ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
Día Mundial da Menopausia

A menopausia, a gran esquecida, tamén dentro do feminismo

O
18 de outubro é o Día Mundial da Menopausia, a partir dun acordo entre a Sociedade Internacional da Menopausia (SIM) e a Organización Mundial da Saúde (OMS).

A conmemoración deste día ten por obxecto axudar a crear conciencia sobre a necesidade de avaliar e previr a saúde nas mulleres, durante este periodo tan delicado da súa vida.

A OMS define a menopausia natural como "o cese permanente da menstruación, determinada de forma retrospectiva, despois de 12 meses consecutivos de falta de regla, sen causas patolóxicas". Actualmente a media de idade está establecida en 48,5+/-3,8 anos.

Os cambios e síntomas comúns da perimenopausia inclúen: calores, suoración, perturbación do sono, cambios no estado de ánimo e ansiedade, migrañas, perda de memoria, cambios no apetito sexual, resequedade vaxinal e comezón, diminución na fertilidade ou infertilidade, e aumento da graxa abdominal (14-19). Os cambios a longo prazo para ter en conta inclúen perda da densidade ósea, resequedade vaxinal, cambios na función urinaria e cambios na función sexual (14,20,21).

Dende o movemento feminista loitouse por visibilizar a menstruación como un proceso natural, intentando quitar todo estigma asociado a este proceso da vida das mulleres. Pero, dende o movemento feminista, deixouse de lado todo o alusivo á menopausia. Parece que, os estereotipos sociais asociados a esta etapa da vida das mulleres, prodúcennos máis inseguridades, será que se asociou sempre a menopausia á perda de condición de “muller”? Está claro que dende uns prexuízos sociais onde se considera que ser muller está estreitamente relacionado ao sexo e a reprodución, a menopausia quítanos ambas condicións, co que socialmente perdemos o estatus que se nos outorgou ao longo dos séculos, e que o patriarcado non dubidou en perpetuar.

A menopausia é un cambio hormonal importante nas mulleres, cambios que deixan secuelas, iso é innegable, e por isto é preciso coñecer os síntomas e dar a resposta que cada muller precisa para pasar este tránsito da mellor forma posible e sen consecuencias a longo prazo. Debemos traballar para identificar eses síntomas, e dar solucións de forma integral, tanto aos síntomas físicos, como aos psicolóxicos, sociais, de relacións, ….

Pero temos que deixar claro que non é unha enfermidade, é outra etapa máis da vida das mulleres. Consideralo unha enfermidade é beneficioso para as farmacéuticas, que coas súas terapias de substitución hormonal queren, unha vez máis, denigrar e menosprezar unha etapa natural da vida das mulleres.

Neste caso, a sororidade é fundamental: falar entre iguais, comentar e pór en común os distintos síntomas físicos, os estados emocionais que pasamos, identificar que o que nos pasa non é algo anómalo, que en maior ou menor medida todas pasamos por elo.

Recoñecer e identificar este proceso fainos máis sinxelo o tránsito cara unha nova etapa e fainos máis libres. Como di Anna Freixas:

Hai un mutismo sospeitoso acerca das posíbels bondades da transición menopáusica, quizais temendo que poida producirse un entusiasmo colectivo e contaxioso por parte das mulleres “afortunadamente sen regra”. Unha rebelión de mulleres maiores, sabias e libres.

 

Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

 

 

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal