ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
Manifesto pola liberdade de todas nós
Quen é Laura Luelmo, somos todas as mulleres do ensino que coñecemos esta realidade e cando recibimos a nova, arrepiáronsenos as carnes.

Despois de facer un bo exame de oposición para acceder ao corpo de mestras ou profesoras de ensino, e non obter praza, liada no quefacer diario previo a entrar a traballar no ensino público, ollas o ordenador e revisas as listaxes, unha vez o día, dúas... Creas un acceso directo no escritorio do teu móbil, e xa está, miralo de cotío.

Cando na lista de interinidades e substitucións chegas a ter sesenta por diante, comezan os nervos. O teu cambio de vida está preto, supón tanto que ninguén que non estea nesta situación o pode imaxinar. Trinta, vinte, dez...E chamas a todas as túas persoas de confianza para dicirlle “estou de dez, e a semana pasada estaba de sesenta”.

Todo se achega, e ring, o teléfono soa. Cando colles cóntanche “temos catro substitucións”; pola túa mente comezan a correr mil pensamentos pero, xa está, o primeiro chanzo para formar parte do soño de ser “MESTRA”. Bravo, estás dentro, e todas nós sabemos o difícil que é eso, os días pechada na casa ou aulas de estudo, ata chegar aquí.

O día seguinte, sitúaste diante do centro educativo, entras pola porta que parece xigante, cun medo terríbel, e a emoción pura no corazón... Preguntas na administración que se atopa preto da porta e acompañante ao despacho do equipo directivo. Súas, tremes, a túa man dereita non é quen de escribir; e asinas a toma de posesión. Noraboa, xa es parte do futuro deste país, xa tes a túa vida encamiñada. E celébralo por dentro e as veces coas amizades e familia por fóra.

Isto foi o que percorreu a mente de Laura, levaba oito días gozando da aula, do novo centro, da nova casa que remataba de alugar, cando....Pafff. A sociedade, o sistema educativo, o patriarcado, Huelva, España, Europa, o mundo, matouna, asasinouna.

Nunha nación onde ser muller é un perigo e unha debilidade, onde a muller está desprotexida, e é unha irresponsábel por ir soa, viaxar soa, camiñar soa,....

Asústame, atérrame unha sociedade que pon autobuses para levarte á porta da casa pola noite, e non estuda as causas das agresións nin as atalla.

Pensemos en dicirlle as nenas que se protexan, deámoslles afouteza, carraxe, e seguridade para que deixen de ter perfil de vítimas, e comecen a estar seguras, e seren persoas autónomas sen necesidade de protección. Mentalicemos aos nenos de que elas poden camiñar soas, que poden viaxar soas, que non precisan que ninguén as vixíe ou coide... Porque cando saiban que por ir soa non poden facernos nada, que é o seu dereito, non un privilexio, rematará isto.

No intre en que no Festival de cine internacional de Ourense proxectaron o documental “Todas as mulleres que coñezo” de Xiana Teixeiro, comezamos a falar entre nós e non coñecíamos ningunha muller que non fose agredida algunha vez, de diferentes formas. Aterradas preguntámonos: “Cantos agresores hai... Para que todas teñamos algo que contar”.

Por esta razón cremos que o foco hai que poñelo no empoderamento da muller e na aceptación por parte dos homes de que non nos expoñemos nin facemos nada malo cando vivimos, camiñamos, comemos... Soas.

Vou soa, porque son libre de facer, porque son libre de ser e teño a necesidade de non me protexer porque posúo as mesmas liberdades ca ti, de chegar a casa sá e salva.

Asemblea de mulleres do STEG
Galiza, 19 de decembro de 2018
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal