INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
Comunicado da Asemblea de Mulleres do STEG
Non existe unha definición común do concepto Explotación Sexual Comercial de Nenos, Nenas e Adolescentes. En xeral, a definición máis consensuada é a que figura na Declaración e Programa para a acción do primeiro congreso mundial contra a explotación sexual comercial de nenos, nenas e adolescentes: “A explotación sexual comercial infantil é unha violación fundamental dos dereitos do neno e da nena. Comprende o abuso sexual por adultos e a remuneración en efectivo ou en especie para a criatura ou unha terceira persoa ou persoas. A nena ou o neno é tratado como un obxecto sexual e como obxecto comercial. A explotación sexual comercial de menores constitúe unha forma de coerción e violencia, e equivale a traballo forzoso e unha forma contemporánea de escravitude”

   Tres son os modos fundamentais nos que se manifesta esta violencia sexual contra a infancia:
1. Abuso sexual infantil con ou sen contacto.
2. Imaxes de abuso sexual a través das TIC.
3. Explotación infantil e trata.

   A maioría de estudos sobre o abuso sexual infantil coinciden en que a maioría das vítimas son nenas, Nacións Unidas concreta que aproximadamente un 80%.
As novas tecnoloxías, que en tantos campos foron un grande avance nas nosas vidas, axudaron ao incremento da trata infantil sexual. Miles de pedófilos asolagan as redes impunemente aproveitando calquera circunstancia de engano para obter imaxes de nenos/as sen roupa e en actitudes inusuais á súa idade. A isto podémoslle sumar o chamado “turismo sexual infantil” no que moitos homes (principalmente) viaxan a países onde acceder a este tipo de turismo é sinxelo e barato. Moitos deles son pedófilos e, moitos outros non, simplemente aprovéitanse diso cando ven a dispoñibilidade de nenas e nenos, que carecen de elementos básicos como roupa e comida, polo que en calquera momento venden o seu corpo por necesidades elementais de subsistencia. Este tipo de turismo dáse sobre todo en países pobres onde as Autoridades do Estado o oculta por beneficio propio, son ingresos económicos conseguidos impunemente por Gobernos corruptos e indignos.
   Así comprobamos que cando organismos internacionais toman medidas en países como Tailandia, un dos destinos prototípicos de turismo sexual infantil, os países próximos aproveitan para tomar a substitución como Cambodia ou Vietnam. Unha enquisa realizada en 2002 pola Organización Aldétous mostrou que de 4.214 visitas con propósitos sexuais das que houbo rexistro en Cambodia, un 36% eran do propio país, un 42% asiáticos orientais (chineses, vietnamitas e xaponeses) e 22% occidentais. Aínda que a enquisa non é recente, déixanos ver como o turismo sexual infantil está até no propio país onde nin tan sequera teñen conciencia da aberración que cometen con nenas e nenos do seu propio sangue.
   Unha das liñas de traballo que se fixo para erradicar esta práctica é o Código de Conduta que máis de 1000 empresas turísticas subscribiron. Algunhas españolas como hoteis NH, Meliá, Iberia e Grupo Barceló. O documento compromételles a loitar de maneira activa contra a prostitución infantil: informando de calquera indicio de turismo sexual, observando entradas e saídas de clientes con nenas/nenos, informando antes de viaxar do que poden atopar nestes países e o problema que poden ter si fan uso de explotación sexual infantil...en definitiva, concienciar ás persoas de se levan certas intencións na súa viaxe, que o mellor é quedar na casa.
   Hai que seguir denunciando, perseguindo, concienciando por parte da sociedade, gobernos, autoridades e ONGs, de que esta explotación debe desaparecer, e que para loitar contra este problema hai que arrincar de raíz outro moi grave, a pobreza.
   Non son culpables de nacer onde naceron, de pertencer a familias que os desafiuzan antes de ser mulleres e homes, de sobrevivir como poden...aínda que a solución sexa usar o seu corpo para encher o estómago e para arrouparse e non sentir frío cando a soidade dese mundo hostil é a súa única compaña.

-documento en pdf


Asemblea de Mulleres do STEG e Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

4 de abril de 2019
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal