ORGANIZACIÓN DE MULLERES CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL   
COMUNICADOS
Os dereitos reprodutivos tamén son dereitos humanos
OS DEREITOS REPRODUTIVOS TAMÉN SON DEREITOS HUMANOS

A Organización de Mulleres da Confederación Intersindical, como cada 28 de setembro, asina o seu compromiso na loita polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e a despenalización do aborto. Desgraciadamente, as feministas debemos continuar alzando a voz ao berro de “Nós parimos, nós decidimos” porque o aborto está restrinxido en gran parte do mundo e continúa a ser considerado un delito grave en moitos países. Ninguén máis que as mulleres temos dereito a decidir sobre a nosa maternidade e non deberiamos sofrer ningunha criminalización polas nosas decisións. É máis, todos os Estados do mundo deben garantir un aborto libre e seguro para todas as mulleres, unha educación afectivo-sexual para previr embarazos non desexados, e o acceso universal a métodos anticonceptivos gratuítos.

O Estado Español ten actualmente unha lei do aborto máis permisiva que outros países, pero segue gravando economicamente a anticoncepción, o cal é un grave obstáculo para a plena dispoñibilidade de métodos eficaces como a pílula do día despois, os dispositivos intrauterinos, a pílula anticonceptiva ou os preservativos. Esiximos que o Sistema Nacional de Saúde financie integramente os métodos anticonceptivos e se asegure de que estean dispoñibles en todas e cada unha das farmacias, xa que é inexplicable que nun país que se considera civilizado se permita que un establecemento farmacéutico abra a persiana mentres se negue a vender anticonceptivos por motivos ideolóxicos.

Nesta liña, a Organización de Mulleres esixe que se cumpran de xeito inmediato as recomendacións que a ONU dirixíu ao Estado Español xa no ano 2015 e que aínda non se implementaron: eliminar as trabas á Interrupción Voluntaria do Embarazo (incluíndo as charlas pro-vida que nalgúns territorios se dan por motivos relixiosos); garantir a súa cobertura universal e pública (o 90% de IVEs realízanse en centros privados); e revisar a tutela sobre as menores de 16 e 17 anos, que legalmente deben ter o consentimento familiar para poder abortar.

Tamén pedimos que se elimine a limitación do aborto voluntario fóra dos prazos e supostos do Código Penal, e que cese a obxección de conciencia para a práctica da IVE, xa que é contraria ao artigo 12 da convención CEDAW sobre a saúde das mulleres: o Estado Español non pode continuar poñendo as crenzas relixiosas por diante do dereito á prestación. Non queremos deixar pasar este día de reivindicación sen facer mención á Loita verde das nosas irmás arxentinas que puxeron a toda Latinoamérica en pé de guerra para que os dereitos das mulleres se empecen a respectar.

Baixo o lema: “Polo dereito a decidir” o Movemento Feminista Arxentino deu unha lección ao mundo impagábel: non hai gobernos nin sociedades que freen ás mulleres unidas na defensa dos seus dereitos. Hoxe tamén nos unimos ás súas voces e esiximos o aborto legal para non morrer.

Tamén queremos dar a noraboa ás nosas compañeiras de Oaxaca que é a segunda cidade de México en despenalizar o aborto. Pouco a pouco as mulleres acadaremos que en todo o mundo se respecten os nosos dereitos sexuais e reprodutivos.
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal