ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
DÍA INTERNACIONAL CONTRA A MUTILACIÓN XENITAL FEMININA

 

Outro ano máis recordamos ao Mundo, no día 6 de febreiro, que hai millóns de nenas e mulleres que seguen sufrindo violencia dos seus dereitos humanos porque, sen razóns médicas,se lles extirpan parcial ou totalmente os seus xenitais externos. Isto constitúe unha forma extrema de discriminación da muller, sendo unha das razóns querer controlar a súa sexualidade.

Segundo Nacións Unidas (ano 2019) UNHA DE CADA 20 NENAS E MULLERES SUFRIRON ALGUNHA FORMA DE MUTILACIÓN XENITAL . Isto significa 200 millóns de nenas. A súa práctica xeneralízase entre a infancia e os 15 anos, constituíndo unha transgresión dos dereitos da nena. En moitos casos emprégase a forza para levar a cabo esta violación que supón perigo para a saúde, dor e sufrimentos innecesarios, consecuencias físicas e psicolóxicas, eliminación e dano de tecidos sans e normais e nalgúns casos o falecemento.

Todo isto leva consigo o incumprimento dos dereitos á saúde; á seguridade e á integridade física; o dereito a non ser sometida a torturas e tratos crueis, inhumanos ou degradantes; e o dereito á vida, nos casos en que o procedemento acaba producindo a morte.

En África calcúlase que cada ano 3 millóns de nenas e mulleres corren o riscode ser mutiladas. Esta práctica lévase a cabo tamén nalgúns países de Asia, Oriente Medio e, en menor medida, en comunidades de inmigrantes en Europa, Australia, Canadá, Nova Zelandia e Estados Unidos.

Máis do 90% das mulleres e as nenas de Guinea e Somalia son sometidas a algunha forma de mutilación ou ablación xenital.

O razoamento dos países que practican esta violación de dereitos, entre outros, é que preparan ás nenas para a vida adulta e o matrimonio, conservación da virxindade e fidelidade no matrimonio e aumentar o pracer sexual masculino.

Celebramos que se dese o paso en Sudán o 22 de abril de 2020 de aprobar una emenda que convirte a mutilación xenital nun delito puníbel (neste país o 86,6% de mulleres e nenas foron sometidas a esta violación).

Nesoutros países debemos esixir políticas e leis que protexan o dereito das nenas e as mulleres a vivir sen sufrir violencia nin discriminación. Hai que elaborar plans para erradicar esta práctica en todos os países en que se realiza que inclúan servizos de saúde sexual e reprodutiva, asistencia social e xurídica e, a través da educación, eliminar estas prácticas nocivas para os dereitos das nenas e mulleres.

Estas mulleres silenciadas teñen nas voces da ORGANIZACIÓN DE MULLERES DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL o berro para dicir: ABOLICIÓN DESTA PRÁCTICA PERVERSA QUE DISCRIMINA SEN LÍMITE OS DEREITOS DAS NENAS, E QUE INFRINXE A DECLARACIÓN UNIVERSAL DE DEREITOS HUMANOS.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal