ORGANIZACIÓN DE MULLERES CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL   
COMUNICADOS
A miña voz, o noso futuro en común

11 de outubro Día das Nenas, “A miña voz, o noso futuro en común”

 

A proposta de Nacións Unidas, e dende o 2011; cada 11 de outubro conmemórase o Día das Nenas a nivel mundial.

Con esta conmemoración preténdese visibilizar e denunciar a discriminación e os abusos que sofren as nenas polo simple feito de ser nenas. A mutilación xenital feminina, os casamentos forzados de nenas, a trata con fins de explotación sexual, a ausencia de escolarización ou o abandono temperán desta son algúns destes abusos. A conmemoración pretende sacudir a conciencia social e á vez esixir aos gobernos medidas de protección para estas menores en situación de vulnerabilidade.

Segundo Nacións Unidas, en todo o mundo, case unha de cada catro rapazas de entre 15 e 19 anos non está empregada nin estuda ou recibe capacitación, en comparación con 1 de cada 10 rapaces da mesma idade. Para o 2021, ao redor de 435 millóns de mulleres e nenas vivirán con menos de $1,90 ao día, incluíndo 47 millóns empuxadas á pobreza como resultado do COVID-19.

Esta Pandemia global afecta especialmente ás persoas máis vulnerábeis, e nesta situación atópanse as nenas. A campaña mundial pola escolarización das nenas para que se empoderen, se formen, se preparen para a vida e para dirixir o cambio, vese interrompida por esta pandemia, o cal pode levar a una recesión importante. Agora mesmo por efecto do COVID-19, segundo SAVE THE CHILDREN, hai 10 millóns de nenas e nenos sen escolarizar. Cada vez é máis difícil lograr o seu retorno ás aulas porque, aínda que estas abrisen, as necesidades económicas das familias, acrecentadas pola crise, obrigan a estas nenas e nenos a traballar para levar algúns cartos á súa familia e esta situación afástaas da volta ás aulas.

As nenas sofren dobremente, por estar en risco e por ser nenas. Debemos loitar por elas, debemos loitar por darlles un futuro mellor, debemos traballar polo seu empoderamento, debemos darlles recursos para mellorar as súas condicións. Un destes recursos, e dos máis importantes, é a educación. Dende a nosa posición privilexiada debemos esixir aos gobernos de todo o mundo que velen polas nosas nenas (por todas pero, sobre todo, polas máis vulnerábeis), que se retome a súa escolarización alá onde aínda non se fixo, que se establezan leis contra os abusos aos que están sometidas e que se lles protexa.

As nenas son o noso futuro (O mundo alberga a máis de 1100 millóns de nenas menores de 18 anos que están preparadas para converterse na xeración máis grande de mulleres líderes, emprendedoras e promotoras do cambio que o mundo vira. (ONU MULLERES)

  • Vivir libres da violencia por razón de xénero, das prácticas nocivas, e do VIH e do SIDA.

  • Aprender novas habilidades para o futuro que elas elixan. 

  • Dirixir unha xeración de activistas para acelerar o cambio social.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal