INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
Comunicado da Asemblea de Mulleres do STEG
As mulleres antimilitaristas celebran cada 24 de maio o día Internacional da Muller pola Paz e o Desarmamento desde principio dos anos 80. A celebración foi instaurada por mulleres europeas para lembrar campañas realizadas polas británicas que se opuxeron á OTAN e á instalación das súas bases.

O 28 de abril de 1915, 1.136 mulleres de 12 países enfrontados pola guerra reuníronse na Haia co obxectivo de deter a Primeira Guerra Mundial, que se estaba cobrando miles de mortes. Tentaban formar un mecanismo de mediación que puidese pór fin á guerra. Os catro días de conferencias finalizaron cun envío de representantes aos xefes de Estado de 14 países (todos homes), e propúxose a creación urxente dunha Comisión de Paz por parte dos países neutrais. Así é como xorde a Liga Internacional de Mulleres pola Paz e a Liberdade, contando cunha importante fundadora, Jane Addams, socióloga e reformadora social estadounidense e Premio Nobel da Paz en 1931.

Hoxe en día a pesar dos grupos, tanto de mulleres como de homes, antimilitaristas, os países continúan armándose cada vez máis, nos últimos tempos os gastos militares incrementáronse un 7%.  Afrontar os problemas con diálogo, empatía e con interese de solucionar calquera problema antes de chegar ao conflito bélico, non é algo que teñan asumido os mandatarios da maioría de países, as loitas de “egos masculinos” ante un posible conflito leva a o” eu máis e mellor.”

Nos momentos de crise das sociedades con guerras ou desastres naturais, as mulleres adquiren un papel moi importante na axuda humanitaria, intermediarias pacifistas e transmisoras  de esperanza en conflitos que non teñen visos de desaparecer. Aínda que paradoxalmente a figura da muller en países posbélicos é ignorada.

Como exemplo de mulleres que non “tiran a toalla “atopamos ás Mulleres de negro colombianas que despois de corenta anos de sentir os horrores da guerra na súa pel e na das súas fillas e fillos mortas/os e desaparecidas/os, seguen saíndo ás rúas para lembrar ao mundo que hai que eliminar os exércitos e animar ás mulleres a ter presenza e a esixir unha política non violenta en todos os ámbitos da vida. Entre outros países que continuaron este movemento está España. En novembro de 1993 en Mérida, organizáronse unhas xornadas contra as guerras dos Balcáns nas que participaron oito mulleres de Belgrado e varias españolas de distintos lugares, todas contrarias á guerra e moi sensibilizadas polo traballo que estaban a realizar as mulleres en Belgrado. Desde este momento xurdiron grupos de apoio a MdN de Belgrado, que foron o punto de arranque dos grupos españois. Existen estas mulleres de negro españolas por toda España, destacan os grupos de Madrid, Bilbao e Valencia, aínda que os hai por máis localidades españolas. O negro como cor da pena, a dor e o racho que nos produce ás mulleres a guerra e a perda de vida de inocentes.

De todo o mundo é sabido que nos conflitos bélicos as mulleres, as nenas e nenos son os que padecen directamente a violencia física e sexual, a vulnerabilidade humana e a fraxilidade física nalgúns casos fai que esta violencia se exerza con maior facilidade sobre elas. Os soldados aliados violaron a máis dun millón de mulleres e nenas alemás despois da II Guerra Mundial; en 1937 o exército xaponés ocupou a cidade chinesa de Nankí e estímanse 80 mil mulleres violadas, durante a Segunda Guerra entre China e Xapón...Así un longo etc de atrocidades realizadas en calquera conflito bélico contra as mulleres.

Estamos cansadas de parir para a guerra, non queremos conflitos bélicos que leven aos nosos fillos/as, maridos/esposas, irmáns/as...Apostamos por un mundo que pare de fabricar e comprar armamento para producir pánico e morte no resto de países; queremos que os conflitos se solucionen a través do diálogo e do respecto cara ás demais persoas... É tarefa difícil, sabémolo, pero teremos que seguir saíndo ás rúas reivindicando un mundo pacífico que si é posible si TODOS pon do seu parte.

Que che parece se hai unha guerra e non imos ninguén!!

-documento en pdf


                                                                                      ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG E ORGANIZACIÓN DE MULLERES DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL

                                                                                       24 DE MAIO DE 2019
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal