ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

 

En 2015 a Asemblea Xeral da ONU aprobaba unha resolución que decidía proclamar o 11 de febreiro de cada ano Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Declaraba que as mulleres, que representan a metade da poboación mundial, seguen a estar excluídas de participar plenamente na economía; recoñecendo que a súa participación nas comunidades científica e tecnolóxica debería reforzarse pois desempeñan un papel fundamental.

O ano pasado, Audrey Azoulay, Directora Xeral da UNESCO, co gallo da conmemoración do Día, manifestaba que “a plena igualdade das mulleres sería o sinal máis seguro da civilización e duplicaría as forzas intelectuais do xénero humano”. Pero tamén reflectía na súa mensaxe que, a pesar dos progresos que se fixeron ao longo do século XX, segue a existir unha desigualdade manifesta que debe ser motivo de grande preocupación.

En España a Lei Orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, xorde como resposta combativa a todas as manifestacións de discriminación por razón de sexo que aínda permanecen, co obxectivo de acadar a igualdade real entre mulleres e homes, e de eliminar os estereotipos sociais que impiden alcanzala. Contempla esta lei que as Administracións Educativas desenvolverán entre outras as seguintes actuacións: a) A atención especial nos currículos e en todas as etapas educativas ao principio de igualdade entre mulleres e homes. f) O establecemento de medidas educativas destinadas ao recoñecemento e ensinanza do papel das mulleres na Historia.

Porén, o maior estudo sobre a presenza de mulleres nos materiais educativos, publicado en 2015 por Ana López-Navajas, revela unha media do 7,5% de aparicións de mulleres en todas as materias da educación secundaria.

A revista Science publicaba en 2017 os resultados dunha investigación, elaborada en tres universidades de EEUU (de Nova York, de Illinois e de Princeton), a cal concluía que a elección de disciplinas académicas por parte de mulleres e homes parece estar influenciada polas percepcións que se teñen sobre a intelixencia. As nenas tenden a pensar que non son o suficientemente listas para dedicarse a disciplinas científicas. Sinc Lin Bian, coautora do estudo, afirmaba que “os estereotipos que outorgan unha maior habilidade intelectual aos nenos que ás nenas emerxen moi cedo e teñen un impacto sobre as aspiracións profesionais das mulleres”. Andrei Cimpian, coautor do estudo, admitía que lles sorprendera atopar esas actitudes xa aos seis anos.

A Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, AMIT, organización non gobernamental e sen ánimo de lucro, de ámbito estatal, integrada por investigadoras e tecnólogas, é plenamente consciente de que o talento non ten xénero, e que prescindir do que podería desenvolverse en nenas e rapazas que non elixen unha carreira científica por non ter espellos nos que verse reflectidas; é unha herdanza cultural que non nos podemos seguir permitindo. Xa que logo, este ano lanzou unha campaña nas redes sociais, que baixo o epígrafe #NoMoreMatildas, quere denunciar o esquecemento sistemático ao que foron sometidas as mulleres científicas ao longo da historia. Co obxectivo de recuperar ás súas traxectorias, elaboraron un anexo para os libros de texto, no que fan visibles a estas mulleres, e amosan ao alumnado que a ciencia non ten xénero.

Ao mesmo tempo podemos tomar en consideración a publicación Científicas en Cifras 2017, que analiza a presenza relativa de mulleres nos distintos niveis e ámbitos da ciencia en España, con especial atención á carreira investigadora en universidades e Organismos Públicos de Investigación. As cifras seguen a estar lonxe das desexables. Denotan que aínda é moi escasa a presenza de mulleres nos cargos de goberno, e que se mantén o teito de cristal na carreira investigadora. Dáse a circunstancia de que, aínda que o 55% dos títulos universitarios acádanos mulleres, só ocupan o 20% dos postos de liderado na carreira científica.

Unha investigadora pioneira, que introduciu a bioloxía molecular na ciencia española, Margarita Salas, manifestaba, nunha entrevista, a complexidade de ser muller nun campo como a Ciencia. Falaba dos seus comezos difíciles, xa que nos anos 60 pensábase que as mulleres non tiñan capacidade para a investigación, e contaba que cando comezou a facer a súa tese doutoral, para o seu director de tese, ela era invisible. Con todo, a patente do descubrimento de Margarita Salas foi a máis rendíbel para a Ciencia en España.

Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical queremos manifestar o noso compromiso coa loita pola igualdade de xénero e máis o apoderamento das mulleres e das nenas, contribuíndo a lograr o seu acceso e a súa participación plena e equitativa na ciencia e recordando, cada 11 de febreiro, que a participación das mulleres e as nenas nas comunidades científica e tecnolóxica debe fortalecerse.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal