outras como a orixe, a relixión, a pobreza, que non veñen máis que acrecentar as desigualdades. En países en vías de desenvolvemento, moitas son olladas como un medio que ten a familia para diminuir as súas penurias, o que fai que unha de cada sete nenas menores de quince anos sexan casadas á forza, seguindo ás Nacións Unidas, so durante este ano 12 millóns de mulleres menores de 18 anos contraerán matrimonio. O mesmo tempo, a OMS pon a voz de alarma en que, cada ano, máis de tres millóns de nenas esta en risco de ser vítimas da mutilación xenital feminina, aumentando  a cifra estimada de 200 millóns de nenas e mulleres vivas que xa a padeceron. E por si esto non chegara, as redes de tráfico de persoas cébanse na vulnerabilidade das nenas, e pasan a encher os petos a través de mafias de prostitución que actúan impunemente e sen fronteiras.
Sen dúbida, o foco debe porse na importancia do dereito a educación das nenas, como garante do seu empoderamento e a súa emancipación. Dende 2013, o número de nenas escolarizadas no mundo vai descendendo. O que debería ser considerado unha auténtica catástrofe, e como consucuencia tratado coa urxencia máxima de xeito coordinado por todos os organismos internacionais.
O patriarcado é implacable no seu empeño por perpetuar os estereotipos, os roles e as desigualdades de xénero e exerce a súa presión máis brutal sobre as mulleres novas para amoldarlas aos seus intereses, desposuíndoas de dereitos e de liberdades. Por iso a OM e a Asemblea de mulleres do STEG esiximos que se protexa ás nenas de todo o mundo sen escusas e sen pausa porque son o futuro, porque elas merécense vivir unha vida mellor, porque serán o motor da nosa loita futura.

-documento en pdf

                                                                                          Asemblea de Mulleres do STEG e Organización de Mulleres da Confederación Intersindical                                                                                                                            11 de outubro de 2018
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal