ORGANIZACIÓN DE MULLERES CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL   
COMUNICADOS
Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de persoas
O 23 de setembro é o día que representa a loita contra a explotación sexual e a trata de persoas, na súa maioría mulleres e nenas. Foi instaurado en 1999 en Bangladés pola Coalición Internacional contra o Tráfico de Mulleres.

É imposible separar os termos explotación e trata. Foi Arxentina o primeiro país, tras detectar o inxente número de persoas que ían a estas terras a facer uso da prostitución, quen coa chamada “Lei Palacios” marcou o inicio da loita contra a escravitude de mulleres, nenos e nenas para exercer pola forza a prostitución. As mafias que se encargan deste tipo de trata con fins sexuais proliferan ao longo e largo deste mundo.

Aproveitar a vulnerabilidade de persoas, case sempre de mulleres e nenas, que padecen a chamada “feminización da pobreza” e a desesperación ante un futuro incerto e desgarrador, é sinxelamente cruel. Non temos que viaxar a países do chamado Terceiro Mundo para atopar casos de trata e explotación sexual.

En Europa e máis en concreto, en España, é doado ver como as mafias actúan de xeito impune, enganando á propia lei. Os españois son os maiores consumidores de sexo pagado de toda a UE, un 39% dos españois aseguran ter pagado algunha vez por sexo. A Organización Internacional das Migracións denuncian que medio millón de mulleres son explotadas cada ano nos mercados europeos de prostitución.

A trata de seres humanos non deixa de ser outra “violencia machista” porque afecta dunha forma maioritaria a mulleres e nenas de todo o mundo e porque son sometidas a un gran nivel de violencia, sobre todo nos casos de trata con fins de explotación sexual. Sen abandonar España, posto que é o maior consumidor de prostitución da UE e un dos primeiros no mundo, vemos que este “lucrativo negocio” xera uns cinco millóns de euros ao día, aumentando exponencialmente. Aquí a prostitución non é un delito e, aínda que si se castiga a explotación sexual, as mulleres non se atreven a denunciar aos seus “amos sexuais” por medo.

Cada vez son máis os bordeis ao largo e longo do noso territorio, e máis mozos os clientes que acoden, porque ven unha forma sinxela de obter sexo. Na nosa lexislación atopamos: O Plan Integral de Loita Contra a Trata de Mulleres e Nenas con Fins de Explotación Sexual (2015-2018) aprobado polo Consello de Ministros o 18 de setembro de 2015, establece unha serie de prioridades, obxectivos e medidas para abordar a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, definindo as unidades administrativas competentes para implementalas, así como aquelas entidades que poderán colaborar na súa execución. É evidente que a Administración debe contemplar que algo se está a facer moi mal cando continúan chegando a España mulleres e nenas enganadas ou coaccionadas para exercer a prostitución.

Na maioría de ocasións crean un vínculo de dependencia forte cos seus proxenetas que lles impide ir mais alá da situación que teñen porque fóra non hai saída para elas, ou así llelo fan ver.

Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical non deixaremos de insistir ano tras ano na denuncia desta situación real de escravitude sexual, que lonxe de ser abolida e perseguida, aumenta a cifra destas mulleres ano tras ano con total impunidade. Non sabemos se é que os nosos Gobernos non se dan de conta de que así NON, mais seguimos sen medidas importantes e contundentes que erradiquen esta lacra machista. UN CAMIÑO SEN TRATA NIN EXPLOTACIÓN SEXUAL É A NOSA META
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal