INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
MANIFESTO DA ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG
Como cada 8 de marzo, a Asemblea de Mulleres do STEG conmemora o Día Internacional da Muller Traballadora. Lembramos e rendemos homenaxe a todas as mulleres, condenando as violencias machistas (feminicidios, violencias sexuais, trata, prostitución e aluguer de ventres, entre outras), as discriminacións múltiples e as desigualdades por razón de xénero que padecemos a metade das persoas do planeta. Todas elas atentan contra as nosas vidas, a nosa integridade e a nosa dignidade como mulleres. Promovemos así a concienciación social da cidadanía, reivindicando a plena igualdade de dereitos e oportunidades.

Temos ben presentes as mulleres galegas valentes que nos antecederon e que, co seu activismo abriron regos e camiños na loita feminista para afundir o sistema patriarcal e capitalista. Queremos dar testemuño e seguir o exemplo do camiño emprendido por elas, tamén o das mestras sindicalistas que nos precederon, mostrando e plantando cara ás inxustizas laborais das súas compañeiras, das numerosas galegas que pediron que tiveramos dereitos políticos e sociais e  dereito a unha Educación formal para as mulleres, lembrando tamén as mestras que foron castigadas e represaliadas no seu día por defender un ensino para todas.

Nos dous últimos anos a Asemblea de Mulleres convocamos e secundamos as convocatorias de folga de consumo e coidados e a folga laboral de 24 horas, baixo os lemas “Se paran as mulleres, párase o mundo” no ano 2018 e “Contra a Xustiza Patriarcal” no ano 2019. Neste ano 2020, as posibilidades de participar na folga laboral son distintas no eido educativo, por ser o domingo día non laborable para os centros de ensino de réxime xeral.

Malia iso, este ano secundamos cada unha das mobilizacións e reivindicacións programadas para este domingo 8 de marzo, apoiando así as mulleres e compañeiras que traballan os domingos e queren exercer o dereito á folga. Contribuímos á loita con e polas mulleres que traballan en situacións precarias, esixindo unha lexislación na que se recoñeza o valor e a dignidade dos traballos domésticos, os traballos de coidado das persoas dependentes e os traballos das mulleres, --tamén no rural- e esiximos a erradicación da fenda salarial entre os homes e as mulleres, un exemplo aberrante do moito camiño que aínda nos queda por percorrer.

Dende a Asemblea de Mulleres do STEG facemos un chamamento para participar todas xuntas o día 1 de Marzo na Manifestación Nacional de mulleres en Verín, e facer o día 8 de marzo folga de consumo e de coidados. Animámosvos a saír á rúa para encher de mulleres os barrios, vilas e cidades, visibilizar as nosas reivindicacións e darlle voz ás mulleres que non teñen posibilidade de alzala.

Defendámonos xuntas dos actuais ataques de quen quere impedir a Coeducación e a Igualdade de oportunidades como principio fundamental na Educación. Silenciemos aqueles que nos chaman  “femiprofesoras” porque defendemos unha escola feminista, libre de violencias machistas contra as mulleres, onde se respecte a diversidade e identidade sexual, e a educación afectivo-sexual sexa contemplada nos currículos escolares. Esixímoslle ao goberno galego e aos diferentes partidos políticos do Parlamento Galego, a apremiante necesidade de garantir os servizos públicos e de protección social para as mulleres: Sanidade digna, uns Servizos Sociais solventes e eficaces, a aplicación efectiva das leis de Igualdade e unha Educación pública coeducativa, laica e de calidade, elemento fundamental na transformación social que precisamos.
-documento en pdf
                                                 Asemblea de mulleres do STEG

                                                                MARZO DE 2020   
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal