ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
Día internacional contra a trata coa finalidade de explotación sexual

 

As cifras son contundentes: a nivel mundial, o 84% do tráfico de seres humanos realízase con fins de explotación sexual. Dentro desta porcentaxe, o 94% das vítimas son mulleres e nenas. En España, isto tradúcese nun total de 45.000 mulleres e nenas vertidas ao sistema prostitucional. A trata é a escravitude do século XXI.

O Estado Español é o país de Europa con maior demanda de sexo pagado. A porcentaxe que se desprende do último estudo realizado pola ONU é demoledor: o 39% dos homes en idade adulta pagou nalgunha ocasión para manter relacións sexuais cunha muller; dato que nos sitúa á cabeza entre os países europeos, e como terceiro estado a nivel mundial, onde máis prostitución se consome.

Unha realidade que leva detrás infinidade de relatos de escravitude, que empeoraron coa crise do coronavirus. Durante o confinamento, as administracións non puxeron suficientes medios para dar unha resposta real e efectiva ás necesidades das mulleres prostituídas e, unha vez finalizado o estado de alarma, todo segue igual, que é o mesmo que dicir que todo segue empeorando. En lugar de aproveitar que se cerraran os bordeis (que son auténticos campos de concentración, en palabras de Amelia Tiganus) para poñer en marcha un plan sistemático de inserción e acollida, as autoridades deixaron de novo ás mulleres a mercé de proxenetas e de violadores previo pago. Ademais, as asociacións que atenden a estas mulleres tiveron moitísimas dificultades para poder chegar a elas en pisos, rotondas e polígonos, o que é totalmente imprescindible para que poidan iniciar o camiño de saída do inferno en que viven.

A outra cara da moeda da miseria que viven as mulleres prostituídas son os pingües beneficios que produce. Dende o ano 2014 e por normativa europea, introduciuse unha estimación de canto aporta a prostitución ao Produto Interior Bruto. Segundo o INE, a estimación é que o sexo pagado representa un 0,35% do PIB, o que supón 4.100 millóns de euros anuais. Esta inxente cantidade de diñeiro basease no crime e a violencia sobre a muller exercida por traficantes, proxenetas e consumidores de prostitución, e consentida polo Estado. Sobre todos eles, debe caer o peso da lei, dende o primeiro ata o último, o mal chamado "cliente", que non ten ningún problema en pagar por ter sexo cunha muller que non o desexa e que nunha altísima probabilidade é vítima de trata de mulleres.

A Organización de Mulleres da Confederación Intersindical traballa para que exista un mundo onde ningún home pense que ten o dereito de pagar por satisfacer os seus desexos sexuais. Por iso temos que acadar unha verdadeira coeducación que faga que os nosos nenos saiban establecer relacións igualitarias. Como di Rosa Cobo Bedía: “a prostitución é unha escola de desigualdade, xa que os nosos nenos son educados sabendo que en calquera momento e por un módico prezo poderán acceder ao corpo dunha muller. Non hai unha verdadeira coeducación que faga que as nosas nenas se empoderen e non crean que as súas vidas e corpos están a disposición dos homes.”

A sociedade non pode dar as costas a esta vergoña. Vivas e libres querémonos!

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal