ORGANIZACIÓN DE MULLERES CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL   
COMUNICADOS
Día da docente
O 66,5% de todo o profesorado é muller: dende un 96,7% en educación infantil ata o 41,3% nas Universidades. Esta feminización da ensinanza non só ocorre en España; na maioría dos países dáse a mesma circunstancia. Porén as funcións directivas son desenvoltas maioritariamente por homes. Como é posíbel que nos centros escolares onde hai unha maioría de mulleres, os postos de responsabilidade sexan ocupados por homes? Ano 2020 e moitas son as mulleres que seguen pensando que non están capacitadas para elo. A sociedade ensínanos que calidades como a obxectividade, o carácter forte, o don de mando, a racionalidade... son cousas de homes. Isto hai que unilo a que as mulleres consideran que desempeñar o posto sería para elas ter un terceiro emprego: casa, ensinanza e dirección. Son elas responsábeis? A resposta é NON. Non só é a sociedade; as políticas económicas e sociais actuais fan que sexa a muller a responsábel única das súas decisións co que as posibilidades de elección, lonxe de ampliarse, delimítanse en torno a súa familia. Durante estes anos, e sobre todo a raíz do decreto lei 14/2012, as docentes retrocedemos aínda máis en dereitos: 37,5 horas en lugar de 35, serodia substitución de docentes, maior número de alumnado por aula, perda de remuneración dos meses de verán para profesorado interino... ataca directamente á muller, porque é, na súa maioría, quen o realiza. Actualmente, a Pandemia desbordou as inxustizas cometidas cara nós, as docentes: máis traballo e menos protección, traballadoras de risco ou embarazadas deben acudir ao seu posto de traballo e están expostas a unha enfermidade da que pouco se sabe e menos aínda das súas consecuencias... Polo tanto: non debemos permanecer impasíbeis ante todas estas inxustizas, non debemos dar ás ao COVID e convertelo en escudo no que “todo vale”, e “que lle imos facer!”. Debemos loitar por uns postos de traballo seguros e garantir unha educación de calidade para que as nosas fillas e os nosos fillos continúen o labor que nós lles ensinamos.
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal